Manifesto republicano de Esquerda Unida.
Lembramos
para reivindicar, no 85 aniversario da proclamación da República, a
tantas persoas que entregaron o seu traballo para erguer a esperanza
compartida de construír un novo país. Non queremos esquecer o
exemplo de dignidade democrática que as urnas da primavera
republicana de 1931 expresaron ao derrotar a un réxime apodrecido
entre a miseria e explotación á que sometía ás clases
traballadoras e a corrupción estrutural na que vivían as elites
daquela I Restauración Borbónica.
A
República constituíu, entón, a resposta das clases traballadoras e
populares para disputar ás clases dominantes, a dirección política
do Estado, a construción material de condicións de vida dignas para
a maioría social traballadora, e en resumo a ferramenta para acadar
a hexemonía de valores, a panca básica para a transformación
social.
A
proclamación da República fora posible polos azos unitarios
construídos e que callaron na acción política e electoral conxunta
republicana e socialista. A
mellora das condicións laborais, os avances na loita pola igualdade
que simbolizou o sufraxio universal, os milleiros de novas escolas
unificadas, o proceso social polo que o noso pobo gañou dignidade ao
derrotar ao caciquismo e plebiscitar o autogoberno… son algúns dos
fitos dunha República que na Fronte Popular sinalou o camiño do
porvir. Dese alento transformador somos coherdeiros e corresponsables
todas e todos os que acreditamos na apertura dun proceso constituínte
cando o réxime da II Restauración Borbónica provoca condicións de
vida insoportables para tantas e tantos de nós.
A MELLOR RESPOSTA A CRISE É A REPÚBLICA
Onte
coma hoxe, a reivindicación da República constitúe a mellor
resposta unitaria democrática e social que a cidadanía pode pousar
para enfrontar o secuestro da soberanía popular e a redución dos
procedementos democráticos a unha mera fórmula baleira.
A resposta á miseria social que estende polo noso país ese capataz
que presume do déficit público cando case setecentas mil persoas en
Galicia se atopan en situación de pobreza ou exclusión social e
logo de un septenio de crise-estafa e da ruptura dos acordos
constitucionais do 78, mediante a deturpación da Constitución coa
reforma do artigo 135 e as leis de estabilidade orzamentaria que nos
reducen a reino vasalo intervido de facto pola troika, que xa reclama
unha nova libra de carne traballadora en forma de ulteriores recortes
orzamentarios e privatizacións.
A
República
constitúe a mellor resposta unitaria que poden xerar as clases
traballadoras e populares para pór fin ao rebaixamento dos salarios
e o aumento das desigualdades salariais, o aumento dos ritmos de
traballo, a perda xeral de dereitos laborais que supuxeron as
contrarreformas laborais de Zapatero e Rajoy, que puxeron na picota a
negociación colectiva e, en xeral, para confrontar a realidade do
aumento da explotación nas relacións sociais de produción.
A
República
constitúe a mellor resposta unitaria que poden achegar as mulleres
feministas para soster - cando a crise se emprega como pretexto para
xustificar as desigualdades e a sistemática de violencia material e
simbólica sobre elas- a loita pola igualdade e para combater a
feminización da pobreza, a erosión e privatización dos servizos
públicos, a fenda salarial e a súa reclusión na modalidade
contratual do traballo a tempo parcial, así como a guettización
en sectores produtivos de baixo valor engadido, intensivos en man de
obra e con baixos salarios e pésimas condicións laborais, o que fai
inviable a conciliación e a corresponsabilidade.
A
República
constitúe a mellor resposta unitaria para unha cidadanía farta das
tramas de corrupción política-empresarial que malbaratan os
recursos públicos en beneficio dunha fracción minúscula da
sociedade: a irmá do rei Juan Carlos na trama Panamá, o curmán do
rei e a súa irmá na trama Noos, as mensaxes privadas de ánimo dos
reis a un empresario da elite, familia dun dos grandes construtores
do franquismo imputado polo financiamento ilegal do PP, os
escuros negocios do pai do actual rei… a coroa semella unha
esterqueira moral feita de consentidos negocios turbios que sela o
entramado de intereses da resturación oligárquica en curso.
RESTAURACIÓN OLIGÁRQUICA OU PROCESO CONSTITUÍNTE
A
disxuntiva hoxendía enfronta a resignación da restauración
oligárquica ao redor do rei Felipe VI, o tripartidismo e o Consello
Empresarial da Competitividade ou a esperanza da ruptura democrática
coa apertura dun proceso constituínte que permita ás xentes do
común participar efectivamente na toma das decisións clave que
afectan as nosas vidas, xa no traballo, xa nos servizos públicos, ou
para as pensións ou sobre o modelo de Estado.
A
democracia republicana compendia a resposta unitaria que temos que
construír as diversas forzas políticas, sindicais e sociais que
queremos construír un novo país, distinto e mellor do que nos
impoñen as forzas do turno monárquico. Esa apelación republicana
resulta un chamado a todas as persoas que se consideran cidadás e
non aceptan a condición que nos queren impor de facto, a de
súbditos.
A
República é a sola posibilidade dun porvir sen barbarie ao
constituír a mellor ferramenta para que o pobo galego constrúa coas
outras nacións do Estado un proceso constituínte que afirme a
soberanía popular, amplíe os dereitos económicos, sociais e
culturais, afirme as liberdades nacionais ao través das prácticas e
mecanismos da democracia participativa, xere unha atmosfera ética
para o exercicio das responsabilidades públicas e realice a
pedagoxía da solidariedade internacionalista coas persoas que viven
e traballan connosco e para coas persoas refuxiadas a causa das
guerras neocoloniais do imperialismo.
O
novo país que arelamos as mulleres e homes de Esquerda Unida, feito
cos vimbios da ampliación dos dereitos, a afirmación das
liberdades, a democracia participativa e a xustiza social ten as
cores emancipadoras da República.
Por
iso, neste 14 de abril,
Na
procura dos dereitos do noso pobo
No
compromiso coa xustiza social
Na
loita pola igualdade
Na
afirmación da nosa lingua e cultura
Na
preservación da nosa terra
Viva
a República!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario