25 xuño 2020
Foto denuncia EU - Estado do Lavadoiro dos Paus
22 xuño 2020
EU advirte que o goberno aprobou un sobrecusto do auditorio de medio millón de euros
O grupo municipal esquerdista indica que a Xunta de Goberno Local aprobou o 10 de xuño unha modificación do proxecto con un incremento do 14% do orzamento inicial, o que supón un de desembolso de máis de 560.000 €.
Denuncian que a modificación, entre outras cousas, é para reforzar unha das cubertas co propósito de permitir que se “fagan botellóns” con seguridade.
Consideran que o orzamento para afrontar esta modificación sairá dos 600.000 € destinados á apertura da estrada entre As Bouzas e a Castelao.
O Grove, 22 de xuño de 2020.- A comisión informativa de este luns dará conta do acordo da Xunta de Goberno Local do pasado día 10 de xuño no que se aprobou a modificación do proxecto do Auditorio e Escola de Música cun incremento do 14% sobre o orzamento adxudicado. Unha modificación que suporá un desembolso de máis de medio millón de euros e que a obra se dilate no tempo.
Dende Esquerda Unida indican que a modificación principal débese á necesidade de reforzar unha cuberta do auditorio ante a posibilidade de que se realicen botellóns sobre a mesma. Iso é o que deducen os esquerdistas logo de ter acceso ao documento de solicitude realizado pola dirección de obra, na cal se indica que detectaron reunións non controladas de mocidade na zona e que consideran que esta actividade pode continuar no futuro. A pesar de que a cuberta conta con cercado para impedir o acceso, a dirección de obra entende que non vai impedir que se salte o mesmo, e como precisaría de mantemento e atención a proposta é permitir este tipo de actividades facendo unha cuberta transitable, cuestión que dende Esquerda Unida consideran incomprensible, pois “en lugar de evitar ou disuadir ese tipo de actividades, o que facemos é facilitarlles e asegurarlles a estancia na zona”.
Outra das modificacións propostas foi en base á estabilidade en pendentes, detectadas segundo avanzaron os traballos de escavación, e pola que existía posibilidade de desprendemento de rochas co conseguinte risco para os traballadores. Dende Esquerda Unida tampouco comprenden moito esta cuestión, “pois vendo a singularidade do terreo e coñecendo a profundidade da escavación era case previsible a posibilidade de desprendementos”.
Tal e como denuncian os esquerdistas, estas modificacións supoñen un incremento de 561.633,79 € sobre o orzamento adxudicado (4.011.669,90 €), o que sumado ás direccións e coordinacións de obra (87.846,00 €) e ao proxecto do mesmo (63.926,96 €) elevan xa o custo do Auditorio e Escola de Música a un total de 4.725.076,65 €. Para Esquerda Unida isto só é o comezo, pois entenden que seguirán aparecendo gastos que provocarán que finalmente o Auditorio supere con creces os 5 millóns de euros.
Por último, dende a agrupación esquerdista pregúntanse de onde sairán eses máis de 550.000 € precisos para asumir esta modificación do proxecto, aínda que teñen unha idea e non descartan que nos vindeiros meses se presente en pleno unha modificación do destino dos 600.000 € previstos para a apertura da estrada entre as Bouzas e a Castelao.
19 xuño 2020
Foto denuncia EU - Estado da Fonte do Naval
11 xuño 2020
Foto denuncia EU - Estado do camiño dos Pardiños
09 xuño 2020
EU insta ao goberno municipal a abrir a biblioteca da Casa da Cultura de San Vicente
Os esquerdistas consideran discriminatorio que logo de que o Estado permitira a apertura das bibliotecas municipais, o concello abrise a da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey e manteña pechada a de San Vicente.
Instan ao goberno a poñer en funcionamento o servizo bibliotecario da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder, coas mesmas medidas de seguridade que a do Monte da Vila, para facilitar o desenrolo dos estudos ao colectivo estudantil da parroquia.
O Grove, 9 de xuño de 2020.- O pasado 11 de maio Galicia entrou na fase 1 da desescalada, o que permitía, entre outras moitas cousas, a apertura das bibliotecas municipais para o préstamo de libros e lectura con limitacións de aforo. No Grove, non foi ata o 20 de maio cando a biblioteca da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey abriu as súas portas coas medidas de seguridade pertinentes, namentres a pertencente á Casa da Cultura Ángel Váquez Hereder, na parroquia de San Vicente, continuaba pechada.
Coa entrada da fase 2, o pasado 25 de maio, as medidas esixidas para apertura das bibliotecas eran máis flexibles, permitindo neste caso actividades de consulta en sala sen superar o terzo do aforo. Novamente, a biblioteca da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey adaptábase a estas novas circunstancias, incluso coa instalación de un dispensador de pé de xel hidroalcohólico e un felpudo antibacterias, namentres a situada en San Vicente continuaba co porta pechada.
Este luns entramos na fase 3 e novamente esta situación incluíu normas máis flexibles que as anteriores pero, aínda así, a biblioteca da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder segue tendo as portas pechadas, o que Esquerda Unida tacha como “unha clara discriminación cara a parroquia de San Vicente”.
Os esquerdistas consideran que esta circunstancia está a perxudicar a toda a veciñanza de San Vicente, pero en especial ao colectivo estudantil da parroquia, xa que non poden realizar os seus estudos nas mesmas condicións que os do casco urbano grovense. Segundo a concelleira de Esquerda Unida, Ana Cristina Domínguez, “No rural é complicado contar cunha conexión a internet decente, e moitas vivendas non contan nin tan sequera con ese servizo o que provocaba que para solucionar esta situación o alumnado da parroquia achegábase á biblioteca Casa da Cultura para realizar as tarefas que requirían dunha conexión”. “Durante o confinamento, o alumnado tivo que sufrir a falta dunha conexión a internet ao non poder estar abertas as instalacións municipais, pero non é comprensible que esta circunstancia continúe igual dende o pasado 11 de maio, cando entramos na fase 1” indica Domínguez, que considera esta situación “unha falta de previsión do goberno municipal e unha falta de respecto e discriminación cara a veciñanza de San Vicente”.
Por ese motivo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida solicita ao goberno municipal a apertura inmediata da biblioteca da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder e que se dote esta das mesmas medidas de seguridade que se aplicaron nas instalacións da Manuel Lueiro Rey.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O
Grove
28 maio 2020
EU pide ao goberno que remate dunha vez a obra de Alexandre Bóveda
O grupo municipal de Esquerda Unida tacha ao goberno de incompetente por ter unha arteria principal do casco urbano nun estado lamentable durante tantos meses.
Queren coñecer o motivo polo que non se continuaron cos traballos nun momento en que a molestia ía ser menor ao non haber tráfico debido ás restricións pola Alerta Sanitaria.
O Grove, 27 de maio de 2020.- O grupo municipal de Esquerda Unida quere coñecer os motivos reais polo que a obra de humanización da rúa Alexandre Bóveda está paralizada dende hai máis de 3 meses á vez que lles pide que a remate dunha vez por todas, pois consideran que é lamentable o estado no que se atopa unha das arterias principais da vila.
Os esquerdistas indican que xa no pleno do 6 de marzo denunciaban o estado tercermundista da rúa Alexandre Bóveda e os problemas que estaba ocasionando a viandantes, vehículos e, sobre todo, ás veciñas e veciños dese tramo. Preguntaron tamén os motivos polos que naquel momento a obra non avanzaba. Recordan que o propio Alcalde recoñecía os erros cometidos na execución da obra, asumía as culpas e afirmaba que nun curto espazo de tempo continuarían coa mesma pois tan só faltaba a sinatura dos propietarios das parcelas para a cesión duns metros das mesmas, cuestión que xa tiña encamiñada.
O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero denuncia que “a día de hoxe a rúa continúa na mesma situación que hai tres meses, con fochas e ocasionando os mesmos problemas a viandantes, vehículos e veciñanza, coa única diferenza de que a circulación rodada e a pé se viu reducida polas restricións derivadas da Alerta Sanitaria”. Unha circunstancia que, segundo Otero, non foi aproveitada polo goberno municipal, “pois tivo tempo suficiente para pechar as negociacións cos propietarios e todas as facilidades para executar a obra debido a ese descenso do tráfico e a menor presenza de veciñanza circulando pola rúa”.
A pesar de que o Alcalde volveu asumir toda a responsabilidade o pasado sábado na súa habitual rolda de prensa pola Alerta Sanitaria, para Esquerda Unida non foi suficiente xa que, segundo indican, “non dou a coñecer os motivos reais de por qué a obra segue paralizada dende entón e non explicou a verdadeira razón pola que a día de hoxe non pechou a cesións dos terreos cando dixo que tiña os papeis listos e o compromiso dos propietarios para asinar”.
Unha situación pola que Esquerda Unida volve tachar ao goberno de Cacabelos de falta de xestión e de traballar a salto de mata, “pois se a realidade é a falta de acordo cos propietarios dos terreos, non fai máis que demostrar a incompetencia do goberno á hora de xestionar as obras públicas do noso concello, comezando as mesmas sen ter claro o que ten ou quere facer”, sentencia Otero.
![]() |
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
22 maio 2020
EU denuncia que o goberno non reduciu os pasos elevados da Avenida Portugal tal e como prometera
21 maio 2020
Keep Calm & Consume Local - Merca No Grove
20 maio 2020
Esquerda Unida O Grove non apoiou os orzamentos da Mancomunidade
14 maio 2020
Keep Calm & Consume Local - Merca No Grove
#mercanogrove #euogrove KeppCalmConsumeLocal
💡Se buscas ideas para cociñar, os alumnos👩🍳👨🍳 de A Lanzada Obradoiro de Emprego están compartindo moitas das súas receitas, e teñen unha pinta 😋👌
Vector de Fondo creado por freepik - www.freepik.es
13 maio 2020
Esquerda Unida NON apoiou a brutal subida da taxa de saneamento de depuración
07 maio 2020
Keep Calm & Consume Local - Merca No Grove
☑️Esquerda Unida O Grove únese á campaña de apoio ao comercio local da nosa vila‼️
Durante o confinamento foi o pequeno comercio o que nos proporcionou a froita🍏, o pan🥖, a carne🍗, o peixe🦑, os medicamentos💊 e incluso a pintura😆.
👏👏Estamos moi agradecidos polo seu bo facer e queremos demostralo mercando no Grove.
🎙Porque cando mercamos no comercio local creamos comunidade👫, consumimos produtos locais e de tempada, colaboramos co medio ambiente♻️ reducindo as emisións de CO2, apoiamos aos emprendedores, poñemos en valor o talento local, fortalecemos o tecido empresarial do Grove💪, xeramos emprego e o reparto da riqueza faise entre tódolos veciños🙌.
“Keep Calm & Consume Local” é o noso lema que se une á campaña común #mercanogrove
#euogrove #KeepCalmConsumeLocal
Vector de Fondo creado por freepik - www.freepik.es































