18 marzo 2026

Esquerda Unida denuncia o deterioro das rúas peonís e reclama un plan integral de mantemento e renovación do firme para garantir a seguridade dos viandantes

A formación alerta do aumento de baldosas rotas e levantadas en varias rúas do municipio e advirte das numerosas caídas de persoas, especialmente maiores. Denuncian a falta de control do tráfico en zonas pensadas para uso peonil e residencial. 

Propoñen un plan anual de mantemento, revisión continua do pavimento e a substitución progresiva do embaldosado por materiais máis duradeiros. Piden a posta en marcha da app “O Meu Concello” para facilitar avisos veciñais sobre incidencias.

O Grove, 18 de marzo de 2026.- O grupo municipal de Esquerda Unida vén de denunciar o preocupante estado de conservación de numerosas rúas peonís e semipeonís do municipio, nas que se poden atopar baldosas levantadas, rotas ou afundidas que supoñen un risco evidente para a seguridade dos viandantes. 

Segundo sinala a formación, nos últimos anos esta problemática non deixou de medrar, afectando cada vez a máis rúas do municipio e aumentando tamén o número de incidencias relacionadas co pavimento en mal estado. Entre as zonas nas que se teñen detectado problemas destacan rúas como Montiño de Abaixo, Concepción Arenal, Luís Seoane, Pratería, Peralto, Corgo, Jaime Solá, Rapeta, Outeiriño, Campiño, entre outras. 

Unha situación que, indican, é consecuencia da falta de mantemento e, en moitos casos, tamén do tránsito continuo de vehículos sen control en zonas deseñadas unicamente para o paso de residentes, o que acelera o deterioro do pavimento e evidencia anos de inacción por parte do goberno municipal. 

Dende Esquerda Unida lembran que o mantemento adecuado das rúas é unha responsabilidade básica municipal e unha cuestión fundamental de seguridade e accesibilidade. Nos últimos meses rexistráronse numerosas caídas provocadas polo mal estado do pavimento, unha situación que preocupa especialmente no caso das persoas maiores, persoas con mobilidade reducida e familias con carriños de bebé. En moitos destes casos, sinalan, os accidentes rematan incluso en denuncias contra o propio Concello. 

O voceiro municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero, sinalou que “levamos varios anos advertindo deste problema sen que o goberno municipal adopte medidas estruturais para solucionalo”. Segundo explica, “o problema non é puntual, senón estrutural, e está directamente relacionado coa falta de control do tráfico e coa ausencia dun plan de mantemento serio”. Neste sentido, engadiu que “non ten sentido permitir o paso continuo de vehículos en rúas que non están preparadas para soportalo”. 

Ademais, dende a formación subliñan que en moitas destas rúas as reparacións puntuais xa non son suficientes, debido ao avanzado estado de deterioro do pavimento. Por iso, xa teñen solicitado en anteriores ocasións que se estude a posibilidade de substituír o embaldosado por outro tipo de firme máis duradeiro, seguro e adaptado ao uso real destas vías. 

Esquerda Unida reclama a posta en marcha dun plan anual de mantemento das rúas peonís e semipeonís, que permita actuar de maneira planificada e preventiva sobre o pavimento. A formación considera tamén imprescindible establecer un sistema de revisión continua que permita detectar e reparar con rapidez as incidencias antes de que se convertan nun perigo para a veciñanza. 

Así mesmo, o grupo municipal propón habilitar un sistema de aviso veciñal para comunicar incidencias no espazo público. Neste sentido, lembran que a Deputación puxo a disposición dos concellos hai máis dun ano a aplicación móbil O Meu Concello, unha ferramenta que permitiría á cidadanía informar directamente de problemas como baldosas rotas, luminarias avariadas ou deficiencias no mobiliario urbano. 

“Estamos ante un problema que vai a máis porque non se actúa con planificación. Cada vez hai máis rúas afectadas e máis baldosas en mal estado, o que incrementa o risco para a veciñanza”, advertiu Otero. 

Dende Esquerda Unida aseguran que estas medidas forman parte das propostas que a formación impulsará se ten responsabilidades de goberno. “É necesario cambiar a forma de xestionar o espazo público, menos improvisación e máis planificación, mantemento e prevención”. “Un Concello ten que coidar o seu espazo público e garantir a seguridade da veciñanza. Un plan de mantemento serio, revisión continua e participación da cidadanía na detección de problemas son ferramentas básicas dunha boa xestión municipal”, conclúe o voceiro. 

Mentres tanto, a formación insta ao goberno municipal a deixar de mirar para outro lado e a actuar con responsabilidade, poñendo en marcha de maneira inmediata medidas que permitan solucionar unha problemática que, insisten, leva anos acumulándose sen unha resposta eficaz.

06 marzo 2026

EU denuncia que o goberno deixou perder a garantía do local social de Reboredo e as reparacións deberán pagarse con cartos públicos

A formación alerta de que o Concello non obrigou á empresa construtora a reparar unhas deficiencias que eran evidentes desde a inauguración e que co paso do tempo se agravaron. 

Piden explicacións e responsabilidades tras coñecerse que a empresa adxudicataria foi extinguida en setembro de 2025, o que deixa practicamente sen efecto calquera reclamación económica.

O Grove, 6 de marzo de 2026.- Esquerda Unida denunciou a neglixencia do goberno municipal na xestión das deficiencias do local social de Reboredo, unha obra que apenas tres anos despois da súa apertura presenta graves problemas construtivos e desprendementos na fachada. 

O inmoble foi adxudicado en outubro de 2020 á empresa Sodein Soluciones Integrales SL por un importe de 152.157,50 euros e incluía unha mellora que ampliaba o prazo de garantía ata os tres anos. A última certificación da obra foi aprobada pola Xunta de Goberno Local o 30 de decembro de 2021, polo que a garantía remataría a comezos de 2025. 

Segundo lembra Esquerda Unida, xa no ano 2022, case un ano antes da apertura do local, a formación advertira publicamente das primeiras deficiencias detectadas no edificio, entre elas gretas na pasarela de acceso e sinais de deterioro no inmoble. Naquel momento, a propia concelleira responsable recoñeceu en pleno que a empresa construtora debía facerse cargo das reparacións. 

Porén, malia as reiteradas advertencias realizadas por Esquerda Unida nos anos seguintes, o goberno municipal limitouse a ofrecer respostas evasivas. Xa en maio de 2024 indicouse que a arquitecta municipal debía revisar o edificio, sen que se adoptase ningunha medida efectiva para obrigar á empresa a reparar os danos. 

A situación agravouse co paso do tempo. En xuño de 2025 o propio alcalde, tras preguntas de Esquerda Unida, recoñeceu en pleno que no edificio “están caendo cascotes e parte da fachada”, o que evidencia que as deficiencias da obra non só persistían senón que se estaban agravando. 

A pesar diso, Esquerda Unida lembra que durante todo este tempo o Concello non informou de ningún procedemento formal para esixir responsabilidades á empresa construtora nin para executar a garantía da obra. 

Ademais, segundo consta no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, a empresa Sodein Soluciones Integrales SL foi declarada en concurso voluntario o 30 de abril de 2025 e o procedemento concluíu o 8 de setembro dese mesmo ano por insuficiencia de masa activa, o que implica que a sociedade carece de bens para facer fronte ás súas obrigas. 

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que o sucedido é “un exemplo claro de falta de dilixencia na defensa dos intereses públicos”. “O Concello sabía desde hai anos que había deficiencias graves nesta obra e, aínda así, deixou pasar o tempo sen obrigar á empresa a reparalas dentro do período de garantía. Agora atopámonos cunha empresa que entrou en concurso e que xa non ten bens para responder”, sinala. 

Para Otero, o máis preocupante é que esta situación pode acabar tendo consecuencias económicas para o propio Concello. “Se finalmente se confirma que non se fixo ningunha reclamación formal nin se executou a garantía da obra cando correspondía, estaremos ante unha neglixencia política moi grave. O que non se pode permitir é que por falta de xestión agora teñan que pagalo os veciños e veciñas con cartos públicos”, afirma. 

Por este motivo, e ao abeiro do afirmado polo alcalde no pleno do pasado luns, onde asegurou que a arquitecta municipal estaba elaborando un informe e que debían revisar a situación para comprobar se aínda era posible reclamar, Esquerda Unida presentou un escrito por rexistro no Concello solicitando información sobre se se realizou algún requirimento formal á empresa construtora, se se iniciou algún expediente administrativo para reclamar as deficiencias da obra ou executar a garantía e que actuacións se levaron a cabo dende o Concello ante esta situación. 

Dende Esquerda Unida teñen claro cal será a resposta, pois os feitos apuntan a que non se realizou ningunha actuación. Por iso consideran imprescindible aclarar o sucedido e depurar responsabilidades políticas se se confirma que non se actuou a tempo. 

“Alguén terá que explicar por que o Concello non fixo nada durante anos sabendo que a obra tiña problemas e que a garantía estaba en vigor. Defender os intereses públicos significa actuar cando toca, non cando xa é demasiado tarde”, conclúe Otero.

02 marzo 2026

PLENO FEBREIRO 2026

ROGOS E PREGUNTAS

📅 2 de marzo de 2026

▶ Intervención: minuto 14:53


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Marquesiñas de Árdia e Balea

Preguntamos polo motivo polo que non se instalaron estas marquesiñas, despois de que no pleno de xaneiro se indicase que estaban no almacén e xa se instalara unha nas inmediacións do Instituto Monte da Vila.

🔻 Camiño público da praia de Con Roibo (rúa Xesteiriña)

Preguntamos polo estado do expediente de recuperación deste camiño público ocupado por unha empresa privada, tal e como ordenaba unha moción aprobada polo pleno municipal.

🔻 Fonte da rúa Concepción Arenal

Preguntamos polo motivo polo que non se procedeu á instalación desta fonte pública.

🔻 Local social de Reboredo

Preguntamos polo estado da reparación das deficiencias detectadas no edificio a través da garantía da obra.

🔻 Auditorio municipal

Preguntamos polo estado da reparación do ascensor e polas diferentes deficiencias existentes no edificio.

🔻 Ordenanza de Bo Goberno

Preguntamos cando se ía traer a pleno a modificación da ordenanza para incluír as dúas horas sen música nas atraccións de feira, tal e como ordenaba unha moción presentada polo noso grupo.

🔻 Plan de Sustentabilidade Turística “A Gastromeca”

Preguntamos polo grao de execución deste plan.

Rogos e solicitudes

🔻 Inundacións na Travesía Alexandre Bóveda

Solicitamos solucións ás inundacións que sufría unha familia desta rúa como consecuencia das obras realizadas na rúa principal.

🔻 Cambio de sentido na rúa Conchases

Solicitamos executar o cambio de sentido do tramo situado diante do salón de peiteado Loli Otero para permitir a saída cara Terra de Porto da veciñanza da Carballeira.

🔻 Terreos da SAREB para vivenda pública

Solicitamos información sobre a situación do trámite de solicitude destes terreos para a construción de vivenda pública.

🔻 Camiño do alto de Pardiños

Solicitamos solucións ante o mal estado deste camiño, que supón un risco para o tránsito de vehículos da veciñanza.