mércores, 20 de maio de 2020

Esquerda Unida O Grove non apoiou os orzamentos da Mancomunidade


José Antonio Otero mostrou a súa oposición por non terse negociado e por non contemplar nos investimentos partida algunha destinada ao cambio da tubaxe de subministro de auga ata o concello grovense.

Os esquerdistas non entenden que Cacabelos, logo de queixarse continuamente polos problemas derivados das rupturas no tramo da Lanzada, non forzase á Mancomunidade para incluír partida algunha, namentres lle reclama a súa parte á Xunta de Galicia.


O Grove, 19 de maio de 2020.- No día de onte tivo lugar o pleno da Xunta Xeral da Mancomunidade onde, entre outros asuntos, se trataron os Orzamentos para o 2020. O representante de Esquerda Unida e voceiro do Grupo Municipal esquerdista no Concello do Grove, foi o único membro da Mancomunidade que votou en contra dos Orzamentos. Otero xustificou a súa oposición ás contas para o 2020 por non terse negociado co seu grupo, pois recibiron a documentación días previos á convocatoria con todo xa pechado.

Así mesmo, dende as filas de Esquerda Unida O Grove, non entenden que no apartado de investimentos non figure partida algunha destinada á substitución da tubaxe que subministra a auga potable ao concello grovense e que se atopa nun estado de deterioro, sobre todo no tramo que transcorre dende Vilalonga ao Grove, xa que se atopa soterrada baixo o mar, e que no seu paso pola Lanzada sufriu numerosas rupturas, as dúas últimas durante o estado de Alerta Sanitaria.

Para os esquerdistas, é incomprensible que, “coas numerosas rupturas que leva sufrindo a tubaxe no tramo de entrada no Grove e as continuas reclamacións que Cacabelos ten realizado para que se acometa a substitución, non fixese forza para que os orzamentos da Mancomunidade incluísen esta demanda, máxime cando son os do seu partido os que dirixen o ente supramunicipal e sobre todo logo de ter anunciado a principios de maio que ía solicitarlle á Mancomunidade o financiamento para a nova tubaxe (A propia web da mancomunidade recolle a noticia)”.

Por outro lado, o representante de Esquerda Unida tamén mostrou a súa desconformidade con que o Obradoiro de Hostalería continúe en Sanxenxo e non regrese a O Grove. Así o transmitiu Otero absténdose no punto no que se solicitaba a subvención para este obradoiro, deixando constar esa protesta en acta. Esta é outra das cuestións que non entenden en Esquerda Unida, “que o Alcalde do Grove non faga forza para este fin é incomprensible, pois no 2016, cando a Mancomunidade dirixida por Durán decidira retirarlle o obradoiro a O Grove para darllo a Sanxenxo, foi o propio Cacabelos quen puxo o grito no ceo e tachando o cambio a unha decisión simplemente política”. “Agora que ten a oportunidade de facer xustiza e devolver a O Grove o que lle pertence nin se lle oe neste asunto” indica Otero. 

É por iso que o voceiro esquerdista considera que “Cacabelos demostra unha vez máis a súa forma de actuar, non respondendo ás necesidades do noso Concello e si ás do partido, como ven acostumando con continuos enfrontamentos coas administracións que non son da súa cor política, pois nunca o veremos enfrontarse á Mancomunidade e a Deputación de Pontevedra, pero si con calquera administración da Xunta de Galicia ou co propio ente autonómico”. “E demóstrao nestes momentos, cando trala última ruptura da tubaxe, o pasado 2 de maio, saíu nos medios de comunicación culpando á Xunta e anunciando que pediría á Mancomunidade que buscase de maneira urxente o financiamento para acometer a obra, pero á hora da realidade votou a favor dos orzamentos para este 2020 a pesar de non contar con esa partida”, sentenza Otero.
 
Extracto do documento de Orzamentos aprobado



Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario