venres, 22 de maio de 2020

EU denuncia que o goberno non reduciu os pasos elevados da Avenida Portugal tal e como prometera


Os esquerdistas indican que o Alcalde se comprometeu no pleno do 2 de marzo a revisar e reducir o desnivel dos pasos elevados da Avenida Portugal tras unha denuncia do seu grupo municipal.

Esquerda Unida denuncia agora que Cacabelos aprobou a certificación e o pago da obra dos pasos elevados o pasado 29 de abril sen que se realizaran os cambios prometidos.

O Grove, 21 de maio de 2020.- O pasado 2 de marzo, no pleno ordinario, o grupo municipal de Esquerda Unida alertou da perigosidade que supoñían os novos pasos elevados instalados na Avenida Portugal pois, polo menos en tres deles, resultaba complicado sortealo sen complicacións, incluso por debaixo da velocidade permitida pola vía.

Nese mesmo pleno, o propio Alcalde recoñecía esta circunstancia e comprometíase a instar á empresa encargada da súa instalación para que os revisase e prolongase o desnivel dos mesmos co propósito de poder sortealos con maior comodidade.

Dous meses e medio despois, os esquerdistas denuncian que non só non se resolveu o problema, senón que constataron que o Alcalde asinou o pasado 29 de abril por decreto, a aprobación da certificación da obra e o pago do mesmo á empresa encargada da instalación dos pasos elevados. Cuestión que, segundo Esquerda Unida, ven a confirmar que os mesmos “parece que non van ser modificados e quedarán así, incumprindo novamente un compromiso con nós e o que é peor, coas veciñas e veciños, pois simplemente puxemos en coñecemento do goberno unha queixa veciñal por un problema que el mesmo recoñeceu”.

Deste modo, Esquerda Unida reafirmase na súa reclamación, “xa que tres dos pasos elevados instalados na Avenida Portugal incumpren o desnivel e provocan que os vehículos teñan serios problemas para superalos”, por iso alertan que Cacabelos non ten desculpa algunha para incumprir con este cometido, amais de non querer realizar esta modificación. “Que non veña agora a dicir que non se realizou por mor da Alerta Sanitaria, pois as empresas de construción non pararon durante as restricións pola pandemia” denuncia Esquerda Unida, que piden que “realice a modificación dos pasos elevados ou lle diga á veciñanza que estes van quedar así definitivamente”.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario