Dende Esquerda Unida sumámonos á concentración que o BNG convocou para o vindeiro luns ás 12 do mediodía á porta do Centro de Saúde en protesta pola situación que se está a vivir coa nosa atención primaria.
Nos últimos meses estamos vivindo unha grave precariedade en canto a servicios de atención no noso Centro de Saúde. A falta continua de facultativos tanto no servizo de atención primaria como do PAC está a provocar longas demoras á hora de acadar unha cita, a anulación das xa concertadas, a derivación da atención a outros centros da contorna ou ao Hospital Provincial e, o que é peor, a necesidade de acudir a centros privados para lograr solucións.
Esta situación agravouse nestes últimos días, no que o Centro de Saúde do Grove pasou a contar con un único facultativo que só atendía urxencias. De continuar esta condición, a gravidade verase acentuada debido ao aumento poboacional derivado do comezo da época estival.
Lamentamos as verbas do xerente da EOXI do pasado martes, que en lugar de procurar solucións limitouse a indicar que non se cubrirán as vacacións dos facultativos e que a atención estaría garantida, cuestión que como se demostra no Centro de Saúde do Grove é totalmente mentira. Dende Esquerda Unida solicitamos a dimisión do xerente e do seu equipo ao fronte da área sanitaria Pontevedra-Salnés, pois quedou demostrado que no lugar de resolver os problemas que se veñen sucedendo, estes estanse a agravar cada vez máis.
É preciso saír á rúa para parar as políticas que están a acabar coa atención primaria en particular, e coa sanidade pública en xeral. Desde Esquerda Unida seguimos apostando por unha resposta conxunta de toda a corporación municipal e a poboación en xeral ante esta situación de deterioro do servizo no noso centro de saúde.
Neste senso, apreciamos unha falta de interese por parte do goberno municipal á hora de procurar estas accións conxuntas. É por iso polo que xa solicitamos unha xuntanza de voceiros, na que proporemos a petición formal da corporación municipal para solicitar a dimisión da dirección da EOXI de Pontevedra/Salnés e do Conselleiro de Sanidade.
Así mesmo facemos un chamamento á participación de toda a veciñanza na concentración do vindeiro luns ás 12 do medio día diante do Centro de Saúde do Monte da Vila.