mércores, 16 de marzo de 2016

UN ACORDO ILEGAL E INMORAL QUE ATENTA CONTRA OS DEREITOS HUMANOS



As organizacións asinantes amosamos a nosa máis enérxica repulsa polo inmoral Acordo alcanzado entre a UE e Turquía. É vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Ante esta situación, instan o Goberno español a non apoiar o devandito acordo e convocan a poboación a concentracións cidadás o próximo 16 de marzo.

As organizacións asinantes deste comunicado denunciamos que a Unión Europea trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía, ao tempo que deixa en evidencia a deterioración do proxecto europeo cun acordo que traslada a crise das persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras.

O acordo previo adoptado o 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía revela a absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra. Para os efectos, este acordo consolida o modelo de «devolucións en quente» que o Estado español puxo en marcha en Melilla (e incluíu na Lei de seguridade cidadá), á vez que facilita o ingreso na Unión Europea de Turquía, onde se suceden os exemplos de retroceso na garantía dos dereitos das persoas.

O trato, que implica devolver a Turquía a todas as persoas que cheguen ilegalmente ás costas gregas, incluída a poboación siria, a cambio do compromiso de traer desde o país turco un número de persoas refuxiadas equivalente ao de expulsións, consolida o fracaso que está a supoñer a xestión desta crise no marco da UE. A deriva na xestión destes fluxos migratorios e na obriga legal de atender a poboación solicitante de asilo mostra a falta de vontade política e a incoherencia dunha UE que en setembro alcanzaba un acordo para distribuír 120.000 persoas chegadas ás costas de Grecia e Italia. Delas, case 17.000 debían chegar ao Estado español; a día de hoxe, só o fixeron dezaoito. A Unión Europea urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas demandantes de asilo mediante a asimilación de inmigrantes económicos e refuxiados, todas elas consideradas «ilegais». Ademais, expulsarase a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esta vía.

A falta de escrúpulos afasta Europa dos seus valores fundacionais e de calquera credibilidade na súa posición ante a defensa dos dereitos humanos.

Lavar as mans e subcontratar as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento, á parte de ilegal, é vergoñento. Este acordo amplíase ademais coa eliminación do requisito de visado para as persoas con cidadanía turca en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE. Obviouse, curiosamente, que o Goberno de Erdogan viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresión —como o recente caso do diario Zanan, próximo á oposición ao Goberno turco—, ou o exterminio do pobo kurdo.

As persoas refuxiadas foxen da guerra e buscan a protección internacional. Utilizalas como unha mercadoría para o intercambio económico é inhumano e non solucionará o problema de orixe: pagar a Turquía non eliminará o perigo a que a poboación siria, iraquí e outros pobos están expostos nos seus propios países.

O sistema un-por-un (intercambio de refuxiados e refuxiadas sirias) non ten sentido e é unha violación do dereito internacional e dos tratados da UE.

A UE non debería nin sequera considerar pagarlle a Turquía para manter as persoas refuxiadas en campamentos inhumanos sen ningunha expectativa, e non debería haber ningún intercambio entre o seu mantemento fóra de Europa e a aceleración das negociacións de adhesión á UE.

As organizacións asinantes deste manifesto levamos moito tempo defendendo que a comunidade internacional debería investir tempo e recursos en restablecer a paz en Oriente Medio, asumindo a súa responsabilidade nesta crise humanitaria que vén derivada en moitos casos das intervencións militares imperialistas levadas a cabo pola UE e EUA, en función dos seus intereses xeoestratéxicos, en moitos dos países dos que proceden estas persoas.

As organizacións asinantes deste manifesto consideramos, pois, unha inmoralidade e unha grande hipocrisía o que está a facer a UE coas persoas refuxiadas e inmigrantes en xeral, e manifestamos o noso máis absoluto rexeitamento á política da UE e dos seus Estados membros ante a maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial. A UE ten capacidade de resposta e de solución, o que non ten é vontade política para facelo.

Por todo isto, en consecuencia, esiximos do Goberno español o total rexeitamento do principio de acordo con Turquía no próximo Consello Europeo do 17 de marzo.

Por último, ante a gravidade dos feitos que estamos a denunciar, animamos a todas as organizacións sociais e políticas e a todo o pobo a que promovan e participen nas mobilizacións que se convocan en todo o Estado español para a tarde deste 16 de marzo, para denunciar a actitude de Gobernos e institucións europeas e para esixir medidas urxentes ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.

ORGANIZACIÓNS:

CCOO-Galicia; CIG; UGT-Galicia; Anova; BNG; En Marea; EU; PSdG; Podemos; Asemblea de Cooperación Pola Paz Galicia; Coordinadora Galega de ONGD; Foro Galego de Inmigración; Seminario Galego de Educación para a Paz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario