sábado, 17 de novembro de 2012

Esquerda Unida denuncia o abuso de horas extra no servizo de guindastre municipal


O Concello do Grove, que en datas anteriores afirmara non ter ingresos suficientes para horas extras en determinado servizo, incumpre o convenio colectivo do propio concello e o Estatuto dos Traballadores no respecto do abuso de horas extras. O traballador a cargo da condución do guindastre acumula, segundo actas da propia Xunta de Goberno Local, soamente ata o mes de agosto 89 horas extraordinarias, incumprindo o convenio colectivo (que marca un máximo de 7 horas mensuais ou 70 anuais) e o Estatuto dos Traballadores (que determina un máximo de 8 horas mensuais ou 80 anuais, debendo crearse unha nova praza en caso de superarse estes límites) a pesares de seren advertidos tanto pola intervención como pola secretaría do concello.

Esta situación vén dada pola non existencia de prazas de persoal exclusivas para este servizo no cadro de persoal, a pesares da aprobación este mesmo ano dunha ordenanza de vaos na que se contempla, no seu artigo 10º, o dereito a solicitar un servizo de guindastre no caso de ser necesario por parte dos titulares de licenza municipal de vao.

Esta situación creouse cando, no ano 2.010, o concelleiro Alfredo Bea tomara a decisión de non dar uso ás dúas prazas eventuais de condutor de guindastre que existían no cadro de persoal e a súa posterior eliminación, situación que xa fora criticada polo concelleiro Xan Lamelas no seu momento en sesión plenaria. É polo tanto o señor Bea, e quen o apoiaron nesta decisión, responsábeis do malgasto de fondos públicos e incumprimento de normativas legais.

Só nos queda unha dúbida respecto a esta situación: ¿cal é o interese que o goberno municipal ten en manter esta situación?

Desde Esquerda Unida estamos revisando outras situacións similares que se poidan dar.

-----------------------------------------------------------------------------------------------------
HORAS EXTRA DO GUINDASTRE MUNICIPAL:
Segundo actas da Xunta de Goberno Local

Acta XGL do 13/04/12..... horas do 05/01/12 ao 06/04/12............ 25 horas
Acta XGL do 28/09/12..... horas do 19/05/12 ao 28/08/12............ 64 horas
TOTAL............................................... 89 HORAS EXTRA

A nova vista pola prensa:
- Todogrove.com: Esquerda Unida denuncia o exceso de horas extra no guindastre municipal
- Faro de Vigo: Esquerda Unida detecta un "abuso de horas extra" en el servicio de grúa
- Diario de Arousa: EU denuncia un "abuso" de horas extra para la grúa

Ningún comentario:

Publicar un comentario