José Antonio Otero e Cristina
Domínguez queren coñecer o motivo polo que a exconcelleira acudiu a Amsterdam
representando ao Concello cando xa non está vinculada ao goberno local.
Solicitan información relativa
aos gastos da viaxe a terras holandesas e preguntan se o goberno ten
contemplado contratar a exconcelleira como asesora.
O Grove, 09 de xullo de 2019.- O pasado xoves, unha comitiva grovense acudiu a
Amsterdam (Holanda), para realizar a presentación internacional da Festa do
Marisco. Ademais do Alcalde e o persoal que sempre o acompaña neste tipo de
actos, este ano tamén formou parte da comitiva a que, ata o pasado mes de xuño,
foi a concelleira de Turismo do Grove. Unha circunstancia que en Esquerda Unida
consideran incomprensible e máis aínda cando o Alcalde anunciou nos medios de
comunicación que asistía como representante do Concello.
Así, os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero e Cristina
Domínguez, queren coñecer o motivo polo que a exconcelleira acompañou ao
Alcalde á Amsterdam e quen sufragou os gastos da súa viaxe, máxime cando non
ten ningunha vinculación co Concello. Se se confirma que foi o concello quen
correu cos gastos desa viaxe, os esquerdistas pedirán responsabilidades pois,
entenden que se estaría pagando a viaxe dunha persoa vinculada unicamente ao
PSOE con cartos públicos.
Para Otero e Domínguez que a exconcelleira fose a encargada de preparar a
presentación antes de abandonar o seu cargo, non é motivo para que acompañe ao
Alcalde a Amsterdam e que este a presente como representante do municipio e
menos que lle paguen a viaxe con cartos das arcas municipais. Por iso os edís
esquerdistas consideran isto como unha mostra do despotismo que ten este
goberno de maioría e non entenden que con dez concelleiros/as, o Alcalde teña
que recorrer a unha exconcelleira para poder levar a cabo a presentación da Festa
do Marisco fora do estado, salvo que contemple outorgarlle un cargo no goberno
municipal como asesora.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario