mércores, 15 de outubro de 2025

Esquerda Unida pide claridade e transparencia sobre obra da subida a Meloxo e esixe celeridade

Cuestionan as explicacións do goberno local, que asegura ter remitido toda a documentación á Deputación e estar pendentes de asinar o convenio. Reclaman tanto ao Concello como á institución provincial información verificable sobre o estado do proxecto e os prazos de execución da obra.

Lembran que levan dende 2020 reclamando a substitución da tubaxe e alertan das continuas roturas, tres nos últimos cinco días, a última no día de onte, o que está ocasionando problemas de abastecemento á veciñanza.

O Grove, 15 de outubro de 2025.- Esquerda Unida vén de pedir explicacións ao goberno municipal e á Deputación de Pontevedra ante a falta de avances na substitución da rede de abastecemento e reforma estrada de subida a Meloxo, un proxecto anunciado no ano 2023 e que segue sen executarse. O grupo municipal reclama claridade, transparencia e depuración de responsabilidades e esixen celeridade na execución da obra. Do mesmo xeito, alerta que as roturas da tubaxe son continuas e a veciñanza está a sufrir os cortes no subministro de auga, a última rotura produciuse no día de onte, que se suma ás outras dúas que tiveron lugar na última semana.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, lembra que no pleno do 2 de xuño, tras preguntar polo estado do proxecto, a concelleira de Obras, Ángeles Domínguez, asegurou que “toda a documentación xa estaba en mans da Deputación”, que “o Concello cumprira o seu traballo” e que só había catro propietarios que non aceptaran a cesión dos terreos. Afirmou ademais que era a Deputación quen debía fixar os prazos e decidir se expropiaba ou modificaba o proxecto. Así mesmo, no día de onte, o Alcalde afirmaba estar en contacto co ente provincial para a sinatura dun convenio, pero a realidade é que a obra segue a demorarse.

“Queremos saber se esa información é certa ou non. Por iso solicitamos formalmente á Deputación que nos confirme se o Concello lle trasladou realmente toda a documentación, cal é o estado do expediente e cales son os pasos previstos para que a obra sexa unha realidade. Tamén pedimos ao propio Concello que nos achegue as minutas ou xustificantes de envío da documentación para demostrar que fixeron o que din”, explicou Otero.

Otero advertiu de que “non sería a primeira vez que se maquilla unha realidade para aparentar xestión”, lembrando que en febreiro deste ano o alcalde, asegurara publicamente que xa se contaba co 90 % das cesións asinadas e que o resto se completaría “nun prazo de dez ou quince días”, co fin de enviar o expediente á Deputación a principios de marzo. “Estamos en outubro e seguimos sen obra, sen licitación e sen explicacións convincentes”, engadiu.

Esquerda Unida leva reclamando dende 2020, cando se produciron as primeiras roturas, a substitución da tubaxe de abastecemento “xa que tiñamos claro que o paso de vehículos pesados e o estado da rede ía provocar que se repetisen con frecuencia as roturas co conseguinte prexuízo para a veciñanza, que a fin de contas é quen sofre cortes de auga que se prolongan durante longas horas, tal e como sucedeu no día de onte e ata en dúas ocasións máis nesta última semana, o que constata que non é un problema novo, senón un problema ignorado”, asevera Otero que considera que “a pesar de levar cinco anos advertindo da gravidade, o que vemos é inacción e opacidade”.

A formación advirte de que a falta de execución está a provocar malestar entre a veciñanza e gastos innecesarios para o concello en cada rotura. “Se o proxecto leva dous anos atascado entre administracións, alguén debe dar explicacións e asumir responsabilidades. O que non pode ser é que a veciñanza siga sufrindo mentres o Concello e a Deputación botan balóns fóra”, concluíu o voceiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario