xoves, 8 de xuño de 2017

Esquerda Unida racha as negociacións presentes e futuras co goberno local

O Grupo Municipal de Esquerda Unida rompe toda relación co goberno local presidido por José Cacabelos tralo rexeitamento ao Plan de Actuacións 2017-2019 presentado pola agrupación de esquerdas.

O Alcalde aporta argumentos electoralistas para negarse a asinar o acordo con EU.

O Grove, 6 de xuño de 2016.- A inicios do pasado mes de maio, os concelleiros de Esquerda Unida presentaron ao equipo de goberno apoiado polo PSOE un documento titulado “Plan de actuacións 2017-2019”, no que expuñan unha serie de actuacións que os esquerdistas consideran prioritarias para o municipio. Entre elas atópanse cuestións como a necesidade dunha segunda exposición pública do PXOM, o Centro de Día, abrir negociacións coa Xunta para a construción dun novo centro de saúde na localidade ou a busca de financiamento autonómica e provincial para o proxecto de auditorio presentado polo goberno local entre outras.

Este documento foi a resposta que desde EU deron ao que eles consideran un goberno “á deriva” e absorbido polo día a día, o que se plasma en falta de planifiación e visión de municipio por parte do goberno de Cacabelos. Desde a agrupación de esquerdas sinalan que cada reunión co equipo de goberno é unha avalancha de novas ideas e proxectos, sen que se teñan pechado as anteriores propostas, que en moitas ocasións o propio goberno local abandona a pesar de contar co apoio de levalas adiante.

A gota que colmou o vaso da paciencia dos esquerdistas foi o rexeitamento a semana pasada do documento presentado, a pesares de que “o Alcalde díxonos que podíamos quitar o logo de Esquerda Unida e poñer o do PSOE porque eran cuestións todas que compartían”, para acto seguido rexeitar calquera acordo en base a ese documento, e amosar o rexeitamento do PSOE a realizar unha segunda exposición pública do PXOM, buscar financiamento autonómico e provincial para o proxecto de auditorio, conseguir un comedor escolar para o CEIP Rosalía de Castro ou continuar o paseo marítimo de Lordelo ata a Casa da Terceira Idade na avenida Irmáns Otero Goday e matizar algunhas outras actuacións. “Os argumentos que nos deron foron en todo momento electoralistas” afirma o voceiro de EU Juan Lamelas, “antepoñendo os intereses do seu partido aos dos veciños do Grove”. O Alcalde chegou a afirmar que non van asinar un documento que Esquerda Unida poida utilizar en campaña electoral acusando ao PSOE de non cumprir o acordado, “o que xa vén dando unha idea do nulo compromiso do PSOE co seu programa electoral e os veciños do Grove”.

Así, tras consulta coa militancia, o grupo municipal de EU decidiu romper toda negociación presente e futura co actual goberno do Grove, pois segundo Lamelas “non estamos dispostos a entrar nesta dinámica que nos propón Cacabelos nin a aceptar chantaxes de ningún partido”. “Desde Esquerda Unida imos abrir novas vías para facer cumprir o noso programa, que é o compromiso que temos coa veciñanza e os nosos votantes”.


Ábrese polo tanto un camiño de incerteza para o goberno do PSOE no Grove, ao perder toda posibilidade de negociación con un dos grupos cos que conseguiu sacar adiante os últimos orzamentos municipais, que actualmente atópanse prorrogados.