martes, 13 de novembro de 2012

Esquerda Unida fai un chamamento á participación activa na folga. O 14N imos paralo todo.

É tempo de mudar este xeito inhumano de facer política, dende a rúa podemos forzar o cambio, a folla de ruta da dereita nos conduce a que xa máis de 3.000 familias foron desafiuzadas en Galicia no primeiro semestre do ano,consecuencia dunha especulación consentida tanto polo PSOE coma polo PP, e xa son máis de 400.000 familias desafiuzadas en todo o estado. Resulta hipócrita que agora o PP e o PSOE decidan consideralas vítimas e non antes, cando o drama xa existía e organizacións como Stop desafiuzamentos, e a Esquerda Plural no Congreso dos Deputados, presentaron medidas concretas para impedir o que hoxe acontece.
A aplicación do Real Decreto 16/2012 que non é maís que un deterioro continuo da sanidade, o desmantelamento de hospitais a través do peche de quirófanos, da redución de persoal que nos leva xa a máis de 40.000 pacientes en lista de espera “oficial”, do repago dos medicamentos, do servizo de ambulancia, das próteses, cadeiras de rodas, que responden a unha estratexia privatizadora da dereita.
Na educación, o despido de docentes, a redución de programas educativos, o encarecemento das taxas universitarias que condicionan o acceso en función do económico, o constante aumento dos concertos con diñeiro público coa patronal privada, e a perspectiva dunha nova lei educativa que se converte en escusa para retrotraernos a unha nova e longa noite de pedra en materia educativa.
A xustiza co pago de taxas desproporcionadas que supón un recorte insconstitucional do dereito de igualdade ante a lei. Nos atopamos ante un panorama cada vez máis excluínte, deprimente e inxusto para os mesmos de sempre.
A crise mata e nós somos as vítimas deste sistema que só vela polos intereses duns poucos. Estase a falar de tres suicidios diarios consecuencia directa dun sistema capitalista que prima o beneficio por riba das persoas. Máis de 300.000 familias viven dunha pensión de xubilación, o 7,8% dos fogares teñen todos os membros sen emprego, a situación de excepción leva a unha resposta de excepción. É necesario saír á rúa e demostrar que outra maneira de gobernar é posible. O 14N a folga social, na que todas e todos temos que defender os dereitos arrebatados ten que ser un ataque aos poderosos, unha demostración da forza do pobo, de que a política se muda dende as institucións e dende a rúa.
Yolanda Díaz afirma que “esta folga é contra a miseria que está a provocar este goberno ilexítimo que deteriora a vida da xente e que está sustentado nas mentiras dos seus dirixentes”. É inadmisible que se estea a aplicar unha política en contra da cidadanía, dos dereitos e da dignidade. Cada vez son máis as persoas que están a padecer as políticas dos poderosos onde os enganos se converteron en débedas, esas mesmas políticas insensibles que se materializan en suicidios silenciados, mentras se rescatan entidades bancarias que reciben cartos públicos para seguir enganando e condicionando o futuro da sociedade.
Por todo isto Esquerda Unida, como integrante de Alternativa Galega de Esquerda, fai un chamamento urxente á cidadanía a organizar e participar nunha rebelión cívica que garanta a dignidade das persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario