A pesar
de que a economía galega leva catro anos medrando, a pobreza tense cronificado
e a inmensa maioría dos contratos son temporais
O emprego
medra, pero a costa dunha crecente precarización das condicións dos
traballadores e, aínda máis, das traballadoras
O Grove, 28 de abril de 2018.- As agrupacións locais de Esquerda Unida en
Vilagarcía e O Grove fan un chamamento para que a cidadanía acuda de forma
masiva ás mobilizacións convocadas para o próximo Día Internacional do
Traballo. A formación advirte da crecente precariedade
que se ten apoderado do mercado laboral. E é que, a pesar de que as cifras do
paro aparentan unha recuperación do mercado de traballo, cun número cada vez
menor de desempregados; a realidade é que ese descenso da cifra de parados se
produce a costa dun empeoramento das condicións laborais.
Ás 12 do mediodía do vindeiro
martes, 1º de maio, arrincará da Praza de Ravella, en Vilagarcía, a
manifestación convocada polos sindicatos CCOO e UGT. Mellor emprego, maiores
salarios, pensións dignas e máis igualdade. Esas serán as reivindicacións que
presidirán unha marcha que, tal e como destaca Esquerda Unida, resulta
absolutamente necesaria neste momento.
Como adoita acontecer nestas datas
pre-estivais, o último informe do paro publicado pola Consellaría de Traballo
da Xunta de Galicia revela un descenso do número de desempregados. Porén, as
cifras son enganosas, pois a realidade é que dos 75.688 contratos rexistrados
no mes de marzo no conxunto da Comunidade, unicamente 8.021 foron indefinidos,
fronte a 66.463 temporais, 634 de prácticas ou formación, e 569 doutras
tipoloxías.
Nos últimos anos tense producido,
ademais, unha crecente feminización do desemprego. Dos 9.298 desempregados
rexistrados na comarca do Salnés en marzo, 5.092 son mulleres, fronte a 4.206
homes.
A pesar de que aos gobernos do
Partido Popular se lles encha a boca falando da recuperación económica
rexistrada nos últimos anos (a economía galega medrou un 3,1% no 2017, e
agárdase que o faga un 2,5% neste 2018), a pobreza tense cronificado, e acada
niveis moi superiores aos existentes antes da crise. 67.500 fogares galegos
teñen a todos os seus membros activos en paro, e 34.700 carecen por completo de
ingresos. Ademais, o 28,8% dos menores de 18 anos en Galicia está en risco de
pobreza e exclusión. O 24,5% viven
en fogares cunha renda por debaixo do 60% da media nacional; e o 26,5% das unidades familiares
con cativos non dispoñen de solvencia para afrontar gastos imprevistos. En conclusión, o
emprego
medra, pero a custa dunha crecente precariedade e do aumento do número de persoas en risco de pobreza.
Esquerda
Unida entende que, nun momento de recuperación económica como o actual, é de
xustiza que esa tendencia positiva alcance tamén á clase traballadora.
Por
elo, a formación avoga por conseguir que a negociación colectiva reflicta unha
mellora substancial dos salarios en xeral, e dos máis baixos en particular. Con
cláusulas de garantía que protexan o poder adquisitivo fronte a un aumento
excesivo dos prezos dos produtos de consumo como o que está a producirse na
actualidade.
En
consonancia co que tamén reclaman os sindicatos, EU esixe ademais un aumento
dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e a calidade do
emprego; a redución das desigualdades; a protección da saúde; e o investimento
produtivo.
Área de Comunicación
Esquerda
Unida Vilagarcía e O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario