Amosando publicacións coa etiqueta Tubaxe Lanzada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tubaxe Lanzada. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de outubro de 2023

EU critica a falta de investimento para O Grove nos orzamentos da Xunta de Galicia

 

Alegan que o Grove foi excluído de investimentos importantes. Segundo Esquerda Unida, a Xunta de Galicia non contemplou partidas orzamentarias para áreas clave como o Colexio de Rosalía de Castro, a Rúa Luís A. Mestre, a tubaxe da subministración  de auga potable, o dique de abrigo do porto de Porto Meloxo, o Centro de Saúde ou a Escola Infantil de Rons.

Instan ao goberno municipal a reclamar estas melloras e ao PP do Grove a demandar investimentos para O Grove. Preguntan aos populares pola promesa electoral sobre a construción dun pavillón no instituto Monte da Vila, xa que tampouco se contempla nos orzamentos autonómicos.

O Grove, 26 de outubro de 2023.- Esquerda Unida, a través do seu voceiro José Antonio Otero González, criticou duramente os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2024. Segundo a formación, a Xunta “ningunea” ao Grove un ano máis, deixándoo fóra de calquera investimento importante.

A formación política sinalou que non se contempla ningunha partida orzamentaria para varias demandas históricas e necesidades do concello. Entre elas destacan:

O Colexio de Rosalía de Castro: O centro de ensino precisa dunha reforma ante a falta de espazos para o desenvolvemento adecuado da súa actividade. Segundo Esquerda Unida, a Xunta comprometeuse en febreiro do 2023 para a redacción dun proxecto que dotaría ao centro de novas aulas, un pavillón, comedor escolar e local para a ANPA, utilizando para iso, o propio centro e o vello edificio de vivenda dos mestres.

Rúa Luis A. Mestre: Unha das arterias principais do Grove que precisa dunha actuación urxente. Tal e como indican os esquerdistas “a rúa atópase nun estado deplorable e de abandono dende hai anos, con numerosas fochas e gretas que a converten en perigosa para o tránsito de vehículos”.

Tubaxe da subministración de auga potable ao Grove: A tubaxe está soterrada baixo o mar no seu tramo da Lanzada, á entrada do Concello do Grove. O desgaste e deterioro da mesma está a provocar numerosas roturas que pon en perigo a subministración de auga á veciñanza, sobre todo na época estival, cando a poboación se triplica e o gasto de auga aumenta. Para Esquerda Unida, “a substitución da tubaxe e o cambio de trazado da mesma, levándoa por terra, é de vital importancia, xa que calquera reparación na mesma está supeditada ao estado das mareas, evitando unha rápida intervención e poñendo en perigo oa subministración  á veciñanza”.

Dique de abrigo do porto de Porto Meloxo: Unha demanda do sector bateeiro da zona dende hai numerosos anos. Conta cun proxecto de execución bloqueado por diferenzas coa Confraría de Pescadores e que a Xunta non dá resolto.

Centro de Saúde: Para Esquerda Unida, a construción dun novo centro de saúde parece que vai para longo, debido á falta de terreos sen ter aprobado o PXOM, polo que entenden precisa unha actuación no actual centro, xa que conta con numerosas carencias.

Escola Infantil de Rons: A demanda de prazas neste centro educativo de 0 a 3 anos é patente nos últimos anos e, para a formación de esquerdas, a solución pasa por unha ampliación da mesma. Certo é, tal e como indican dende Esquerda Unida, que esta obra estaría supeditada á desafectación dos terreos de Rons e que “depende do goberno local que se desbloquee o expediente para que pasen a mans municipais”.

Así, José Antonio Otero considera que, un ano máis, a Xunta segue obviando as necesidades do Grove e da súa veciñanza. Por iso, insta ao goberno municipal a facer forza para reclamar estas melloras. Do mesmo modo, Otero pide ao Partido Popular do Grove que arrime o ombreiro e reclamen aos seus que o Orzamento da Xunta sexa xusto co Grove.

Finalmente, o voceiro de Esquerda Unida pregunta aos populares do Grove sobre a promesa electoral da construción dun pavillón no instituto Monte da Vila, “xa que tampouco se contempla nos orzamentos autonómicos”. Lembra que o Sr. Leiva, candidato naquel entón, afirmaba que contaba co visto e prace da Xunta, polo que Otero quere pensar que “ese compromiso era coa veciñanza do Grove e non co Partido Popular local, pois demostraría unha vez máis que o PP utiliza as administracións de forma partidista e só atende as demandas dos concellos onde gobernan”.

venres, 22 de xaneiro de 2021

EU insta a Augas de Galicia a realizar o cambio da tubaxe que subministra a auga a O Grove

Unha das roturas da tubaxe na Lanzada. Captura vídeo Todogrove

O grupo municipal de Esquerda Unida someterá ao pleno, deste vindeiro luns 25 de xaneiro, unha moción na que insta a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia a redactar e presentar, o máis axiña posible, o proxecto de substitución da rede de abastecemento que subministra a auga potable ao Concello do Grove así como a que a administración autonómica comece a devandita obra neste 2021, asumindo o custo total da mesma.

A actual rede de abastecemento, que foi instalada a finais dos anos 80 ,atópase xa no fin da súa vida útil, si ben a maior gravidade xurde no tramo que chega ao Concello do Grove dende Vilalonga, pois a tubaxe atopase somerxida no mar e o deterioro que sufre e aínda maior debido a corrosión das augas mariñas. Isto provocou numerosas avarías nos últimos anos, a maioría no tramo da Lanzada, o que provoca que a súa reparación sexa toda unha odisea, pois hai que agardar a que baixe a marea para poder darlle solución, o que supón que a veciñanza do Grove poida ver restrinxido o subministro de auga.

Esta obra é unha prioridade para o Concello do Grove e a Mancomunidade do Salnés, e xa no 2016 o daquela presidente do ente supramunicipal ten acadado o compromiso con Augas de Galicia para a substitución da tubaxe. Pero a pesar dese compromiso e do anunciado no 2018, no que prometían o proxecto e orzamento para comezar a obra no 2019, a día de hoxe a obra segue sen proxecto e sen vistas de que se execute a curto prazo.

Por ese motivo, dende Esquerda Unida agardan que o Pleno aprobe por unanimidade a solicitude a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia para que o cambio da tubaxe sexa unha realidade neste ano.

Moción íntegra:

PARA INSTAR A AUGAS DE GALICIA A AFRONTAR A SUBSTITUCIÓN DA TUBAXE QUE SUBMINISTRA A AUGA POTABLE A O GROVE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Grove, ao igual que a maior parte da comarca do Salnés, recibe o subministro de auga potable dos depósitos situados en Treviscoso  (Vilanova de Arousa). As tubaxes foron instaladas a finais dos 80, co que o período de vida útil das mesmas está a piques de caducar se non o fixo xa. O problema máis grave xurde no tramo que chega a O Grove dende Vilalonga, pois ven somerxido no mar, co que a vida útil deste tramo viuse reducido de forma considerable debido a corrosión das augas mariñas.

As rupturas que ten sufrido a tubaxe neste tramo son numerosas nos últimos 5-6 anos, sobre todo no seu paso pola Lanzada. Tan só no 2020 contabilizáronse ao menos 5 avarías no noso límite municipal, algunha das cales se produciron en época estival. Traballar na súa reparación é toda unha odisea, pois é preciso agardar á baixamar para realizar as tarefas precisas, o que pode provocar que O Grove permaneza varias horas con restricións de auga ou mesmamente sen a totalidade do subministro, dependendo da época do ano.

Cando menos dende o 2016, o cambio da tubaxe que transcorre por debaixo do mar por unha nova canalización por terra é unha prioridade para O Grove e a Mancomunidade do Salnés. Son numerosas as publicacións onde o daquela presidente do ente supramunicipal, Gonzalo Durán, consideraba esencial esta obra e solicitaba a Augas de Galicia a súa prioritaria execución.

Tal e como consta nas publicacións de varios medios de comunicación, en marzo do 2016, unha reunión entre Augas de Galicia e a Mancomunidade do Salnés finalizaba co compromiso do ente dependente da Xunta de Galicia para mellorar a conexión de auga co Grove. A obra estimábase naquel entón en preto dos 1,8 millóns de euros. Dous anos despois, en abril de 2018, Augas de Galicia, que non cumprira co anunciado no 2016, volvía adquirir un compromiso co noso concello, esta vez para a redacción do proxecto da obra co propósito de concretar o orzamento real da execución do cambio da tubaxe. Poucos meses despois, Augas de Galicia dirixíase novamente á Mancomunidade do Salnés para indicarlle que o proxecto estaría rematado a finais de ano e que as obras darían comezo no 2019, para iso, os Orzamentos da Xunta de Galicia para ese 2019 incluirían unha partida orzamentaria para a instalación da nova tubaxe. Finalmente non houbo proxecto e os Orzamentos 2019 non incluíron nin un só euro para tal obra.

Van aló preto de 6 anos dende ese primeiro compromiso de Augas de Galicia coa Mancomunidade do Salnés para a substitución da tubaxe que subministra a auga potable as veciñas e veciños do Grove e case 3 anos do compromiso para redactar o proxecto e incluír nos orzamentos da Xunta a partida precisa para esta obra. A día de hoxe non está redactado o proxecto e ningún dos orzamentos pasados (2019 e 2020) nin o actual (2021) contemplaron nin contemplan partida algunha para afrontar unha obra esencial e primordial para a comarca, pero sobre todo para O Grove.

Dende Esquerda Unida arrincamos o compromiso da actual presidenta da Mancomunidade do Salnés para que a obra da nova canalización de auga potable para O Grove sexa unha prioridade absoluta para o organismo supramunicipal, ao igual que o foi para o anterior presidente na súa etapa. E queremos que tamén sexa unha prioridade para Augas de Galicia e a Xunta de Galicia, pero sobre todo queremos que sexa unha realidade e para iso é preciso que dunha vez por todas redacten o proxecto de execución e destinen o orzamento preciso para asumir a obra, que nos consideramos ten que ser do 100%, xa que é competencia desta administración.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

O Pleno do Concello do Grove insta a Augas de Galicia e a Xunta de Galicia a:

1-   Redactar e presentar o máis axiña posible o proxecto de substitución da rede de abastecemento que subministra a auga potable ao concello do Grove, derivando por terra a canalización que se atopa nestes momentos soterrada baixo o mar.

2-   Comezar neste 2021 a devandita obra e a asumir o 100% do custo da mesma.