Xa
hai un tempo Esquerda Unida ven reclamando a necesidade de instalar
un valo de protección na pista deportiva de Terra de Porto para
evitar que os balóns acaben no mar ou rematen impactando nos
viandantes, proposta que inclusive levamos a pleno en forma de rogo
hai preto dun ano. Por este motivo, sorprendeunos ler estes días na
prensa como o Concelleiro de Deportes e Seguridade Cidadá, Alfredo
Bea, ía tomar medidas para remediar esta necesidade despois da
reclamación dos usuarios/as. Aínda así é unha alegría observar
como por fin se vai colocar o valado, que de seguro evitará moitos
accidentes, pero queda lonxe do noso entendemento por qué hai once
meses este mesmo concelleiro non atendeu a esta demanda cando o noso
edil lla fixo saber. Naquel momento cónstanos que Alfredo Bea se
negou a colocar o valado alegando que esa zona non era da súa
competencia, seguramente receloso por non levar os méritos da súa
construción no anterior mandato.
Xa
é a segunda vez neste mes que vemos como este Goberno traballa dun xeito
improvisado e tras as denuncias públicas da veciñanza (como coas
árbores do paseo de Lordelo-Terra de Porto), cando Alfredo Bea xa
estaba ao corrente da situación deste parque. É unha
mágoa que tivesen que ser os usuarios/as os que desen o toque de
atención ao abandono dos servizos da vila e que se nos ignorase no
seu momento, algo que non fai máis que evidenciar que o seu é
traballar de costas as demais forzas.
Desde
a nosa organización queremos
agradecer ao concelleiro Alfredo Bea a súa eficacia, rapidez, o
seu ben facer coa cidadanía e sobre todo queremos felicitalo pola
súa capacidade para finxir que descoñecía este problema.
Nesta ligazón podes comprobar que desde a nosa organización manifestamos o problema existente hai 11 meses (Rogo nº5).
Ningún comentario:
Publicar un comentario