xoves, 7 de xuño de 2012

Esquerda Unida rexeita o novo Estatuto do Consello Local do Deporte por ser parcial e partidista.


No Pleno do pasado xoves o concelleiro de Deportes anunciaba que ía transformar o Consello Local do Deporte facendo alarde do carácter “UNIVERSAL” que o mesmo ía lograr. Pouco despois Esquerda Unida recibiu o documento que pretende regular o órgano consultivo. Analizado o mesmo, ollamos como en lugar de abrir as portas a novas incorporacións e amplialo (como el se gabara) para darlle un carácter máis democrático, o que fai é reducir a participación, adaptando o Consello a un maior control pola súa parte, algo que non nos sorprende.

Desde a nosa organización non nos opoñemos a unha maior participación nos Consellos sectoriais, pero estes deben estar abertos ao tecido asociativo da vila que representen a colectivos ou masas sociais (deportivos, culturais, educativos, veciñais...) e non a persoas que defendan intereses propios ou teledirixidos. Consideramos que un regulamento ou ordenanza que sexa modificada terá que mellorar as súas bases e non prexudicar como sucede neste caso e como se manifesta na redacción do Capítulo 3, onde indica os membros que formarán parte do Consello Local;

  • O Alcalde ou Concelleiro no que delegue.
  • 6 representantes da Corporación (1 por partido político). Este documento non pode ser modificado cada catro anos. Agora mesmo hai 6 partidos políticos no concello, pero a non ser que teñan claro que non se pode presentar ninguén máis a unhas eleccións, este número pode variar nas vindeiras municipais. Ademais, deberíase abrir as portas a que os partidos políticos poidan enviar representación sen que sexan os propios concelleiros os que teñan que asistir, como sucede no Consello Local da Muller.
  • 5 representantes dos Clubs Deportivos, elixidos entre tódolos clubs efectivamente implantados na localidade. A distribución: 1 deporte colectivo de mar, 2 deportes colectivos de terra, 1 representante da ADM e 1 dun deporte individual. Aquí é onde mellor se evidencia que o concelleiro pretende manexar aos clubs, eliminando a súa participación e sobre todo evitando que os que mostran discrepancias coa súa persoa poidan ter un oco neste consello. Outra dúbida que nos xurde é a de quen será o encargado de velar por que o nomeamento de representantes en cada grupo de clubs se faga dun xeito legal e democrático. En Esquerda Unida consideramos que aos órganos consultivos deben asistir os que realmente se sintan afectados polas decisións que se poidan tomar, polo cal, todos os clubs deportivos inscritos no REDIM teñen que ter cabida neste órgano.
  • 1 representante da Anpas. Creemos que para dar maior participación, non deben ser as Anpas exclusivamente as que estean representadas neste consello senón tamén os estudantes e profesorado. Existe un órgano dentro dos colexios e Institutos que aglutina a todos (Anpas, estudantes e mestres) que son os Consellos Escolares, polo que son estes os que deberían asistir ao Consello Local do Deporte desde o noso punto de vista.
  • 1 representante da Terceira Idade. Agardamos que se refira a un representante das asociacións da Terceira idade, xa que do contrario non aceptaríamos este punto xa que, como indicamos anteriormente só deberían pertencer a este consello membros de asociacións ou colectivos.
  • 1 deportista non federado que faga uso das instalacións deportivas ou participe nalgún programa de actividade física ofertado polo concello. Preguntámonos quen será a persoa que escollerá este representante. Será o concello “democraticamente”? Reuniranse os veciños/as do Grove que cumpran este apartado para que, de forma democrática, saia elixido unha persoa que asuma recoller semestralmente todas as propostas e levalas a este órgano? Defenderá o interese colectivo en lugar do individual? Desde a nosa organización cremos que se pode eliminar este punto para que non caia na tentación o señor Bea de colocar a un colega que dirixa os seus votos e decisións.
  • 1 persoa de recoñecido prestixio e mérito en materia deportiva, que será libremente designada polo Alcalde ou Concelleiro no que delegue. Este é outro punto controvertido que debería desaparecer por ser antidemocrático e porque entendemos que é a fiestra aberta para designación a dedo a colegas do seu círculo. Ademais, consideramos que as persoas de “recoñecido prestixio” deportivo soen estar vinculadas a clubs deportivos polo que xa están representados.
  • Técnico deportivo Local (con voz pero sen voto).

Esquerda Unida presentará unha serie de alegacións e propostas a este documento para a súa modificación, porque lonxe do que o concelleiro nos vendía como “democrático e universal” conta con tinguiduras de caciquismo e particularismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario