martes, 27 de novembro de 2012

O 27N: o sector lácteo responde!


Hoxe martes 27 comeza a folga indefinida no sector lácteo en Galiza. Esta folga gandeira pretende responder aos ataques continuos que está recibindo o sector, e que van máis alá dos recortes ou a crise actual.
O sistema capitalista pretende desde hai anos desmantelar este sector, do que dependen máis de 50.000 persoas e que ten un importante peso na economía galega, sobre todo nas provincias de Lugo e A Coruña.
As PAC, os recortes orzamentarios (tanto desde a Xunta, como desde o Goberno central e a Unión Europea), as cada vez máis precarias condicións dos e das gandeiras, como así foron impostas co último real decreto, abocan ao sector e á mocidade do rural que depende do mesmo a un futuro incerto.
Actualmente, o prezo pagado polo leite ao gandeiro, 28 céntimos/litro, está por debaixo dos custos de produción. Ademais, a situación dos e das traballadoras do sector segue a ser inestable, xa que os contratos que se establecen non aseguran os dereitos que desde as organizacións agrarias levan anos pedíndose. Por se isto fose pouco, seguen a negarse mecanismos de negociación entre os propios produtores e as empresas, que serían os que permitisen que os e as traballadoras puidesen esixir un prezo e unhas condicións dignas.
Por todo isto e ante os ataques neoliberais ao noso campo e aos nosos produtores e produtoras:
FOLGA INDEFINIDA NA GANDERÍA!
FOLGA DE CONSUMO E SOLIDARIEDADE!  

Ningún comentario:

Publicar un comentario