A agrupación de esquerdas ve unha clara neglixencia
por parte do goberno local ao negarse a facerse cargo da xestión da EDAR
situada en Laxe de Rons. Consideran esta decisión unha falta de planificación
organizativa e económica.
Dende Esquerda Unida recordan, que a xestión lle
corresponde ao goberno municipal, ao igual que está xestionando a EDAR de San
Vicente.
O Grove, 16 de xullo de 2019.- O pasado mes de xuño coñecíase, que ante a
desatención por parte do Concello do Grove, o ente público autonómico Augas de
Galicia facíase cargo da xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais
(EDAR), situada na Laxe de Rons, por risco de contaminación da Ría de Arousa
ante a desatención por parte do Concello do Grove. O goberno municipal, que se
nega a facerse cargo da xestión da depuradora, alega deficiencias nas
instalacións así como discrepancias no cobro do canon de depuración de augas.
Sen embargo, para Esquerda Unida o que se agocha detrás de este conflito é a
falta de planificación do servizo por parte do executivo socialista, tanto no
organizativo como no económico. Un conflito que aparentemente se estenderá no
tempo, pois acabamos de coñecer a prórroga por un ano por parte da Xunta de
Galicia na xestión da EDAR grovense, con un custo para as arcas municipais e
por conseguinte para os petos da veciñanza, de preto de medio millón de euros.
Esquerda Unida, que dende o ano 2007
defendeu sempre a xestión municipal da EDAR –logo de que por aquel entón o seu
concelleiro, Juan Lamelas, solicitara a realización dun informe que determinara
a localización máis apta para a estación depuradora–, considera a postura do
goberno municipal “totalmente irresponsable”. Segundo os esquerdistas a
actitude de inacción do goberno presidido por Cacabelos ante as discrepancias
alegadas é “claramente neglixente”. “Se fosen certas as eivas que argumenta o
goberno local, deberían traballar para solucionalas e acoller a depuradora, tal
e como está aprobado en pleno. Desatender por completo o asunto é unha
irresponsabilidade máxima”, indican.
Desde o grupo que lidera José Antonio
Otero, recórdanlle a Cacabelos que foi el mesmo quen sendo alcalde presentou a
pleno un 26 de decembro de 2007 unha proposta de acordo que incluía o Compromiso
de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras, e de efectuar os
traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución. Unha proposta aprobada pola maioría
do pleno cos votos favorables de PSOE, BNG, EU e PG. Tamén lle fan coñecedor ao
alcalde que o tratamento das augas residuais é unha competencia propia
municipal segundo o artigo 25.2.c) da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local
que establece as competencias dos municipios. Así mesmo, dende as filas
esquerdistas recórdanlle ao goberno municipal que xa están xestionando dende
1999 a EDAR de San Vicente, polo que non entenden a “teima que ten Cacabelos
con que a xestión da EDAR de Laxe de Rons debe ser realizada por Augas de
Galicia”.
Por último, en Esquerda Unida consideran a
postura do PSOE nesta polémica como “hipócrita”. Para os esquerdistas, non se
entende que os membros do PSOE “no pleno de investidura faga alusións ao seu
traballo e compromiso co Medio Ambiente e á vez desatendan o tratamento das
augas residuais do Grove posibilitando o vertido de augas sen tratar á Ría de
Arousa”.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario