martes, 8 de marzo de 2016

8 DE MARZO. POLÍTICAS PARA FACER QUE A IGUALDADE REAL ENTRE MULLERES E HOMES DEIXE DE SER UNHA UTOPÍA



As mulleres vivimos, con máis crueza, as consecuencias dun sistema inxusto, asentado ideolóxicamente na dominación do home sobre a muller. Baixo a retórica do políticamente correcto, se manteñen políticas que perpetúan  parámetros patriarcais e machistas. É por iso que as mulleres continuamos  infrarrepresentadas nos espazos de toma de decisións, e a nosa presenza ten máis que ver con estatísticas que coa participación igualitaria.

A violencia machista, os feminicidios e infanticidios van en aumento. A prostitución, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, formas extremas de violencia de xénero, son un exemplo do sometemento e abusos que padecemos as mulleres, avalado por un sistema baseado na desigualdade.

A violencia institucional  exercida contra as mulleres, a través dos recortes orzamentarios, a diminución das xa escasas políticas de prevención, xunto coa imaxe discriminatoria e cosificada que se segue a ofrecer das mulleres, fortalecen a desigualdade e a violencia, que son elementos inseparables.

A extrema precariedade laboral á que estamos sometidas vese reflectida na fenda salarial entre mulleres e homes, que vai en aumento e que afecta de xeito máis grave ás mulleres de máis de 45 anos.

A desigualdade e, de xeito clave, a desigualdade de xénero, é un dos piares básicos que sosteñen o sistema capitalista. As normas segregadoras e sexistas, tanto a nivel estatal como autonómico, son exemplo desta desigualdade: a reforma laboral, a lei de educación, a lei de familia do goberno galego, os recortes en sanidade e na atención á dependencia, a precarización e  provisionalidade no emprego, a privatización do público, son medidas que producen un impacto de xénero que provoca o incremento da feminización da pobreza e intensifica os valores represores contra o empoderamento das mulleres.

Por todo isto, dende Esquerda Unida esiximos medidas efectivas e radicais en prol dunha igualdade real, como único camiño cara a esperanza dunha transformación social que garanta a igualdade efectiva entre todas as persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario