luns, 22 de xuño de 2020

EU advirte que o goberno aprobou un sobrecusto do auditorio de medio millón de euros


O grupo municipal esquerdista indica que a Xunta de Goberno Local aprobou o 10 de xuño unha modificación do proxecto con un incremento do 14% do orzamento inicial, o que supón un de desembolso de máis de 560.000 €.

Denuncian que a modificación, entre outras cousas, é para reforzar unha das cubertas co propósito de permitir que se “fagan botellóns” con seguridade. 

Consideran que o orzamento para afrontar esta modificación sairá dos 600.000 € destinados á apertura da estrada entre As Bouzas e a Castelao.


O Grove, 22 de xuño de 2020.- A comisión informativa de este luns dará conta do acordo da Xunta de Goberno Local do pasado día 10 de xuño no que se aprobou a modificación do proxecto do Auditorio e Escola de Música cun incremento do 14% sobre o orzamento adxudicado. Unha modificación que suporá un desembolso de máis de medio millón de euros e que a obra se dilate no tempo.

Dende Esquerda Unida indican que a modificación principal débese á necesidade de reforzar unha cuberta do auditorio ante a posibilidade de que se realicen botellóns sobre a mesma. Iso é o que deducen os esquerdistas logo de ter acceso ao documento de solicitude realizado pola dirección de obra, na cal se indica que detectaron reunións non controladas de mocidade na zona e que consideran que esta actividade pode continuar no futuro. A pesar de que a cuberta conta con cercado para impedir o acceso, a dirección de obra entende que non vai impedir que se salte o mesmo, e como precisaría de mantemento e atención a proposta é permitir este tipo de actividades facendo unha cuberta transitable, cuestión que dende Esquerda Unida consideran incomprensible, pois “en lugar de evitar ou disuadir ese tipo de actividades, o que facemos é facilitarlles e asegurarlles a estancia na zona”.

Outra das modificacións propostas foi en base á estabilidade en pendentes, detectadas segundo avanzaron os traballos de escavación, e pola que existía posibilidade de desprendemento de rochas co conseguinte risco para os traballadores. Dende Esquerda Unida tampouco comprenden moito esta cuestión, “pois vendo a singularidade do terreo e coñecendo a profundidade da escavación era case previsible a posibilidade de desprendementos”.

Tal e como denuncian os esquerdistas, estas modificacións supoñen un incremento de 561.633,79 € sobre o orzamento adxudicado (4.011.669,90 €), o que sumado ás direccións e coordinacións de obra (87.846,00 €) e ao proxecto do mesmo (63.926,96 €) elevan xa o custo do Auditorio e Escola de Música a un total de 4.725.076,65 €. Para Esquerda Unida isto só é o comezo, pois entenden que seguirán aparecendo gastos que provocarán que finalmente o Auditorio supere con creces os 5 millóns de euros.

Por último, dende a agrupación esquerdista pregúntanse de onde sairán eses máis de 550.000 € precisos para asumir esta modificación do proxecto, aínda que teñen unha idea e non descartan que nos vindeiros meses se presente en pleno unha modificación do destino dos 600.000 € previstos para a apertura da estrada entre as Bouzas e a Castelao.

Ningún comentario:

Publicar un comentario