Para nós é toda unha sorpresa ver como se informa
de unha xuntanza para tratar o novo regulamento do Consello Local do
Deporte celebrada o martes, pois o noso concelleiro, José Antonio
Taboada, non foi convocado. Xa é grave que se exclúa ao voceiro de
un dos grupos, pero é vergoñento como aínda por riba se lle
critica que non teña acudido a unha reunión da cal non estaba
informado.
Ademáis, sempre segundo a información de Faro de
Vigo, o señor Bea parece ser que pretende excluír da vida municipal
ao noso grupo político, ao informar de que pretende informar do
futuro pavillón de deportes soamente a un dos grupos opositores, o
PSOE, grupo co cal parece ser que mantén sintonía en materia de
deportes. Debe ser por iso que, na mesma crónica, o señor Bea
admite que o señor Cacabelos pode facer propostas en positivo. As
nosas son contestadas polo señor Bea con insultos.
Hai dúas semanas, tras analizar o borrador de novo
regulamento para o CLD que a ben tivo de facilitarnos o señor Bea,
Esquerda Unida fixemos públicas a través de unha nota de prensa
algunhas das nosas discrepancias co texto proposto. A resposta foi a
mesma que obtivo o noso concelleiro o señor Taboada cando propuxo
consensuar o regulamento de uso de instalacións deportivas:
insultos. ¿Ese é o talante dialogante do que presume Bea?
Polo ben da vida pública municipal, queremos instar
ao concelleiro de deportes un cambio de actitude. Tamén nos
preguntamos cal é o papel do Alcalde en todo isto. A nosa postura
foi sempre a do diálogo e o consenso, mais para que isto sexa
posible, é preciso que os interlocutores sexan quen de escoitar as
posturas discrepantes sen entrar en cólera.
Ningún comentario:
Publicar un comentario