martes, 8 de agosto de 2017

EU reclamou no Pleno a limpeza das estradas, rúas e barrios do Grove así como outros asuntos de importancia para os veciños

A apertura dos baños de detrás da Lonxa, o arranxo da balaustrada de cristal da rúa Castelao e a do paseo de Terra de Porto, a reparación dos lombos das estradas da parroquia de San Vicente, o arranxo do paseo da Lanzada, seguridade na Praza de Arriba, o compromiso cos veciños da Pratería, xunto con outros asuntos foron postos enriba da mesa polo Grupo Municipal de EU no último pleno.

Na sesión plenaria do 31 de xullo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida mostrou a súa preocupación polo estado en que se atopan diferentes estradas, rúas e barrios da localidade. Así, o concelleiro José A. Otero instou ao goberno a reclamar a Xunta de Galicia a limpeza da estrada de entrada do Grove e 
que une a Lanzada con San Vicente do Mar. Tamén pediu que do mesmo xeito se lle esixise á Deputación de Pontevedra a mesma actuación nas súas estradas pois, en palabras de Otero, “o vial interior de San Vicente mostra un total abandono e a Estrada do Conde da asco”. No mesmo senso esixiu ao Goberno municipal a realizar unha limpeza das rúas e barrios pois "están sucios e con herbas sobresaíndo das baldosas".

O edil esquerdistas tamén solicitou que se mantivesen abertas durante toda a tempada estival e nun horario razoable as casetas dos baños situadas detrás da Lonxa e que son utilizadas tan só durante a Festa do Marisco e a Festa do Carme. Segundo José A. Otero “o servizo de baño público e unha demanda dos veciños e visitantes e non supón un excesivo gasto nin prexuízo para o Concello”

A reparación da balaustrada de cristal que existe na rúa Castelao, á altura do restaurante Pan de Millo, foi outra das reclamacións realizadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida. Unha demanda que xa volve a pleno, pois fai máis de catro meses que está destrozada e xa provocou algún incidente. Os esquerdistas aproveitaron para reclamar tamén a reposición da balaustrada do Paseo de Lordelo, a altura do parque de Terra de Porto, que fora destruída polo lume no San Xoán do 2013.

EU tamén pediu que se arranxase o paseo de madeira da Lanzada, concretamente o que transcorre dende a rotonda central ata a zona de Sanxenxo, pois “os usuarios da praia queixáronsenos de que existen tornillos levantados que poden provocar algún que outro incidente.”

Unha solución para os lombos existentes en dous viais que unen a estrada interior de San Vicente coa da Lanzada, un que vai dende as Baladas ata a estrada da Lanzada e o outro dende a Farmacia ata Balea Marítima, foi outra das peticións do edil esquerdista, recordando ademais que un deles xa fora unha demanda realizada nos orzamentos do 2016.

José A. Otero preguntou si se estaba cumprindo cos compromisos adquiridos cos veciños da rúa Pratería, pois “hai veciños que están moi molestos xa que se retirou a farola pero non se fixo nada do prometido e na rúa seguen outros elementos que estorban”. Así mesmo aproveitou para pescudar si o goberno estaba facendo deixadez de funcións en canto á ordenanza de terrazas.

Outra das preguntas foi en relación á en que estado se atopaba a redacción da Carta de Servizos municipal, aprobada en pleno meses atrás. Otero tamén se preocupou polo paradoiro dos aparatos de ximnasia biosaludable que se retiraron do paseo de Lordelo e aproveitou para instar ao goberno a realizar un repaso das árbores que se atopan ao largo do mesmo, “pois invaden tanto o carril-bici como o dos peóns”.

A modo seguridade, o edil esquerdista instou a concellería correspondente a instalar unha balaustrada ou algún outro elemento para disuadir aos usuarios da Praza de Arriba a cruzar polo lugar onde se retirou o paso de peóns, pois “moitos seguen a cruzan polo mesmo lugar e obrigan aos vehículos a frear cando son estes os que teñen preferencia de paso”.

Otero tamén trasladou a queixa de moitos veciños debido a que algún negocio local baleira o vidro no colector correspondente a altas horas da noite, provocando a perturbación do descanso, cando existe unha ordenanza en vigor que prohibe realizar esa tarefa nese horario.

Por último, o esquerdista dou traslado dunha reclamación dun pai de alumno do colexio de Bizocas que segundo indica nun escrito remitido ao Concello, o centro informou aos titores dos nenos das diferentes paradas do transporte escolar, entre a que se atopa unha co nome de “Caídos” en referencia a que se atopa próxima á Praza da Fonte do Galo –noutrora chamada dos Caídos–, instando dese xeito ao Concello a tomar medidas para que os responsables teñan en consideración a Lei da Memoria Histórica, que provocou o cambio da Praza, para nomear doutro xeito esa parada escolar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario