xoves, 5 de abril de 2018

EU critica a paralización e ineficacia da xestión turística do Concello


O Grove, 4 de abril de 2018. - Coa Semana Santa recén rematada, o grupo municipal de Esquerda Unida quere denunciar a absoluta falta de iniciativa do Concello en relación co eido turístico. A pesar de tratarse do período que inaugura a tempada alta para a hostalaría grovense; os visitantes que nestes días festivos se achegaron ata O Grove non atoparon unha oferta cultural e de ocio alternativa;  nin tampouco un servizo de información acorde á relevancia destas datas. A falta de planificación do goberno local fixo que a oficina municipal de turismo non cumprise cos horarios propios da época debido á falta de persoal. E, dous anos despois de que a concelleira responsable desta área convocase ao sector para poñer en marcha o tan anunciado novo Plan Estratéxico de Turismo; quedou de manifesto que ese documento non foi máis que un brinde ao sol.

Xa dende o inicio do mandato, o grupo municipal de Esquerda Unida ven demandando a incorporación á plantilla municipal dun Técnico de Turismo. Un profesional capaz de dotar a un Concello turístico como é o do Grove dunha xestión anual planificada; cuxa contratación, a día de hoxe, o goberno local continúa sen acometer.

A formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero lamenta que o goberno local non dote de estabilidade a unha área de importancia capital para a economía local. E é que, se ben para o 2017 o orzamento municipal incluíu, grazas á insistencia da oposición, unha partida para acometer esa contratación durante seis meses; esta nunca chegou a executarse.

Esquerda Unida critica ademais as recentes declaracións da edil de Turismo; que ao comezo desta Semana Santa incidía ante a prensa na variada oferta que o municipio ofrece aos visitantes. Palabras baleiras, pois o Concello non traballou para dar forma a ningún tipo de actividade de interese. E a programación municipal para este período vacacional foi inexistente. “Non houbo actividades municipais, publicidade nin propostas para os visitantes. A concelleira fala de que O Grove reúne nos seus 22 quilómetros cadrados todo o que un visitante pode buscar en Galicia, pero iso non se ve reflectido nunha actividade promocional axeitada, con folletos e guías con presenza en hoteis e restaurantes”, indican dende EU. “Por outra banda, nada volveu saberse do Plan Estratéxico de Turismo que ela mesma comezou hai dous anos, e que quedou paralizado ou gardado nun caixón. Como tampouco se volveu saber absolutamente nada sobre a renovación da obsoleta web de turismo, anunciada e presentada aos hostaleiros na Casa da Cultura. Non só iso, senón que neste momento dita web atópase baleira de contido; segue sen estar adaptada para móbiles; e, o máis grave de todo: segue anunciando que O Grove conta con praias con Bandeira Azul a pesar de que non é certo”.

Esquerda Unida lamenta que as intencións do goberno local queden en palabras que leva o vento; como aconteceu tamén no caso da renovación da oficina de turismo do Corgo realizada hai un ano. E é que, a pesar de que daquela se anunciara a instalación dun aseo para os empregados dese servizo; este continúa sen estar operativo.

 A formación esquerdista tamén pon o foco nos cambios de rumbo e criterio no que respecta á actividade promocional da área de Turismo do Concello. “Non entendemos que levou á concelleira a facer acto de presenza en Fitur este ano, cando en anteriores ocasións afirmara; de xeito reiterado e mesmo en resposta a preguntas realizada en pleno; que non servía para nada e que se trataba dun gasto inútil”.

Área Comunicación
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario