EU denuncia unha situación "insólita e de extrema gravidade" ao comprobarse que o médico seguía atendendo pese a que o SERGAS certificou por escrito que non exerce en ningún centro público galego.
O grupo municipal reclama responsabilidade política e unha investigación inmediata sobre como puido producirse esta irregularidade.
O Grove, 10 de decembro de 2025.- Esquerda Unida do Grove vén de facer pública unha denuncia de enorme gravidade tras constatar que un facultativo estivo atendendo na súa consulta habitual do Centro de Saúde do Grove malia que o SERGAS certificou oficialmente que non exerce actividade profesional en ningún dos centros dependentes do sistema sanitario público galego.
Segundo explicou o voceiro de EU, José Antonio Otero, a situación "non só é irregular, senón completamente inadmisible nun servizo público esencial como é a atención primaria". Otero subliña que "non falamos dunha confusión administrativa menor, senón dun feito gravísimo: un médico atendendo pacientes sen constar como profesional en activo no SERGAS".
A formación lembra que os problemas arredor deste facultativo se arrastran desde 2024, cando comezaron episodios reiterados de ausencias inxustificadas, presencia en estado embriaguez e outras condutas inapropiadas que derivaron en denuncias formais e mesmo intervención policial. Tras estes feitos, o doutor deixou de exercer arredor de outubro ou novembro dese ano, permanecendo afastado da actividade durante case un ano.
Porén, hai apenas uns meses reincorporouse á consulta, e os pacientes advertiron que persistían as mesmas irregularidades, o que motivou novas reclamacións. Foi entón cando o SERGAS respondeu por escrito indicando que o facultativo non exerce en ningún centro público, unha afirmación que implicaría que non debería estar pasando consulta.
Estas reclamacións ás que tivo acceso Esquerda Unida esta semana, e nas que se basea para esta denuncia, foron rexistradas polos usuarios os días 6 e 7 de novembro, e recibiron resposta oficial do SERGAS o 26 do mesmo mes, respectivamente. Foron estes mesmos pacientes quen trasladaron á organización tanto o contido da resposta como o sucedido no centro sanitario ao comprobar que o facultativo continuaba atendendo con normalidade malia ser considerado "non exercente" polo propio organismo.
A sorpresa produciuse cando os usuarios acudiron ao centro sanitario e comprobaron que o médico seguía atendendo con total normalidade, mentres o propio persoal administrativo do ambulatorio mostraba desconcerto ante a contradición coa resposta oficial.
"Estamos ante unha situación absolutamente excepcional e xuridicamente inexplicable", afirma Otero. "Se o SERGAS asegura que non está en activo, quen autorizou a súa presenza? Como é posible que accedese ás instalacións e á historia clínica dos pacientes? Que controis fallaron para permitir algo así?".
O voceiro sinala que esta circunstancia supón un grave risco para a saúde e para a protección de datos sanitarios, ademais dunha vulneración flagrante dos protocolos de control profesional: "Ningún paciente pode ser atendido por alguén que oficialmente non existe no sistema. Isto non pasa nin nos peores escenarios de descoordinación institucional".
Otero engadiu que, se xa durante a primeira etapa este profesional xeraba dúbidas entre a veciñanza sobre a fiabilidade dos diagnósticos e das receitas prescritas, "coñecer que nesta nova etapa atendía sen figurar como profesional en activo no sistema público multiplica a preocupación e fai saltar todas as alarmas". "Falamos de persoas que estaban sendo tratadas por alguén que oficialmente non debía exercer, o cal é dunha gravidade absoluta", apuntou.
Esquerda Unida esixe ao SERGAS explicacións urxentes, transparencia total e a apertura inmediata dunha investigación que esclareza como se puido producir unha situación de tal magnitude. O grupo municipal reclama tamén responsabilidades políticas e organizativas polo que consideran "un fallo sistémico intolerable".
"A confianza da veciñanza no sistema público non pode verse golpeada por erros deste calibre. Non imos permitir que isto quede en silencio nin que se intente minimizar", concluíu Otero.

Ningún comentario:
Publicar un comentario