21 novembro 2022

A asemblea de EU ratifica a José Antonio Otero e Susana Millán como candidatos ás municipais de 2023

 

José Antonio Otero volverá encabezar a candidatura de Esquerda Unida nas eleccións municipais, con Susana Millán como número 2. A asemblea apoiou por unanimidade a proposta da coordinadora local.

Otero indicou que seguirá traballando como ata o de agora, “con críticas á pésima xestión do goberno municipal, pero sobre todo con propostas para mellorar a vila e a calidade de vida da veciñanza” e asegurou que "somos a única alternativa seria de goberno e nas vindeiras eleccións vamos a pola Alcaldía".

O Grove, 21 de novembro de 2022.- A asemblea local de Esquerda Unida, celebrada na tarde do pasado sábado, ratificou por unanimidade a proposta da coordinadora de que José Antonio Otero González, actual voceiro do grupo municipal, encabece a lista esquerdista nas vindeiras eleccións municipais e que Susana Millán Prol sexa a persoa que ocupe o segundo posto da lista á vista de que a actual concelleira non repetirá nos postos de saída debido á súa actual situación persoal.

José Antonio Otero agradeceu a confianza tanto da coordinadora como da asemblea na súa persoa para repetir como cabeza de cartel nas eleccións que terán lugar o vindeiro ano. O esquerdista tamén tivo palabras de agradecemento para a súa actual compañeira na corporación, da que destacou “o traballo que ten realizado estes tres anos e medio e que sen dúbida seguirá realizando ata que remate o actual mandato e deséxolle todo o mellor nesta nova etapa”, pois “ademais de compañeira de corporación é amiga”. Otero lembrou que Cris Domínguez seguirá ligada á organización local e que terá un lugar na candidatura que presenten ás eleccións, “pois é unha persoa imprescindible para a organización”. 

Así mesmo, o candidato esquerdista quixo remarcar da que será a número 2 da súa candidatura, “a súa capacidade de traballo, sobre todo no eido turístico e cultural, xa que Susana é unha persoa que leva tempo na organización, xa participou noutras listas e tamén teño unha amizade fóra da organización, polo que é moi doado traballar con ela”. 

Otero dirixiuse á asemblea comprometéndose a seguir traballando nestes seis meses que restan para os comicios, "do mesmo modo que o fixemos estes tres anos e medio, con críticas á pésima xestión do goberno de maioría absoluta de Cacabelos, pero sobre todo con propostas, xa que temos suficientes para mellorar a vila e a calidade de vida da veciñanza" e afirmou que "somos a única alternativa seria de goberno e nas vindeiras eleccións vamos a pola Alcaldía". 

José Antonio Otero asistirá o vindeiro sábado a Madrid á presentación do programa marco de Esquerda Unida Federal para as eleccións autonómicas e municipais e tras ese día "comezaremos un proceso de reunións cos colectivos e veciñanza co propósito de completar o noso programa con propostas de goberno reais e acordes á nosa vila".

15 novembro 2022

EU pide que se repoña o servizo de sacos para a recollida de lixo mariño

 

A instalación de grandes sacos nos areais grovenses, para depositar o lixo mariño e posteriormente retirar e xestionar eses residuos, comezou a funcionar tras aprobarse unha moción de Esquerda Unida.

O servizo paralizouse na época estival e os esquerdistas piden que se volva poñer en marcha, pois era moi demandado polas persoas que visitan os areais no inverno e contribúe á recuperación do litoral e limpeza das praias.

O Grove, 15 de novembro de 2022. En agosto de 2020 aprobouse en pleno, a petición deEsquerda Unida, a instalación nos diferentes areais dun sistema de grandes sacos para depositar o lixo mariño que a veciñanza e visitantes recollían durante os seus paseos para logo proceder á súa retirada e posterior xestión deses residuos. Un servizo que finalmente o goberno puxo en marcha a inicios de2021 e que tivo unha excelente acollida. 

O sistema foi paralizado na época estival debido a que coa afluencia turística, os usuarios das praias  utilizábanos como colectores de lixo. O problema é que a día de hoxe non se volveu reactivar. 

É por iso que dende Esquerda Unida piden ao executivo local que volva instalar os sacos, pois considérano un sistema imprescindible para a xestión dos residuos que o mar deposita nas costas grovenses. "Cando nos trasladaron a proposta considerámola interesante e moi importante. Moitas persoas visitan as praias e zonas de costa en época non estival e neses paseos aproveitan para recoller os plásticos e lixo que o mar achega a terra. O problema residía en que ese lixo quedaba amontoado nun lado sen que ninguén xestionase a súa retirada e na maioría dos casos volvíase espallar polos areais. Con este sistema, o lixo queda resgardado nuns grandes sacos (utilizados habitualmente para escombro de obra) e logo o concello encárgase de recollelo e xestionar a súa reciclaxe. É por iso que presentamos a moción e, logo de ser aprobada por unanimidade, o concello puxo en marcha a medida, que resultou ser todo un éxito, así como pioneira", explica o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero. 

Logo de terse retirado o servizo durante o verán, o cal entenden "xa que nesta época, desgraciadamente non se respectaba o destino destes sacos e os usuarios das praias depositaban neles o lixo que xeraban, cando deberían levalo para a casa ou tiralo no colector adecuado", os esquerdistas piden agora que se retome o servizo "para continuar deste xeito colectivo e voluntario á contribución na recuperación do noso litoral e limpeza das nosas praias", indican. 

Dende Esquerda Unida agardan que o goberno e en especial a Concellería de Medio Ambiente atenda á súa petición e reactiven o máis axiña posible o servizo.

14 novembro 2022

Sobre a "privatización" de Moreiras - José Antonio Otero

É incrible como se tenta xustificar o inxustificable e aínda por riba tachándonos de mentireiros, cando non é así. Pensa o ladrón que todos son da súa condición. 

Primeiramente hai que ler antes. Claro que o museo da salga non se privatizou, faltaría máis. O que denunciamos é que se privatizou a súa xestión, a contratación de quen traballa alí. E non o inventamos nós, pono no Decreto de Alcaldía 2022-0768 do 28 de setembro "Contrato menor de colaboración na xestión de servizos do departamento de cultura". Isto non desvelaba para que era, e foi o propio Alcalde o que confirmou en pleno que se contratou a unha empresa (GESTCONVERT SL) para realizar o contrato da persoa que dirixe o museo. En definitiva, esa persoa non é dependente do concello, senón da empresa PRIVADA que presta servizo de "xestión" cultural, neste caso, no Museo da Salga. 


Quizais para o Alcalde esa formula é simplemente externalizar, e tal vez no ideario socialista é sinónimo de emprego público e de calidade e tenta que a sociedade o vexa así. Pero para nós non. Que un empregado municipal pase a ser contratado por unha empresa privada para prestar o mesmo servizo é privatizar, sexa temporal ou permanente. 


Por certo, a ninguén lle produce dúbidas que a empresa para axudar na xestión cultural esté vinculada co sector da construción e que teña realizado e realice obras municipais? 


É curioso, dende o anterior mandato levamos denunciando numerosas cuestións municipais, incluso a "privatización" do servizo de limpeza, do mantemento de parques infantís, do guindastre municipal ou das pistas de pádel (con autónomos en lugar de empregados) e non lle resultou complicado asumilo e pasar de respondernos, pero agora somos nós os que estamos en precampaña. Non será que o que está preto das eleccións é o PSOE e ve como se lle escapa a maioría absoluta pola súa pésima xestión? 


Lembrar que dende Esquerda Unida xa criticamos, no pleno de febreiro, a deixadez en canto a prever a xubilación do director do museo e pedimos que se acelerase o proceso para cubrir a praza, xa que provocaba que o espazo estivese pechado. Naquel entón a escusa era a falta de persoal para redactar as bases de contratación e tamén taxa de reposición, cuestión habitual nas fuxidas deste goberno, pero cabe recordar que a taxa de reposición volveu ao 100% no 2021 e 2022, e a xubilación produciuse a finais do 21. 


A cuestión é clara, este goberno socialista en lugar de crear emprego e procurar mellorar os servizos, dedicouse a traspasar competencias e privatizar/externalizar servizos. Unha situación que non mudará, pois así o dixo no pleno, amparándose en recomendacións da Unión Europea e técnicos.



José Antonio Otero González

Coordinador local de Esquerda Unida e voceiro do Grupo Municipal.


09 novembro 2022

O goberno do Grove privatiza a xestión do museo da Salga en Punta Moreiras

Dende Esquerda Unida denuncian a contratación dunha empresa relacionada coa construción para xestionar o contrato da persoa que presta os servizos no Museo da Salga. Dende o pasado 28 de setembro, e ata o vindeiro 31 de decembro, persoal do museo non é contratado polo concello.

Critican que o Alcalde xustifique a privatización dos servizos amparándose na Reforma Laboral, cando a única razón é a deixadez na estabilización dos postos e a Lei Montoro. Os esquerdistas lémbranlle que a solución está na creación dunha Empresa Municipal de Servizos.

O Grove, 9 de novembro de 2022.- Desde o pasado día 28 de setembro, as instalacións do museo da Salga, sito no lugar de Punta Moreiras, está sendo xestionado por unha empresa privada. O goberno do Grove, presidido por José Cacabelos do PSOE, privatizou a xestión deste espazo museístico municipal unha vez finalizado o contrato das dúas persoas que atendían as instalacións dependentes do departamento de Cultura, competencia delegada na deputada provincial do PSOE, Noemí Outeda. O grupo municipal de Esquerda Unida vén de denunciar este feito, que consideran “unha nova privatización de servizos por parte do Partido Socialista”. Así mesmo, poñen en dúbida que a empresa concesionaria estea cualificada para prestar este servizo.

No pasado pleno do mes de outubro, o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, preguntou pola forma de xestión do Museo da Salga, logo de ter sospeitas de que estaba xestionado por unha empresa privada e ante a dificultade de atopar información ao respecto. O Alcalde, José Cacabelos, confirmou que o contrato da persoa que está actualmente a atender as instalacións de Punta Moreiras ata o 31 de decembro está a ser xestionado pola empresa GESTCONVERT SL, contratada directamente por decreto de Alcaldía. Unha empresa que realiza os seus traballos no ámbito da construción, compra-venda de fincas e instalacións eléctricas e de climatización, sendo adxudicataria de diferentes obras públicas do propio Concello do Grove.

Desde Esquerda Unida veñen a denunciar o que consideran “unha nova privatización de servizos” por parte do goberno socialista, algo que consideran xa unha tónica habitual na xestión de Cacabelos. Ademais, fan fincapé que a empresa adxudicataria da xestión do espazo museístico de Punta Moreiras non está relacionada coa xestión cultural pois “trátase dunha construtora que se pon a cargo dun espazo museístico”.

Denuncian tamén “a incapacidade deste goberno municipal para xestionar o concello” así como a deixadez das súas obrigas da “permanentemente ausente” concelleira de Cultura, Noemí Outeda.

Así mesmo, José Cacabelos xustificou no pleno esta decisión debido á reforma Reforma Laboral aprobada polo goberno de coalición. Non é a primeira vez que o Alcalde do Grove utiliza a Reforma Laboral para xustificar as críticas pola falta de persoal municipal e a externalización de servizos. Sen embargo, desde EU non comprenden esta situación, “por moito que buscamos, o señor Cacabelos é o único alcalde en toda España que se queixa da Reforma Laboral de Yolanda Díaz” e ven nesta xustificación “unha escusa ante a súa incapacidade de solucionar os graves problemas de plantilla do Concello do Grove, froito de máis dunha década de deixadez e da Lei Montoro”.

Ante esta deriva, desde Esquerda Unida propoñen a creación dunha Empresa Municipal de Servizos. Esta proposta non é nova, pois non é a primeira vez que aparece no programa electoral do grupo de esquerdas. “Cunha Empresa Municipal de Servizos teríamos unha ferramenta eficaz para a dotación de persoal aos diferentes servizos municipais, así como unha fonte de financiamento para investimentos públicos do Concello”. Engaden ademais que ante esta proposta, ou a falta de impulso da oferta pública de emprego do concello, o Partido Socialista “prefira solucións máis propias dun cacique de dereitas”.