O
2018 ten ensinado ao conxunto da clase traballadora e á esquerda política e
social que os ciclos electorais teñen que ter analogamente procesos de
mobilización e tensión social ante os conflitos reais que afectan á nosa clase.
Seguramente se os procesos electorais das eleccións xerais e autonómicas se
enmarcasen neste 2018 cun escenario de mobilización ampla e sostida como o
protagonizado polo movemento feminista, o colectivo de traballadoras e
traballadores da xustiza, os e as pensionistas, as plataformas en defensa da
sanidade pública e as mobilizacións masivas contra a reforma da Lei de Saúde,
etc… o escenario electoral sería sensiblemente distinto e o proceso de desgaste
(con recarga vía opción Ciudadanos) do bipartidismo sería outro. Cómpre entón
non esquecer esta premisa para o futuro máis próximo que é as eleccións
municipais e europeas onde nos xogamos moito.
As
contradicións do sistema capitalista afóndanse pero analogamente o rearme
ideolóxico e organizativo da esquerda ten un desenvolvemento máis lento. Certo
é que temos conseguido convencer a amplos sectores da sociedade galega que a
unidade popular, non exenta de dificultades e tensións, é o único camiño para
que o sistema trema. Ninguén en Galicia causou tanto medo como a recuperación
para o común das alcaldías e espazos municipais, contra as que os medios de
comunicación, poderes económicos que parasitan os servizos públicos municipais,
dereita ultramontana e demais sectores do inmobilismo téñense conxurado. Neste
2018 o noso esforzo ten que ser para afondar neste municipalismo unitario,
novidoso e que é a expresión máis completa do país e sociedade que temos por
gañar.
Un
2018 cheo de mobilizacións esperanzadoras, dende a ampla dignidade dos
pensionistas e xubiladas fartas das demolicións controladas do sistema público
de pensións, ate a difícil loita sindical do colectivo de traballadoras e
traballadores da xustiza, pasando polo abrumador grito das mulleres do noso
país o pasado 8 de marzo e o pasado 26 de abril ante unha sociedade e xustiza machista
e desvergonzada; un novo ciclo de loitas aberto, plural e multipolar obriga ás
organizacións da esquerda a tomar nota e encarar o tempo político coas mesmas
premisas de loita na rúa e nas institucións de maneira coordinada e
secuenciada.
Este
primeiro de maio ten que ter punto de partida dunha correspondencia entre a
esquerda política e social e o clamor popular na rúa, da mobilización e a
corresponsabilidade nos centros de traballo, nas escolas e nos parlamentos e
concellos con ese mandato cidadá de cambio e unidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario