Na sesión plenaria deste mes, saíron aprobadas todas as
propostas da orde do día. Máis a moción que presentou o Grupo Municipal de
Esquerda Unida solicitando da Xunta de Galicia a retirada do proxecto de
Decreto para a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e
vivendas de uso turístico na Comunidade autónoma de Galicia, foi REXEITADA,
pois tan só contou con 4 apoios (2 de EU e 2 do BNG). O PSOE e PGD (9)
abstivéronse e o PP (4) opúxose, co que o Alcalde tivo que facer uso do voto
de calidade, que sorprendentemente, e ao contrario do que o seu partido fixo no Parlamento
galego (onde foron precisamente os socialistas os que levaron unha iniciativa
para solicitar o mesmo), votou en contra.

Os esquedistas solicitaron que se actúase nunha praga de
cucarachas, que segundo indicacións dos veciños, prolifera na rúa Castelao, a
altura das oficinas de Correos. Que se adecuara o estanque de Beiramar, a altura da
cafetería Acuarela, foi outra das peticións realizadas. Os edís esquerdistas
preguntaron polo paradoiro da escultura "Baticaso", do galego Ignacio
Fernández, que no seu día fora retirada da rúa Pratería.
Outra das peticións que realizaron os edís foi no paseo de Lordelo a Rons, pois no inicio do mesmo –pola parte do Corgo– existe unha árbore que invade todo o
ancho do paseo e obriga aos viandantes e ciclo-turistas a agocharse ou no peor dos casos ter que baixar á estrada para continuar o seu camiño, polo que pediron que se actuase para solucionar o problema.

Dende o Grupo Municipal de Esquerda Unida tamén se solicitou que se dotase de seguridade ou de carteis de advertencia o coñecido como Camiño da Serpe –entre a praia da Lavaxeira e Moreiras–. Este camiño, que dende que se instalou a ponte no Esteiro, é moi transitado e conta no seu trazado con zonas escorregadizas e pasos estreitos e perigosos, o que xa provocou o primeiro incidente logo de que un rapaz se precipitase ás rochas a semana pasada cando circulaba na súa bicicleta.

Por último, os esquerdistas preguntaron pola situación na
que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois non volveron ter
noticias do mesmo dende a reunión á que foron convocados hai máis de tres
meses.
[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]
[ver/descargar moción retirada decreto vivendas uso turístico]
[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]
[ver/descargar moción retirada decreto vivendas uso turístico]