A formación critica que o Concello priorice a Festa do Marisco fronte ao correcto funcionamento dun centro escolar público.
Esixen que se cubra de inmediato o posto de conserxe mediante a bolsa de emprego e que non se condicione a prestación deste servizo esencial á celebración de eventos municipais.
O Grove, 06 de outubro de 2025.- Esquerda Unida vén de denunciar a falta dun conserxe no CEIP Valle-Inclán, unha situación que se prolonga dende o pasado 19 de setembro, cando rematou a persoa que viña ocupando o posto, e que, segundo sinalan, non ten visos de solucionarse a curto prazo.
No pleno municipal foi o concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, quen preguntou pola ausencia de conserxe no centro. A resposta da concelleira de Educación foi que unha nova persoa da bolsa de emprego debería incorporarse o 25 de setembro, pero que, debido a un trámite administrativo, a contratación non puidera executarse, e que agardaban resolver a situación esa mesma semana. Porén, a realidade é que o problema continúa sen solución e o posto segue sen cubrir.
Desde Esquerda Unida explican que o propio centro comunicou que a resposta do Concello é que o persoal municipal está actualmente destinado á Festa do Marisco, converténdose esta actividade na prioridade do goberno local. “Resulta inadmisible que se antepoña unha festa a un servizo esencial como é o da atención e seguridade do alumnado dun colexio público”, denuncian.
A formación teme que a ausencia de conserxe se prolongue ata despois do 12 de outubro, data de remate da Festa do Marisco, “algo totalmente inaceptable nun servizo esencial para o funcionamento do centro e a atención diaria do alumnado”.
EU cualifica de “lamentable” que se desatenda unha cuestión tan básica e que se engane á veciñanza con promesas que non se cumpren. “Non pode ser que o curso escolar chegue co centro sen conserxe e que, en lugar de buscar unha solución inmediata, o goberno municipal mire para outro lado”, sinalan desde EU.
O grupo municipal esixe ao Concello que priorice os servizos públicos esenciais e que proceda de maneira urxente a cubrir o posto de conserxe no CEIP Valle-Inclán, “garantindo o correcto funcionamento do centro e a seguridade dos cativos”.
“Non é de recibo que unha festa, por moi importante que sexa, estea por riba da educación e da atención ao alumnado. É preciso xestionar con responsabilidade, e non converter a desorganización nunha costume”, conclúen desde Esquerda Unida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario