sábado, 14 de abril de 2018

EU chama a participar nas mobilizacións a favor das pensións



O grupo municipal rexistra unha moción para pedir á corporación que apoie a campaña reivindicativa emprendida polos sindicatos Comisións Obreiras e UGT

O Grove, 12 de abril de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida quere que cidadanía e corporación se impliquen nas reivindicacións polo mantemento dun sistema público de pensións. A formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero fai un chamamento á participación na concentración convocada para o vindeiro domingo, 15 de abril, ás 12 do mediodía, na Praza do Concello. E pide aos demás partidos políticos, vía moción, que apoien a campaña iniciada polos sindicatos Comisións Obreiras e UGT.

De forma sutil pero constante repítense argumentos que presentan unha, supostamente, inevitable inviabilidade do sistema de pensións. Arguméntase un fenómeno coñecido e previsible como o aumento das persoas de idade avanzada, xunto con outros que se presentan como incuestionables pero que non necesariamente o son: a menor entrada de poboación estranxeira, a baixa natalidade ou a existencia dun mercado de traballo que ofrece empregos escasos e pouco remunerados.

Os poderes públicos deben apostar por garantir desde o sistema público pensións suficientes como ferramenta fundamental para manter e reforzar a cohesión social. Así o destaca o texto presentado polo vocero do grupo municipal de EU, Juan Lamelas. Que incide en que ”as cotizacións á seguridade social non son, como se repite para tentar deostalas, un imposto que pagan os empresarios. Senón salario das traballadoras e traballadores que se entrega ao Estado para financiar as prestacións actuais e definir os dereitos á pensión futura dos actuais cotizantes”.

“O problema non está no sistema, cuxas necesidades futuras son coñecidas e previsibles. Está, entre outras causas, na vontade de reducir o seu nivel de cobertura”, destaca a formación esquerdista. Que aposta por favorecer a cohesión social; así como por favorecer a posta en marcha de “medidas efectivas de redistribución da riqueza, que garantan pensións suficientes”.

EU entende que “a fórmula actual de revalorización, que se limita a garantir un incremento, ás claras insuficiente, do 0,25  % anual”debe ser revisada en aras de garantir o poder adquisitivo dos pensionistas. E pide o apoio da corporación para trasladar ao executivo central, aos grupos parlamentarios e aos interlocutores sociais, a necesidade de recuperar os mecanismos de goberno participado do sistema público de pensións a través do diálogo social e no marco configurado no Pacto de Toledo.

Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario