domingo, 1 de xullo de 2012

O pleno de xuño

Como ben sabedes levamos dous meses comentando en directo os plenos do Concello de O Grove a través da nosa conta de twitter. Este mércores por mor de toda a actividade quedamos sen batería e non puidemos comentar a totalidade do punto máis importante da orde do día, a modificación de crédito para facer fronte aos xuros do préstamo (800 000€) que contraeu para pagar a un cento de proveedores, nin a quenda de rogos e preguntas que deixaron ver as reclamacións da veciñanza da vila e a pouca resposta que atopa desde o goberno. Por iso, neste resumo do pleno imos añadir as cuestións que nos quedaron no tinteiro pero que por suposto, non pasamos por alto.


A pesar da extensa orde do día coa que contaba o pleno en pouco menos de dúas horas "liquidaron" todo, e así puideron ir con tempo para ver o partido da xornada, polo cal se adiantou a sesión. Iso sí, deixaron por tratar as mocións de urxencia propostas pola oposición.



O concelleiro de Facenda, Callón, defendeu a modificación da ordenanza que regula o cobro do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), coa que o Goberno intenta determinar e regular o que se debe pagar por obras menores. Na normativa o tipo impositivo segue sendo do 2,5% do custo da obra pero a cuantía calcúlase tanto co orzamento que se presenta como cun (aí a novidade) cadro de estimacións cando se perciba que os orzamentos presentados non se axustan á realidade. O noso voto foi favorable á medida, xa que non se subía a porcentaxe a pagar e atopamos os prezos que se presentan na táboa razoables.

Un dos primeiros puntos controvertidos foi a aprobación definitiva do Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións, aprobada cos votos do PP e do PG e a abstención de AM.

 
O noso concelleiro na súa intervención manifestouse en contra do regulamento, que quere exercer un control propio doutras épocas. Por outra banda, Taboada tamén aludiu a Aida Filgueira, concelleira de Participación Cidadá, polas hipotéticas "idas e venidas" que tería con Alfredo Bea por pisotear o edil de Deportes as súas competencias. De feito, o señor Bea foi quen defendeu o regulamento en primeira instancia, o que fixo cuestionar por parte de Heládio Outeiro (BNG) a súa orixe.


O BNG presentou unha moción para que a Xunta revogase o acordo de supresión dos servizos que se prestan nas oficinas de taxas e impostos. A medida da Xunta supón que os veciños do Grove terán que ir á delegación do Goberno galego en Pontevedra en lugar de facelo en Cambados, como viñan facendo ata agora. Segundo Outeiro trátase dunha medida en contra do “equilibrio territorial” e que “menospreza as características da poboación galega”.
Callón acusou ao voceiro nacionalista de tervixersar a realidade, e lamentou a “imaxe que se quere dar da mal chamada nación galega”. 

Callón e Outeiro entraron nunha discusión sobre o traballo que supón á veciñanza do Grove ir a Pontevedra en lugar de acudir a Cambados. 
Pero a protagonista desta cuestión foi "La Roja". A camisola do CCCP de Outeiro e que serviu como pretexto para Callón para aludir o "discurso marxista" que teóricamente ten o concelleiro do BNG.


O noso concelleiro votou a favor. A favor de manter os servizos que existen. Todo o que sexa recortar en prestacións e facilidades para os nosos veciños será motivo do noso voto negativo. Aínda así, esta moción foi rexeitada polo tripartito.

A rapidez e a unanimidade chegou coa aprobación do regulamento do rexistro telemático e das notificacións e documentos electrónicos. Unha proposta do concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alexandre Aguín, moi distraido co seu ordenador portátil e que fixo que xa intervira mocións atrás pensando que se estaba tratando ésta. A única intervención que houbo previa votación foi a do noso concelleiro que agradeceu a Aguín a medida, por ser totalmente necesaria e non pasou por alto o pouco traballo que lle deu esta moción, claramente un "copia-pega".

Ningún problema tampouco á hora de aprobar por unanimidade a solicitude a Costas do Estado para desafectar os terreos da escola infantil e parque de Rons para que poidan ser considerados solo urbano.

Aínda que ao principio parecese que non ía contar coa unanimidade, a moción presentada polo PSOE para que o goberno central fixase un tipo de interese que non superase o 5% no crédito para pago a provedores contou coa aprobación de todos. Iso sí, previamente Callón e Cacabelos tiveron un intercambio de opinións. Por certo, esta moción que ía na orde do día presentárase no pleno de maio como moción de urxencia.



O punto forte da noite foi a moción de urxencia do PP para facer fronte ao pago dos xuros do préstamo. Para iso o Goberno acordou retirar 4 000€ da partida para o obradoiro de emprego, 5 000€ á recollida do lixo, combustibles e carburantes, 3 000€ de actividades complementarios da Festa do marisco e 1 000€ nas actuacións musicais na mesma festa.

O primeiro en falar foi Cacabelos, quen non entende o porqué da modificación do orzamento cando o Concello acaba de recibir preto de 200 000€ da participación nos tributos do Estado, ingresos que non se orzamentaron e dos que perfectamente se podía sacar para facer fronte ao préstamo. Por outra banda, tamén propón quitar do salario dos liberados e asesores.


 Heladio Outeiro, en contra do plan de austeridade, anunciou o seu voto en contra da medida, xa que este endebedamento trae consigo un corsé que hipotecará a actuación de sucesivos gobernos.

Taboada lembrou que desde que se aprobou o orzamento levamos cinco modificacións, algo que evidencia o xeito improvisado de gobernar do tripartito. Por outra parte, sabendo que se ten que facer fronte a estos xuros cuestionou a razón de presentar por moción de urxencia esta medida.

Juan Luis Callón reprochou á oposición a súa ausencia no pleno no que se aprobou o plan de axuste, celebrado nunha xornada de folga xeral. 


A moción foi aprobada cos votos do goberno.

O resto das mocións de urxencia foron retiradas, xa que según Pérez non tiñan urxencia ningunha. Desde Esquerda Unida solicitábamos a blindaxe do emprego público no Grove, desde o BNG clamaban os dereitos dos homosexuais e transexuais, contra os recortes da Xunta en cooperación e outra sobre o sistema financeiro.

Desde o PSOE e o BNG pediron que polo menos se incluise a moción referida aos dereitos dos homosexuais xa que o día 28 celebrábase o día do Orgullo Gay, ao cal o alcalde respostou contundentemente dicindo que xa se sabía desde o día 1 que ese día se celebraba o orgullo e que non debería presentarse por urxencia. Outeiro respostou dicindo que él traballa "fóra e non ten moito tempo para ir ao concello, cando vós (ao goberno) estades aquí", algo que o alcalde non tomou moi ben pois según el cuestionaba o seu traballo no concello.

Tamén houbo tempo para os rogos e preguntas, aínda que a maior parte delas quedaran por respostar, non sabemos se por collelos por sorpresa, por non ter unha contestación populista ou pola presa por ir ver o deporte nacional. Por outra banda as cuestións que desde EU presentamos por rexistro por non poder plantexalas no pleno anterior (o noso concelleiro tivo que ausentarse por cuestións laborais) tampouco tiveron resposta, pois segundo eles non llas pasaran. 

José Antonio Cacabelos quixo coñecer as intencións que ten o grupo de goberno para o edificio administrativo que aínda continúa pechado. O socialista lembrou que non hai moito o Concello contratou por preto de 30.000 euros a subministración e instalación do mobiliario e quixo saber o estado no que se atopan os preparativos. Pérez ten confianza en que o equipamento quede resolto neste mes (xullo) e posteriormente comezarán o traslado. Por outra banda o popular (e populista) denunciou o estado no que atoparon este edificio, xa que tiveron que destiñar o 70% da contía que o anterior goberno destinara a amoblar o inmoble, xa que faltaba a instalación a internet, calefacción e ar acondicionado (algo que xa estaba no proxecto) e incluso parte eléctrica.

A concelleira socialista Ángeles Domínguez lembrou unha moción aprobada no anterior mandato na que se solicitaba un pediatra para o Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de saúde. Esta edil aludiu a existencia dun rumor que cuestiona a continuidade deste servizo. Aída Filgueira, concelleira de Sanidade, respondeulle alegando que non teñen constancia de que perigue a permanencia do PAC, aínda que recoñeceu que o SERGAS en ningún momento garantiu que se puidese contar cun pediatra neste servizo.
 
Juan Otero anunciou a necesidade duns pasos de peóns nunha estrada de San Vicente, ao cal o concelleiro de Vías e Obras, Manuel Ochoa semostrou en desacordo a súa instalación en determinados puntos, xa que con eles “a xente cruza moi confiada” (sic).

Desde EU preguntamos polos motivos polos que o concelleiro do PP Carlos Otero votou en contra da moción do regulamento para os acollementos civís, cando o resto do Goberno votou a favor e o devandito concelleiro non se posicionara en contra en ningún momento, cousa que volveu facer neste pleno, no que o concelleiro de Cultura non respondeu á pregunta plantexada. Algo por certo, que non nos sorprende e confirma máis se cabe as nosas sospeitas sobre o motivo.

Taboada tamén fixo saber da existencia duns ferros duns catro centímetros que sobresaen no céspede en fronte o restaurante Chiringuito e que pode provocar caídas a viandantes ou danos nos cativos que estean a xogar e/ou animais. Despois de varias suposicións de a qué se poden deber, gañou a idea de que fosen dos soportes dos barcos que ornamentaron o concello. Ademais, reclamáronse unhas papeleiras adecentadas para o paseo de Lordelo, algo ao que contestou Alfredo Bea prometéndonos que colocarán unhas novas de plástico que xa teñen preparadas.

A partir de agora preparamos o vindeiro pleno e xa sabedes que se tedes algo que denunciar e/ou algunha proposta tedes un espazo para os vosos rogos.

Saúde e república!




Ningún comentario:

Publicar un comentario