02 xullo 2026

Esquerda Unida solicita toda a documentación do Plan de Sustentabilidade Turística e reclama explicacións sobre a execución dos fondos europeos

Piden acceso ao expediente completo do proxecto "A Gastromeca", tras rematar o prazo de execución, para comprobar se o Concello executou e xustificou correctamente os 2 millóns de euros dos fondos Next Generation. Advirten de que actuacións como a obra da Praza do Corgo ou a Ruta do Burro Fariñeiro suscitan dúbidas sobre o seu remate dentro do prazo previsto. 

 Lembran que levan todo o mandato realizando un seguimento da execución do plan, advertindo dos atrasos e do risco de perder parte dos fondos europeos por incumprimento dos prazos. Reclaman a convocatoria do Consello Local de Turismo para que o goberno dea explicacións.

O Grove, 2 de xullo de 2025.- O grupo municipal de Esquerda Unida vén de presentar por rexistro unha solicitude de acceso ao expediente completo do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) "A Gastromeca", unha vez rematado o prazo de execución establecido na addenda ao convenio subscrito entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello do Grove en maio do 2025. 

A formación considera que, finalizado o período previsto para executar o proxecto, é o momento de facer un balance rigoroso sobre a utilización dos fondos europeos Next Generation e comprobar se o Concello executou e xustificou correctamente os dous millóns de euros concedidos para este plan. 

Dende a concesión destes fondos europeos, Esquerda Unida realizou un seguimento continuado da súa execución, interesándose en numerosas ocasións polo desenvolvemento das diferentes actuacións, preguntando polos atrasos acumulados e advertindo reiteradamente do risco de que o Concello non fose quen de executar e xustificar integramente o investimento dentro dos prazos establecidos. 

A solicitude presentada polo grupo municipal reclama a relación detallada de todas as actuacións executadas, indicando para cada unha delas o investimento inicialmente previsto e o finalmente realizado, a empresa adxudicataria, as datas de inicio e remate e o seu estado definitivo de execución. 

Así mesmo, solicitan copia das certificacións finais das obras, das actas de recepción, das certificacións emitidas pola dirección facultativa ou polos responsables dos contratos, así como das facturas e pagamentos realizados con cargo ao plan. 

Do mesmo xeito, pide acceso á documentación remitida polo Concello á Axencia de Turismo de Galicia para a xustificación técnica e económica do PSTD, ao expediente de peche do programa e á resolución ou comunicación oficial sobre o resultado desa xustificación, incluíndo, no seu caso, posibles requirimentos, minoracións da subvención ou expedientes de reintegro. 

Segundo explica o seu voceiro, José Antonio Otero, esta solicitude cobra especial importancia porque o prazo de execución rematou o pasado 30 de xuño e existen actuacións que suscitan dúbidas sobre a súa finalización efectiva. 

Entre elas, a formación cita a obra da Praza do Corgo, unha das últimas actuacións iniciadas con cargo ao plan e que, segundo puideron comprobar, continúa sen estar completamente rematada. Así mesmo, tamén expresan dúbidas sobre a finalización da actuación correspondente á Ruta do Burro Fariñeiro, ao non constarlles que todos os traballos previstos estean completamente executados. 

A estas actuacións súmanse outras incluídas na última relación de investimentos facilitada polo propio Concello, respecto das que tampouco lles consta a súa execución definitiva nin, no seu caso, as modificacións ou a súa substitución por outras actuacións. Precisamente por iso solicitan acceso ao expediente completo, co obxectivo de coñecer cal foi finalmente o grao de execución do Plan e como foi xustificado perante a Axencia de Turismo de Galicia. 

"Levamos todo o mandato facendo un seguimento deste proxecto porque sempre tivemos claro que estaba en xogo unha oportunidade histórica para O Grove. Durante estes anos advertimos dos atrasos e da necesidade de acelerar a execución das actuacións para non poñer en risco os fondos europeos. Agora que o prazo rematou e en vista de que existen actuacións que aparentemente non están rematadas, é lóxico preguntarse como se vai xustificar o investimento. E por iso solicitamos toda a documentación. Non queremos especular, queremos coñecer con rigor se todas as actuacións foron executadas, certificadas e aceptadas conforme ás esixencias dos fondos europeos", afirma Otero. 

Dende Esquerda Unida lembran que os fondos Next Generation non rematan coa execución material das obras, senón que requiren unha completa xustificación técnica, administrativa e económica. "Os fondos europeos non se avalían polas fotografías nin polas notas de prensa. Avalíanse mediante certificacións, informes técnicos e unha correcta xustificación económica. Iso é o que queremos comprobar", subliña o voceiro. 

Ademais da documentación, Esquerda Unida solicita ao goberno municipal a convocatoria do Consello Local de Turismo, co obxectivo de presentar un balance público da execución do Plan de Sustentabilidade Turística, informar do grao de cumprimento dos obxectivos previstos e explicar o resultado final da xustificación dos fondos europeos perante os representantes do sector turístico e a veciñanza. 

Para a formación, un proxecto que mobilizou dous millóns de euros de financiamento europeo debe concluír cun exercicio de transparencia e rendición de contas. "Estamos a falar dun dos maiores investimentos públicos recibidos polo Concello do Grove nas últimas décadas. A veciñanza ten dereito a saber canto se executou, como se executou, se todas as actuacións foron aceptadas polos organismos competentes e se existe algún risco de perda ou devolución de fondos. Esa información debe facerse pública", conclúe Otero. 

Esquerda Unida insiste en que a correcta xestión dos fondos europeos non remata coa inauguración das actuacións, senón coa súa completa execución, certificación e xustificación administrativa. Por iso agardan que o goberno facilite, na maior brevidade posible, toda a documentación solicitada e convoque o Consello Local de Turismo para presentar un balance público dun proxecto que supuxo un dos maiores investimentos recibidos polo municipio e sobre o que consideran imprescindible ofrecer a máxima transparencia.