07 maio 2016

Esquerda Unida solicita unha xuntanza de voceiros para tratar as peonalizacións das rúas do casco urbano



Os esquerdistas, favorables á peonalización, queren coñecer os proxectos para as rúas Luis Seoane e Castelao, o desvío alternativo do tráfico e as alternativas de aparcadoiro que manexa o executivo local.

O Grove, 6 de maio de 2016. O Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitou por rexistro unha xuntanza de voceiros para abordar o tema da peonalización de rúas do casco urbano. Logo das novas en prensa nas que se indicaba que o Concello ten previsto peonalizar en breve a Rúa Luis Seoane e no mes de outubro a Rúa Castelao, concretamente o tramo coñecido como a Catorse, Juan Lamelas e José Antonio Otero solicitaron unha reunión co Alcalde para coñecer de primeira man cal é o proxecto que executará o goberno municipal, a alternativa que ten previsto para a perda de máis de 50 aparcadoiros e a nova circulación que  se propón tralo peche ao tráfico destas dúas rúas.

A pesar de mostrarse favorables á peonalización das citadas rúas, xa que ademais de supoñer unha seguridade para os viandantes pode ocasionar un incremento económico para os negocios alí instalados, os edís esquerdistas consideran que antes de pechalas ao transito de vehículos é preciso contar cun proxecto que mostre as alternativas de circulación e estacionamento, cuestión que nestes intres descoñecen por completo si existe. Tampouco teñen claro si o goberno tratou o asunto con veciños e comerciantes, principais implicados xa que serán os maiores beneficiados ou prexudicados por estas actuacións.

Por ese motivo, os edís esquerdistas agardan que Alcalde atenda á petición realizada por rexistro e convoque aos voceiros dos grupos municipais para abordar este tema, que consideran de crucial importancia, xa que se trata de pechar ao tráfico unha das arterias principais do concello.

Así mesmo, cabe recordar que Esquerda Unida xa se mostrou contrario e criticou no  anterior mandato ao goberno tripartito pola supresión de aparcadoiros realizada en rúas como A Praza de Arriba, Alcalde Xacobe Barral (antiga Cándido Acuña), Vilavella ou o Corgo, xa que naquel entón foron eliminadas máis de 30 prazas de aparcadoiros sen contar cunha alternativa. Situación que finalmente derivou no aluguer, de forma sospeitosa e irregular, dunha finca privada na zona de Beiramar. 

Prensa


EU solicita unha xuntanza de voceiros para abordar o novomapa do tráfico




29 abril 2016

O 1 DE MAIO, REIVINDICANDO A RECUPERACIÓN DOS NOSOS DEREITOS DE CLASE TRABALLADORA




72.000 empregos destruídos nos últimos catro anos en Galicia.
75.000 unidades de convivencia con todos os membros en paro.
32.800 familias sen ningún ingreso.
300.000 traballadoras e traballadores cun salario igual ou menor do SMI.
92% dos contratos foron de carácter temporal no 2015.
40% de taxa de desemprego na xente moza.


Estes son algúns exemplos de datos demoledores cos que se escribe un triste relato dun país que destrúe o seu emprego, un lugar onde os fogares están nunha situación insostible, mentres o Goberno segue a aplicar unhas políticas dirixidas ao enriquecemento dunha minoría. É dicir: estamos a vivir nun país destrutor da economía e inimigo do ben común.

18 abril 2016

VIDEOFORUM ABERTO: CRISE HUMANITARIA ÁS PORTAS DE EUROPA

videoforum aberto o grove.jpg

EU realizará mañá un cineforum aberto na Sala das Cunchas do Concello.

O acto versará sobre as migracións e a crise humanitaria as portas de Europa, facendo fincapé na solidariedade coas persoas refuxiadas. O Deputado de AGE Xabier Ron e a responsable de políticas sociais de EU Sofía Díaz intervirán no evento.


O Grove, 18 de abril de 2016.- A Agrupación Local de Esquerda Unida no Grove continúa coa programación de cineforuns que iniciaron hai ano e medio coa proxección do documental “Comprar, tirar, comprar”. Nesta nova cita de proxección e debate, trataráse o tema das migracións e a crise humanitaria que as persoas refuxiadas están a vivir ás portas de Europa. O acto, organizado por Esquerda Unida en colaboración co Foro de Inmigración, contará coas intervencións de Xabier Ron, deputado de AGE no Parlamento Galego, e Sofía Díaz, responsable de políticas sociais de EU, e a proxección do documental “Las muertes de Ceuta”.



Esta xornada de debate sobre unha problemática tan actual como é esta, celebraráse mañá martes 19 de abril na Sala das Cunchas do Concello do Grove a partires das 20:30h.

14 abril 2016

LEMBRANZA REIVINDICATIVA DA NOSA MELLOR HISTORIA

 

Manifesto republicano de Esquerda Unida.

Lembramos para reivindicar, no 85 aniversario da proclamación da República, a tantas persoas que entregaron o seu traballo para erguer a esperanza compartida de construír un novo país. Non queremos esquecer o exemplo de dignidade democrática que as urnas da primavera republicana de 1931 expresaron ao derrotar a un réxime apodrecido entre a miseria e explotación á que sometía ás clases traballadoras e a corrupción estrutural na que vivían as elites daquela I Restauración Borbónica.

A República constituíu, entón, a resposta das clases traballadoras e populares para disputar ás clases dominantes, a dirección política do Estado, a construción material de condicións de vida dignas para a maioría social traballadora, e en resumo a ferramenta para acadar a hexemonía de valores, a panca básica para a transformación social. 
 
A proclamación da República fora posible polos azos unitarios construídos e que callaron na acción política e electoral conxunta republicana e socialista. A mellora das condicións laborais, os avances na loita pola igualdade que simbolizou o sufraxio universal, os milleiros de novas escolas unificadas, o proceso social polo que o noso pobo gañou dignidade ao derrotar ao caciquismo e plebiscitar o autogoberno… son algúns dos fitos dunha República que na Fronte Popular sinalou o camiño do porvir. Dese alento transformador somos coherdeiros e corresponsables todas e todos os que acreditamos na apertura dun proceso constituínte cando o réxime da II Restauración Borbónica provoca condicións de vida insoportables para tantas e tantos de nós.

06 abril 2016

EU solicita que se permita estacionar e se creen áreas de servicio para autocaravanas


O Grupo Municipal de Esquerda Unida ven de rexistrar no concello unha moción na que se solicita que as autocaravanas poidan estacionar e pasar a noite no noso concello, así como a creación de areas de servizo para este tipo de usuarios.

A agrupación local de Esquerda Unida consideran que O Grove ten que aproveitar este tipo de turismo en auxe en toda Europa. Un turismo -o do autocaravanismo- que provoca a extensión da tempada xa que viaxan todo o ano, dinamiza ás áreas rurais, promociona áreas pouco coñecidas e difunde o patrimonio histórico, gastronómico, paisaxístico e cultural das zonas que visitan, ademais de potenciar o comercio local, en especial o da restauración e os supermercados.

Para elo, o
Ex. zona aparcamento en Ponte Caldelas
primeiro é regular a súa situación no Concello do Grove, onde non hai zonas expecíficas para que poidan estacionar e unha ordenanza local o prohibe así como a posibilidade de que pasen a noite na vila, a pesar de que a instrución 08/V-74 de xaneiro de 2005 si o permite. Así mesmo, os usuarios do autocaravanismo precisan atopar no seu destino as facilidades para desenrolar a súa actividade que pasa por contar cunha área de servizo, onde poder subministrarse de auga potable e realizar o baleirado de augas grises e negras. 

Ex. Area servizo en Ponte Caldelas
Un servizo que, ademais de marcar o destino dos autocaravanistas, tamén garante a xestión medioambiental segura e responsable dos residuos, evita o vertido incontrolado de augas residuais, favorece a chegada dun colectivo en pleno auxe en Europa, pon de manifesto o carácter amigable da localidade, pode converterse nun punto de información turística e comercial en beneficio da zona, potencia o comercio local e prolonga a tempada turística a todo o ano.


É por iso, que os concelleiros do Grupo Municipal de Esquerda Unida someterán a debate e aprobación, no pleno de abril, a proposta de modificar a Ordenanza de Policía, Bo Goberno e Medidas para Fomentar e Garantir a Convivencia Cidadá no Espazo Público para permitir o estacionamento das autocaravanas e que estas poidan pasar a noite no concello así como habilitar un mínimo de dúas zonas (unha en cada parroquia) reguladas nas que se lles permita facelo. Tamén que estas zonas conten con Área de Servizo nas que se poidan abastecer de auga potable e baleirar as augas residuais (negras e grises). Unha instalación que non require un gran desembolso económico e repercute positivamente no Concello.

[descargar moción no seu contexto orixinal

Prensa 

EU aposta por habilitar zonas de estacionamento e servizo para autocarvanas [ver noticia web]
 
EU pedirá en pleno que se habiliten áreas de servicio y zonas para que pernocten las autocaravanas [ver noticia web]

EU propone derogar la ordenanza que prohibe estacionar y pernoctar a las autocaravanas [ver noticia web para subscriptores] [ver imaxe da noticia completa]

EU pide que se modifique la ordenza que prohibe a las autocarabanas pernoctar [sen noticia web] [ver imaxe da noticia completa]

16 marzo 2016

UN ACORDO ILEGAL E INMORAL QUE ATENTA CONTRA OS DEREITOS HUMANOS



As organizacións asinantes amosamos a nosa máis enérxica repulsa polo inmoral Acordo alcanzado entre a UE e Turquía. É vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Ante esta situación, instan o Goberno español a non apoiar o devandito acordo e convocan a poboación a concentracións cidadás o próximo 16 de marzo.

As organizacións asinantes deste comunicado denunciamos que a Unión Europea trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía, ao tempo que deixa en evidencia a deterioración do proxecto europeo cun acordo que traslada a crise das persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras.

O acordo previo adoptado o 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía revela a absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra. Para os efectos, este acordo consolida o modelo de «devolucións en quente» que o Estado español puxo en marcha en Melilla (e incluíu na Lei de seguridade cidadá), á vez que facilita o ingreso na Unión Europea de Turquía, onde se suceden os exemplos de retroceso na garantía dos dereitos das persoas.

O trato, que implica devolver a Turquía a todas as persoas que cheguen ilegalmente ás costas gregas, incluída a poboación siria, a cambio do compromiso de traer desde o país turco un número de persoas refuxiadas equivalente ao de expulsións, consolida o fracaso que está a supoñer a xestión desta crise no marco da UE. A deriva na xestión destes fluxos migratorios e na obriga legal de atender a poboación solicitante de asilo mostra a falta de vontade política e a incoherencia dunha UE que en setembro alcanzaba un acordo para distribuír 120.000 persoas chegadas ás costas de Grecia e Italia. Delas, case 17.000 debían chegar ao Estado español; a día de hoxe, só o fixeron dezaoito. A Unión Europea urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas demandantes de asilo mediante a asimilación de inmigrantes económicos e refuxiados, todas elas consideradas «ilegais». Ademais, expulsarase a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esta vía.

A falta de escrúpulos afasta Europa dos seus valores fundacionais e de calquera credibilidade na súa posición ante a defensa dos dereitos humanos.

Lavar as mans e subcontratar as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento, á parte de ilegal, é vergoñento. Este acordo amplíase ademais coa eliminación do requisito de visado para as persoas con cidadanía turca en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE. Obviouse, curiosamente, que o Goberno de Erdogan viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresión —como o recente caso do diario Zanan, próximo á oposición ao Goberno turco—, ou o exterminio do pobo kurdo.

As persoas refuxiadas foxen da guerra e buscan a protección internacional. Utilizalas como unha mercadoría para o intercambio económico é inhumano e non solucionará o problema de orixe: pagar a Turquía non eliminará o perigo a que a poboación siria, iraquí e outros pobos están expostos nos seus propios países.

O sistema un-por-un (intercambio de refuxiados e refuxiadas sirias) non ten sentido e é unha violación do dereito internacional e dos tratados da UE.

A UE non debería nin sequera considerar pagarlle a Turquía para manter as persoas refuxiadas en campamentos inhumanos sen ningunha expectativa, e non debería haber ningún intercambio entre o seu mantemento fóra de Europa e a aceleración das negociacións de adhesión á UE.

As organizacións asinantes deste manifesto levamos moito tempo defendendo que a comunidade internacional debería investir tempo e recursos en restablecer a paz en Oriente Medio, asumindo a súa responsabilidade nesta crise humanitaria que vén derivada en moitos casos das intervencións militares imperialistas levadas a cabo pola UE e EUA, en función dos seus intereses xeoestratéxicos, en moitos dos países dos que proceden estas persoas.

As organizacións asinantes deste manifesto consideramos, pois, unha inmoralidade e unha grande hipocrisía o que está a facer a UE coas persoas refuxiadas e inmigrantes en xeral, e manifestamos o noso máis absoluto rexeitamento á política da UE e dos seus Estados membros ante a maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial. A UE ten capacidade de resposta e de solución, o que non ten é vontade política para facelo.

Por todo isto, en consecuencia, esiximos do Goberno español o total rexeitamento do principio de acordo con Turquía no próximo Consello Europeo do 17 de marzo.

Por último, ante a gravidade dos feitos que estamos a denunciar, animamos a todas as organizacións sociais e políticas e a todo o pobo a que promovan e participen nas mobilizacións que se convocan en todo o Estado español para a tarde deste 16 de marzo, para denunciar a actitude de Gobernos e institucións europeas e para esixir medidas urxentes ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.

ORGANIZACIÓNS:

CCOO-Galicia; CIG; UGT-Galicia; Anova; BNG; En Marea; EU; PSdG; Podemos; Asemblea de Cooperación Pola Paz Galicia; Coordinadora Galega de ONGD; Foro Galego de Inmigración; Seminario Galego de Educación para a Paz.

08 marzo 2016

8 DE MARZO. POLÍTICAS PARA FACER QUE A IGUALDADE REAL ENTRE MULLERES E HOMES DEIXE DE SER UNHA UTOPÍA



As mulleres vivimos, con máis crueza, as consecuencias dun sistema inxusto, asentado ideolóxicamente na dominación do home sobre a muller. Baixo a retórica do políticamente correcto, se manteñen políticas que perpetúan  parámetros patriarcais e machistas. É por iso que as mulleres continuamos  infrarrepresentadas nos espazos de toma de decisións, e a nosa presenza ten máis que ver con estatísticas que coa participación igualitaria.

A violencia machista, os feminicidios e infanticidios van en aumento. A prostitución, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, formas extremas de violencia de xénero, son un exemplo do sometemento e abusos que padecemos as mulleres, avalado por un sistema baseado na desigualdade.

A violencia institucional  exercida contra as mulleres, a través dos recortes orzamentarios, a diminución das xa escasas políticas de prevención, xunto coa imaxe discriminatoria e cosificada que se segue a ofrecer das mulleres, fortalecen a desigualdade e a violencia, que son elementos inseparables.

A extrema precariedade laboral á que estamos sometidas vese reflectida na fenda salarial entre mulleres e homes, que vai en aumento e que afecta de xeito máis grave ás mulleres de máis de 45 anos.

A desigualdade e, de xeito clave, a desigualdade de xénero, é un dos piares básicos que sosteñen o sistema capitalista. As normas segregadoras e sexistas, tanto a nivel estatal como autonómico, son exemplo desta desigualdade: a reforma laboral, a lei de educación, a lei de familia do goberno galego, os recortes en sanidade e na atención á dependencia, a precarización e  provisionalidade no emprego, a privatización do público, son medidas que producen un impacto de xénero que provoca o incremento da feminización da pobreza e intensifica os valores represores contra o empoderamento das mulleres.

Por todo isto, dende Esquerda Unida esiximos medidas efectivas e radicais en prol dunha igualdade real, como único camiño cara a esperanza dunha transformación social que garanta a igualdade efectiva entre todas as persoas.

01 marzo 2016

A actualidade de Esquerda Unida no Telegram

Dende a pasada semana, Esquerda Unida O Grove pon a disposición un novo sistema de información para coñecer a actualidade da agrupación local e do seu grupo municipal. Ás xa coñecidas plataformas utilizadas polos esquedistas -facebook, twitter e web- úneselle agora o Telegram.

Os usuarios que teñan este sistema de mensaxería no seu teléfono móvil poden unirse deforma gratuita ao novo Canal de información de Esquerda Unida O Grove e coñecer de primeira man toda a actividade dos concelleiros e da agrupación local.

Para unirse* pincha no seguinte enlace: Canal EU O Grove Telegram, e dalle a "UNIRSE". Podes desactivar o sonido, aínda que a información chegará sempre dentro dunha franxa horaria que non ocasione molestias aos usuarios. 

* Polo de agora tan só se pode unir ao canal dende un dispositivo movil coa app do telegram instalada.