MANIFESTO 8 MARZO
Para transformar o mundo: FEMINISMO
Este ano 2018 comezou especialmente cruento para as
mulleres. Os representantes do Estado quitáronse a careta política e mostraron,
sen disimulo, o que opinan sobre a desigualdade que as mulleres soportamos.
Quitarlle importancia á fenda salarial non é unha anécdota máis do poder, é a
representación simbólica do que as mulleres significamos para o capitalismo. É
a estratexia que o patriarcado segue para desprestixiar e, se pode, cernar
todas as nosas reivindicacións.
O capitalismo e o fascismo están a gañar terreo en numerosas
partes do mundo. A crise foi o pretexto para arrebatar os débiles dereitos que
nos amparaban. O patriarcado, o seu máximo aliado, foi paralelamente gañando o
espazo conquistado e, as mulleres, hoxe, estamos nunha situación realmente de
perigo.
A fenda salarial, a precariedade laboral, a
infrarrepresentación, a responsabilidade dos coidados, a falta de autonomía e
de dereitos propios están a calar na sociedade sen que a consciencia colectiva
se alerte do que está a ocorrer.
Ningún Goberno mantén unha posición firme contra a violencia
cara ás mulleres. O discurso lacrimóxeno non debe enganarnos, necesitamos
políticas reais e compromiso orzamentario contra a violencia cara ás mulleres,
con decisións políticas tanxibles. Necesitamos orzamentos e pactos transversais
que encaren a globalidade das discriminacións e desigualdades que neste momento
sostén ao patriarcado, para erradicalas das nosas vidas.
Tampouco debemos conformarnos con alegacións oportunistas
que nos confundan porque as mulleres non necesitamos paliativos. Necesitamos
unha política feminista para transformar o mundo. Necesitamos a perspectiva de
xénero en todas as decisións e desde todos os ámbitos. Queremos ser donas das
nosas vidas no presente e no futuro. As mulleres demandamos gobernos
comprometidos coa causa das mulleres para posuír os espazos e a riqueza, e
compartila con todos os seres humanos en igualdade e xustiza.
Este ano o movemento feminista fai un chamamento á folga,
que desde EU apoiamos porque hai que tomar partido sen fisuras ante o que xa
está a ocorrer e en prevención do que pretenden.
Apoiamos a folga no traballo, nos fogares, nos coidados, no
consumo, no ámbito estudantíl,… Temos que explicar que a discriminación laboral
é moito máis que a discriminación directa; temos que trasladar o valor social
que teñen os coidados; temos que visibilizar que no consumo únense as peores
caras do capitalismo e patriarcado, para usarnos como obxectos e explotarnos descaradamente;
temos que apostar pola educación como principal ferramenta para acabar co
machismo.
Instamos a que a loita continúe sen tregua, porque como xa
manifestamos no comunicado de apoio á folga feminista, SOBRAN AS RAZÓNS, porque
temos que soportar:
Unha persistente
división sexual do traballo, que xera unha profunda desigualdade social
e laboral, con síntomas tan visibles como unha fenda salarial do 29% en
Galicia, sen esquecer o sostemento de maiores niveis de desemprego e
precariedade. En todo o mundo, as mulleres gañan entre o 60 e o 75 por cento do
salario dos homes en traballos de igual valor.
Perpetuación do
papel das mulleres como sustentadoras da vida e dos coidados,
soportando en moitos casos dobres xornadas pola falta de corresponsabilidade dos
homes e do Estado.
Unha violencia
sistemática e continuada contra as mulleres, con múltiples
manifestacións, que sostén ao patriarcado amparado por un sistema político
capitalista e neoliberal que pretende a regresión dos dereitos conquistados, e
que nos golpea con: os asasinatos machistas, as agresións sexuais e as
violacións, aluguer dos ventres/úteros de mulleres, a explotación sexual e a
prostitución; a violencia patrimonial e a custodia compartida imposta,...
A
invisibilización, a falta de representación en espazos sociais, políticos,
culturais, e a asimetría na repartición do poder.
Unha práctica da
interrupción voluntaria do embarazo que segue penalizada parcialmente e non
está garantida para todas as mulleres no Estado español.
Desde EU apoiamos a Folga Feminista e as manifestacións que
o movemento feminista convocou para este 8 de marzo; porque queremos PARAR O MUNDO, PARA PODER TRANSFORMALO,
cambiando os seus modelos patriarcales por modelos de igualdade, xustiza,
paridade, diversidade e democracia.
É por iso, que facemos un chamamento á participación activa
nestas convocatorias, desde o convencemento de que só cunha transformación feminista da nosa sociedade
poderemos facer realidade a reivindicación de QUE OUTRO MUNDO É POSIBLE.
Área de Muller de Esquerda Unida
Ningún comentario:
Publicar un comentario