mércores, 13 de maio de 2020

Esquerda Unida NON apoiou a brutal subida da taxa de saneamento de depuración


No pleno celebrado na mañá deste martes, vía telemática, o Grupo Municipal mostrou a súa oposición tallante á proposta do goberno de subir a Taxa de Saneamento e Depuración.
Para Esquerda Unida, este non é o mellor momento para que as veciñas e veciños vexan aumentada de forma brusca unha taxa municipal por mor dunha mala xestión do goberno. Nun ano complicado para as economías domésticas e empresariais, o aumento dun imposto municipal non axuda, a pesares de que nos digan que non se cobra ata o vindeiro ano, porque o inicio do 2021 tampouco é que sexa esperanzador.

Así o trasladou o noso voceiro, José Antonio Otero, antes de indicar que a subida que propoñía o goberno, e que finalmente foi aprobada con nove votos do grupo socialista, supón que os domicilios grovenses vexan aumentado o seu gasto nun mínimo de 16 € anuais (a taxa mínima increméntase nun 75%) ao que hai que sumarlle o correspondente ao consumo, que tamén aumenta (ademais de trocar os seus tramos, resultando máis caros). Isto nos domicilios particulares, porque si vamos ás empresas, o aumento tamén é considerable, pasando de uns 52 € de mínimo a 72 €.

Así mesmo, Otero indicou que nunha época na que o consumo previsiblemente vai aumentar tanto nos domicilios como nas empresas (debido ás maiores esixencias de limpeza e desinfección) a penalización vai supoñer un agravamento desproporcionado, xa que un veciño pode chegar a pagar entre 40 e 80 € máis que ata o de agora.
O Alcalde xustifica esta suba pola obriga de xestionar a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ostreira. Pero isto é unha gran mentira, pois quedou demostrado que o servizo xa era deficitario e a EDAR tan só agravou a situación. Esta modificación da taxa nestes momentos só atende a unha nefasta xestión do goberno liderado por Cacabelos, que nestes 5 anos que leva a fronte do Concello non actualizou esta taxa. Tal e como trasladou o noso voceiro no pleno, se o goberno tivese feito unha actualización das taxas municipais de forma anual, o incremento (de ser necesario, como neste caso) sería proporcional e asumible por calquera veciña e veciño, e incluso este ano sería asumible polo propio concello. Non ter feito os deberes nestes cinco anos, sabendo que chegaría o día no que tería que asumir a xestión da EDAR, provocou que a taxa de saneamento e depuración sufra agora un incremento abusivo e no peor momento posible.

Dende Esquerda Unida somos conscientes de que as taxas municipais precisan actualizacións, e seguramente a gran maioría precisarán incrementos, pero estes poden ser asumibles polos veciños se a revisión se fai de forma anual e non con subas abusivas por non ter feito os deberes.

O noso Grupo Municipal xa presentou nunha ocasión unha moción cunha proposta de modificación fiscal que contemplaba a aplicación de impostos progresivos con bonificacións a través de cláusulas sociais e coa máxima de que paguen os que máis teñen. Pero esta proposta non saíu adiante polo rexeite do PSOE, ao que non lle interesa realizar axustes fiscais progresivos e logo aplica subidas abusivas á veciñanza.
Estas cuestións, así como outros aspectos que non compartimos do informe elaborado por unha empresa externa para xustificar a taxa, levounos a non apoiar a proposta do goberno, que como dixemos saíu adiante pola maioría coa que conta.

1ª intervención de Esquerda Unida


2ª Intervención de Esquerda Unida 

Ningún comentario:

Publicar un comentario