domingo, 30 de setembro de 2018

EU amosa a súa preocupación polo atraso na licitación e posta en marcha da obra do Auditorio-Escola de Música

A formación alerta do grave problema que o feito de non cumprir cos prazos estipulados pode ocasionar ás arcas municipais

Denuncia as “chantaxes” empregadas no seu día polo alcalde para aprobar un crédito que, finalmente, o goberno local está empregando noutras actuacións diferentes


O Grove, 29 de setembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno local a actuar coa máxima dilixencia e responsabilidade para evitar que O Grove teña que devolver o millón e medio de euros concedido pola Deputación de Pontevedra para a construcción do Auditorio-Escola de Música. A formación ve con preocupación o importante e cada vez maior atraso que acumula a posta en marcha dunha obra que deberá estar rematada antes do 30 de xuño se o Concello non quere verse na obriga de reembolsar a aportación económica do goberno provincial.

A pesar das présas, presións e chantaxes empregadas polo alcalde cando, hai xa máis dun ano, instaba á oposición a respaldar un crédito de 4,5 millóns de euros para a construcción do auditorio, os meses pasan e no Monte da Vila todo segue igual. Unha parálise que Esquerda Unida observa cada vez con maior preocupación, pois o feito de non rematar a tempo esta obra podería supoñer un gravísimo problema para as contas do Concello do Grove.

A mesa de contratación reuniuse o 27 de xullo para proceder á apertura dos sobres A e B. Sen embargo, os meses pasan, o remate do ano vaise achegando e o proceso de licitación atópase paralizado dende aquel momento.

A obra do auditorio-escola de música conta cun prazo de execución estipulado de 8 meses, polo que o feito de “non tela licitada nestas datas ocasiona que os prazos para a execución da obra sexan cada vez máis xustos. Tendo en conta que se pide tela rematada antes do 30/06/2019 para tela xustificada antes do 30/09/2019 estamos a 9 meses da primeira data e a 12 da segunda, cando queda aínda por licitar a obra, así como o período de reclamacións, a sinatura do contrato e o comezo dos traballos; algo que pode demorarse ata un mes dende que se coñeza a empresa que gaña a licitación”, explica o responsable local de Esquerda Unida.

Así as cousas, a preocupación nas filas da formación local vai en aumento. E é que, tal e como indica José Antonio Otero, se O Grove non cumpre cos prazos establecidos o Concello veríase na obriga de solicitar un novo crédito para poder devolver o millón e medio de euros da subvención da Deputación. 

Esquerda Unida lamenta que o tempo veña darlle a razón e corrobore a mala xestión que o goberno de Jose Cacabelos ten realizado en relación a este asunto. Un proxecto estrela que o rexedor local quixo sacar adiante anunciándoo a bombo e platillo e con demasiada presa; sen ter en conta nin tan sequera a realidade da parcela en cuestión. E é que, cabe lembrar que o proxecto acumula xa antes de comezar un importante sobrecusto, consecuencia dos cambios que foi preciso efectuar nel para adaptar á realidade do terreo un deseño que o rexedor local presentou publicamente antes de ter definidos os límites da parcela municipal na que se realizará a obra.

Esquerda Unida insta ao goberno local a actuar coa máxima responsabilidade para que ese sobrecuste non se incremente aínda máis e para que o proxecto poida materializarse e non se convirta nun estrepitoso fracaso. E é que, tal e como lembra o voceiro de EU, unha vez que a Deputación anunciou a concesión de 1,5 millóns de euros para a construción do auditorio, o alcalde decidiu cambiar o destino da mesma cantidade do crédito de 4,5 aprobado a mediados do 2016 co apoio do PGD. Así as cousas e chegados a este momento, se o Concello non puidera cumprir cos prazos de execución estipulados O Grove atoparíase sen auditorio e con dous créditos. O de 4,5 millóns que o alcalde propuxo no seu día como a única solución para que a localidade puidese contar cun auditorio (e que lle ten dado carta branca para sacar adiante distintos proxectos sen necesidade de contar coa oposición); e o de 1,5 millóns que se vería na obriga de solicitar a maiores para devolver os fondos da Deputación.

“Todo isto volve amosar que estabamos no certo cando no seu día denunciábamos a mala xestión do goberno neste asunto”, indica Otero, que lamenta as “chantaxes e presións públicas empregadas por Cacabelos para forzar á oposición a aprobar un crédito que finalmente está utilizando para outros asuntos de modo absolutamente electoralista”. 

mércores, 26 de setembro de 2018

EU reclama solucións ao caos circulatorio derivado do peche dun carril en Alexandre Bóveda

Denuncia o colapso que a medida ten xerado en rúas próximas como a Avenida de Portugal, e insta ao goberno local a avanzar na elaboración do Plan de Mobilidade

Reclamouno no pleno, onde tamén solicitou un maior celo do control aos propietarios que non recollen as deposicións dos seus animais en rúas e camiños



O Grove, 25 de setembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno local a convocar coa máxima urxencia unha xuntanza de traballo que permita avanzar na elaboración do Plan de Mobilidade local e aporte solucións aos problemas xerados polos últimos cambios relacionados coa ordenación do tráfico no casco urbano. A formación lamenta o caos circulatorio que o peche dun carril en Alexandre Bóveda ten xerado en rúas próximas como a Avenida de Portugal, e denuncia a falta de planificación nesta materia. Unha deficiente xestión que evidencia tamén o inaceptable atraso que acumula a posta en funcionamento dos novos sistemas de control do tráfico en rúas peonís como a Catorse, onde case un ano despois da obra de humanización os pivotes móbiles continúan sen funcionar. Foi un dos temas que os concelleiros de EU levaron ao pleno deste mes de setembro. Unha sesión na que os edís esquerdistas debullaron ademais a longa lista de deberes pendentes que, a pesar dos reiterados rogos realizados pola formación ao longo de sucesivos meses, o Concello continúa sen atender. 

Esquerda Unida urxe solucións, análise e traballo que permitan mellorar o mapa do tráfico da localidade, e lamenta que as palabras e compromisos do goberno local as leve o vento. E é que resulta inaceptable que, cando está a piques de cumprirse un ano da peonalización da Catorse, as tarxetas para residentes e usuarios anunciadas continúen sen estar en uso, e o pivote móbil permanentemente apagado.

Esquerda Unida lamenta a resistencia do goberno local do PSOE a ter en conta as aportacións e ideas que lle chegan dende as filas da oposición. Unha reticencia ao diálogo que perxudica, en última instancia, á cidadanía. E que se traduce nun inxente número de pequenos problemas do día a día pendentes de resolver que se prolongan no tempo. 

Sen solucionar está o problema de iluminación no entorno de Rosalía de Castro que a veciñanza ten feito chegar aos concelleiros de EU, e que éstes trasladaron ao conxunto do pleno xa en xaneiro. Do mesmo xeito que continúa pendente a instalación de bolardos que impidan o estacionamento e favorezan a visibilidade no cruce da Fontegrande coa rúa da Igrexa, solicitados en febreiro. 

A formación tamén aproveitou o pleno deste luns para volver lembrarlle ao grupo de goberno a necesidade dun paso de peón na saída de Entrehortas, entre a farmacia e a parada de taxis, que xa fora solicitado en maio. Así como o déficit de papeleiras en diferentes rúas grovenses, como Lepanto, Con do Gato ou Raposeira (neste caso, solicitado en marzo).

A formación incide ademais na mala imaxe e na falta de seguridade que provoca o estado da área de xogos infantís da Siradella. Un deterioro que Esquerda Unida xa ten denunciado en pleno en máis dunha ocasión, e en relación ao cal os concelleiros do grupo municipal de EU volveron solicitar ao Concello que se dirixa á Comunidade de Montes de San Martiño para pedir a retirada dos restos das randeeiras existentes antes de que éstas ocasionen algún accidente.

Esquerda Unida tamén aproveitou o pleno deste luns para volver reclamar ao Concello que solicite á Xunta a reposición da deteriorada sinalización viaria da estrada do istmo. E a Emgrobes a retirada da caseta informativa da Lanzada, pois son moitos os visitantes que paran alí pensando que está en funcionamento.

A formación lamenta ademais a resistencia do goberno local a facilitar información á oposición sobre distintos proxectos en marcha aínda a pesar de tela solicitado por rexistro. 

venres, 21 de setembro de 2018

EU insta ao goberno local a contestar as alegacións e a abrir a segunda exposición pública do PXOM

A formación denuncia o baile de datas que o alcalde mantén desde hai xa máis dun ano

“Son os veciños os que teñen que dar o visto bo ao Plan Xeral, e iso só pode ser a través dun proceso no que se permitan as alegacións”, destaca José Antonio Otero

O responsable local dubida das novas estimacións temporais, e tilda de incongruente que o rexedor volva falar de publicar a planimetría cando esta segue sen ser definitiva


O Grove, 20 de setembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve denunciar os reiterados anuncios incumpridos do goberno local socialista en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. A formación que lidera José Antonio Otero critica o baile de datas no que o alcalde leva inmerso prácticamente dende o inicio do mandato; e reclama que o PSOE cumpra coa legalidade e conteste as alegacións, pendentes de resposta desde o anterior mandato.

Esquerda Unida lamenta o enrocamento do goberno local en relación ao PXOM, e insta ao alcalde a actuar con responsabilidade e someter o documento a unha segunda exposición pública formal. 

A formación lamenta a fuxida cara adiante en que se atopa sumido o alcalde grovense en relación a este asunto. E ínstao a cumprir coa legalidade e co que el mesmo prometeu durante a rolda de xuntanzas coa veciñanza, e a dar resposta escrita ás 4.000 alegacións pendentes de resposta.

A última xuntanza mantida co goberno local para falar do PXOM deixou aos edís de Esquerda Unida cunha sensación de incredulidade e escepticismo. E é que, a estas alturas, as estimacións do alcalde xa soan case a burla. 

José Antonio Otero lembra que, desde xullo de 2017, o rexedor local mudou a suposta data en que o PXOM ía ser levado a pleno ata en catro ocasións. E denuncia a incongruencia que supón que éste volva falar agora de dar a coñecer a planimetría definitiva á veciñanza, cando as ordenanzas precisas para desenvolver o plan aínda están pendentes de elaboración e, segundo o propio alcalde recoñeceu ante a oposición nesa última xuntanza, abertas e negociacións. “O pasado 18 de xullo, cando nos entregaron a documentación, díxosenos que era a definitiva; que o PXOM xa estaba pechado; que en 10 días teriamos unha nova xuntanza para falar das ordenanzas; e que convocaría unha rolda de prensa e subiría a documentación á web e a exporía nos locais veciñais. Agora, 2 meses despois, di que está aberto a negociar as ordenanzas e volve anunciar que en 10 días a planimetría estará colgada nas redes”, explica o responsable local de EU, que lamenta a incongruencia.

En vista da sucesión de acontecementos, Esquerda Unida reclama “seriedade e responsabilidade ao alcalde e ao seu goberno en relación a este asunto, pois leva máis dun ano cun baile de datas que non sabemos se vai parar aquí ou continuará”.

“Non entendemos como se vai subir a documentación á web, tal e como nos anunciou, se esta non está pechada aínda”, indica José Antonio Otero, que insta ao alcalde a facilitar as achegas da veciñanza e a garantir a toma en consideración de todas e cada unha delas. “Seguiremos reclamando a segunda exposición pública, pois son os veciños os que teñen que dar o visto bo ao Plan Xeral, e iso só pode conseguirse a través dun proceso no que se permitan as alegacións, e non con simples escritos sen validez legal, como pretende o goberno”, conclúe o responsable local de EU. 

luns, 10 de setembro de 2018

EU reclama a creación dun Punto Morado contra as violencias machistas na Festa do Marisco

A responsable local da Área da Muller, Cris Domínguez, insta ao goberno local a seguir o exemplo doutros Concellos da contorna, como Vilagarcía ou Cambados

A formación lembra a moción aprobada por unanimidade en abril a instancias do grupo municipal de EU para a creación de espazos seguros para as mulleres, e en relación á cal nada se fixo ata o momento

O Grove, 9 de setembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida e a Área de Muller da formación instan ao goberno local a dotar á próxima edición da Festa do Marisco de Puntos Morados contra as violencias machistas. A formación lamenta o nulo interese que o Concello ten amosado ata o momento en relación á posta en marcha das medidas para o incremento da seguridade das mulleres que recollía a moción presentada por EU e aprobada no pleno de abril. E reclama que o executivo do PSOE tome dunha vez cartas no asunto e, a diferencia do que aconteceu nas Festas do Carme, dote á celebración gastronómica que terá lugar nunhas poucas  semanas destas unidades de apoio e control dos posibles episodios de violencia de xénero.

O pasado mes de abril aprobouse en pleno unha moción do Grupo Municipal de Esquerda Unida na que se instaba á creación de “espazos seguros” para as mulleres durante as festas e espectáculos masivos, así como á elaboración dun protocolo contra as violencias machistas en colaboración co Consello Local da Igualdade e o CIM. Unha iniciativa que foi respaldada sen fisuras polos grupos da corporación, e que quería contrubuír a facer do conxunto do municipio grovense un entorno amable que incrementase a sensación de seguridade das mulleres e puxese freo aos posibles episodios de violencia, acoso ou intimidación que éstas poidan padecer.

Cinco meses despois, a formación lamenta que o goberno local teña deixado sen efecto unha iniciativa de capital importancia como é a loita contra a lacra das violencias machistas. E é que, mentres outros Concellos da contorna toman a batuta e se suman activamente a esta causa, o desleixo do goberno municipal grovense tense traducido ata o momento nunha iniciativa absolutamente nula a este respecto. 

A formación lembra que, mentres a Festa do Albariño, en Cambados, ou a da Auga, en Vilagarcía, contaron con Puntos Morados aos que as mulleres podían dirixirse no caso de sentírense agredidas ou seren obxecto de calquera tivo de violencia machista, O Grove deixou pasar todo o verán, festas patronais incluídas, sen seguir ese exemplo. Así as cousas, tanto o grupo municipal como a Área da Muller de Esquerda Unida esixen que o goberno municipal se corresponsabilice dunha vez por todas nesta loita e dote ao recinto do Marisco dun Punto Morado, en coordinación co Consello Local da Igualdade, o CIM e as forzas de seguridade.

Esquerda Unida reclama que o nomeado Consello se convoque coa maior brevidade posible para que sexa posible realizar unha coordinación efectiva do punto de atención e control reclamado xunto coa Concellaría de Turismo e as demais áreas municipais implicadas. 

A responsable da Área de Muller e representante de EU no Consello Local da Igualdade lembra que a creación destes Puntos Morados foi recentemente recomendada aos consistorios pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; que a finais de xullo instaba aos Concellos a dotar deles ás festas e outros eventos multitudinarios. Cris Domínguez insta a non deixar pasar máis o tempo, e reclama unha implicación activa e decidida do consistorio grovense; ao que anima a traballar, da man tamén das agrupacións feministas da comarca, para a posta en marcha dun protocolo ambicioso e amplo que teña en conta as distintas problemáticas que afectan ás mulleres e que redunde nun incremento da seguridade deste colectivo e nunha reducción dos episodios de violencia a nivel xeral.