luns, 23 de maio de 2016

Esquerda Unida solicita medidas municipais contra a LGTBfobia



Os esquerdistas consideran que a LGTBfobia persiste na sociedade mostrándose con diversas caras xa que a discriminación exercida contra lesbianas, gais, transexuais e bisexuais é violencia e como tal, debe ser denunciada e condenada. Presentan unha moción na que solicitan implicación municipal no rexeitamento a toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar.

Ademais, o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterán a debate unha declaración institucional relativa ao futuro en liberdade do pobo saharauí e que se demande dos EEUU o levantamento do bloqueo a Cuba.


O Grove, 20 de maio de 2016.- O pasado 17 de maio, en Galicia festexouse o Día das Letras Galegas, pero a nivel mundial nesa mesma data  tivo lugar a celebración do Día Internacional contra a LGTBfobia, un día de loita contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero. Segundo Esquerda Unida, a LGTBfobia persiste na sociedade, mostrándose con diversas caras, pois consideran que a discriminación exercida contra lesbianas, gais, transexuais e bisexuais é violencia e como tal, debe ser denunciada e condenada enerxicamente tanto pola sociedade como polos propios poderes públicos.

Os edís esquerdistas, Juan Lamelas e Jose Antonio Otero coidan que existe LGTBfobia cando se patoloxizan as identidades das persoas transexuais e se invisibiliza a realidade das e dos maiores LGTB, cando a igrexa ataca a diversidade sexual, se recorren os dereitos de LGTB ante o Tribunal Constittucional e se tolera o “Bullyng” o acoso escolar LGTBfóbico, cando se condena ao colectivo LGTB ao paro e á precariedade, se aproban recortes en sanidade que afectas especialmente ás persoas transexuais e se elimina a dotación orzamentaria que sostén o Plan Nacional sobre o Sida.

Tanto Lamelas como Otero consideran que a educación é o instrumento máis eficaz na loita contra a discriminación e a intolerancia, polo que entenden que é preciso defender unha educación pública, laica, humanista e inclusiva que contribúa a poñer fin a esta lacra social e a promover o respecto á dignidade cidadá de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.

É por iso, que o Grupo Municipal de Esquerda Unida levará ao pleno deste mes de maio unha moción na que solicitará que o Concello do Grove contribúa ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar, escolar, social e/ou político.

Así mesmo, piden que dende a administración municipal se fomente e fortaleza o asociacionismo LGTBI, se promovan o compromiso coa loita contra a LGTBfobia entre o persoal laboral, se apoie e difundan as convocatorias que realizan os colectivos LGTBI e se garanta a atención integral a todas as persoas que sufriron discriminación ou que foron obxecto dun delito de odio, prestando especial atención aos colectivos máis vulnerables.

Ademais desta moción e as xa anunciadas –implantación dunha Carta de Servizos municipal e declarar O Grove como municipio contrario ao TTIP– o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterá a debate no pleno deste mes de maio dúas propostas máis. Na primeira os edís esquerdistas pedirán que se demande dos EEUU de América o levantamento do bloqueo a Cuba e se remita ese acordo ao Parlamento de Galicia e ao Consulado de Cuba en Galicia e na segunda solicitarán a aprobación dunha declaración institucional relativa ao futuro en liberdade do pobo saharauí.
 
Grupo Municipal de Esquerda Unida
  

[ver/descargar moción declaración institucional futuro en liberdade pobo saharauí]

Prensa:

EU súmase á reclamación de medidas para previr a "LGTBfobia" [ver noticia web]

Ningún comentario:

Publicar un comentario