martes, 9 de xuño de 2020

EU insta ao goberno municipal a abrir a biblioteca da Casa da Cultura de San Vicente


Os esquerdistas consideran discriminatorio que logo de que o Estado permitira a apertura das bibliotecas municipais, o concello abrise a da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey e manteña pechada a de San Vicente.

Instan ao goberno a poñer en funcionamento o servizo bibliotecario da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder, coas mesmas medidas de seguridade que a do Monte da Vila, para facilitar o desenrolo dos estudos ao colectivo estudantil da parroquia.

O Grove, 9 de xuño de 2020.- O pasado 11 de maio Galicia entrou na fase 1 da desescalada, o que permitía, entre outras moitas cousas, a apertura das bibliotecas municipais para o préstamo de libros e lectura con limitacións de aforo. No Grove, non foi ata o 20 de maio cando a biblioteca da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey abriu as súas portas coas medidas de seguridade pertinentes, namentres a pertencente á Casa da Cultura Ángel Váquez Hereder, na parroquia de San Vicente, continuaba pechada.

Coa entrada da fase 2, o pasado 25 de maio, as medidas esixidas para apertura das bibliotecas eran máis flexibles, permitindo neste caso actividades de consulta en sala sen superar o terzo do aforo. Novamente, a biblioteca da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey adaptábase a estas novas circunstancias, incluso coa instalación de un dispensador de pé de xel hidroalcohólico e un felpudo antibacterias, namentres a situada en San Vicente continuaba co porta pechada.

Este luns entramos na fase 3 e novamente esta situación incluíu normas máis flexibles que as anteriores pero, aínda así, a biblioteca da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder segue tendo as portas pechadas, o que Esquerda Unida tacha como “unha clara discriminación cara a parroquia de San Vicente”.

Os esquerdistas consideran que esta circunstancia está a perxudicar a toda a veciñanza de San Vicente, pero en especial ao colectivo estudantil da parroquia, xa que non poden realizar os seus estudos nas mesmas condicións que os do casco urbano grovense. Segundo a concelleira de Esquerda Unida, Ana Cristina Domínguez, “No rural é complicado contar cunha conexión a internet decente, e moitas vivendas non contan nin tan sequera con ese servizo o que provocaba que para solucionar esta situación o alumnado da parroquia achegábase á biblioteca Casa da Cultura para realizar as tarefas que requirían dunha conexión”. “Durante o confinamento, o alumnado tivo que sufrir a falta dunha conexión a internet ao non poder estar abertas as instalacións municipais, pero non é comprensible que esta circunstancia continúe igual dende o pasado 11 de maio, cando entramos na fase 1” indica Domínguez, que considera esta situación “unha falta de previsión do goberno municipal e unha falta de respecto e discriminación cara a veciñanza de San Vicente”.

Por ese motivo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida solicita ao goberno municipal a apertura inmediata da biblioteca da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder e que se dote esta das mesmas medidas de seguridade que se aplicaron nas instalacións da Manuel Lueiro Rey.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove


Ningún comentario:

Publicar un comentario