Amosando publicacións coa etiqueta LGTBIQ. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LGTBIQ. Amosar todas as publicacións

luns, 24 de xuño de 2024

EU pide enarborar a bandeira LGTBIQA+ o 28X e aplicar medidas contra a discriminación

Esquerda Unida, expresa a súa profunda preocupación pola proximidade do Día do Orgullo LGTBIQA+ e a falta de medidas visibles por parte do Concello do Grove para conmemorar esta importante data.

Piden que este 28 de xullo se coloque a bandeira do arco da vella, insignia da diversidade, nos edificios municipais e se apliquen diferentes medidas a nivel municipal para a promoción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa.

O Grove, 24 de xuño de 2024.- Esquerda Unida subliña a importancia de traballar activamente polos dereitos e o recoñecemento das disidencias sexuais para construír sociedades antipatriarcais e anticapitalistas. A discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero afecta á vida das persoas LGTBIQA+, limitando o seu acceso ao emprego, á sanidade, a fogares seguros e a vidas plenas.

Para Esquerda Unida, a protección e igualdade de dereitos para as persoas LGTBI debe ser un valor fundamental, especialmente fronte ao avance da extrema dereita. Para iso, é necesario avanzar nos marcos lexislativos, na educación, a cultura, a saúde mental e os dereitos laborais, convertendo a diversidade e a non discriminación en piares dos estados democráticos e nunha loita contra o fascismo.

Destacan a importancia de buscar puntos de encontro, desenvolver solidariedades e compartir loitas para fortalecer un programa global que derrote ás forzas reaccionarias. Ser LGTBIQA+ afecta as condicións materiais, do mesmo xeito que ser muller, racializada ou ter diversidade funcional, e é crucial visibilizar todas estas opresións como parte do colectivo LGTBIQA+ e da clase traballadora.

Esquerda Unida chama á acción colectiva para visibilizar e combater estas opresións, promovendo unha sociedade máis xusta e igualitaria. Piden ao concello que enarbore a bandeira LGTBIQA+ nos edificios municipais, o vindeiro 28 de xullo.

Así mesmo, instan ao goberno municipal a aplicar medidas contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, co fin de erradicar a LGTBIfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político; Crear unha Oficina Municipal de Dereitos LGTBIQA+, dotada dos recursos necesarios para fomentar a convivencia en igualdade, a loita contra a LGTBIQA+fobia e o asesoramento necesario en materia de loita contra os delitos de odio por razón de orientación sexual e identidade ou expresión de xénero; Realizar campañas que visibilicen a diversidade de orientacións e identidades de xénero e poñer en marcha accións e programas específicos para as infancias e adolescencias LGTBIQA+ que garantan un desenvolvemento libre e feliz das súas identidades; Dotar ás bibliotecas públicas con fondos bibliográficos relacionados coa homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade dende actitudes de respecto e non discriminación, con enfoque de diversidade e Dereitos Humanos e desenvolver programas de formación para o persoal da Administración Pública Local e a Policía Local, para previr e detectar casos de delitos por razón de orientación sexual, identidade e expresión de xénero.

Dende Esquerda Unida reiteran a súa disposición para colaborar co Concello do Grove na implementación destas medidas e para traballar xuntos na promoción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa coa diversidade.

sábado, 29 de xuño de 2019

Esquerda Unida móstrase molesto por non ser convidado ao izado da bandeira representativa do colectivo LGTBIQ e pregunta que ten feito o goberno no seu favor nestes últimos anos



Onte conmemorouse o 50 aniversario das revoltas de Stonewall en New York en 1969. O colectivo LGTBIQ leva dende entón defendendo os seus dereitos e loitando para que a orientación sexual e as diferenzas de identidade de xénero deixen de ser un estigma social. As súas reivindicacións están de actualidade máis que nunca por mor dos discursos homófobos das formacións políticas de dereitas que fomentan todo tipo de mentiras e prexuízos sobre este colectivo.

En maio de 2016 o grupo municipal de Esquerda Unida O Grove levou a pleno una moción que foi aprobada por unanimidade e na que instaba ao goberno local a adquirir a partir dese momento un compromiso cos veciños do Grove para que a nosa vila sexa un lugar libre de discriminación por orientación sexual, diversidade de xénero e diversidade familiar.

A día de hoxe non sabemos que ten feito o goberno neste senso alén de colgar a bandeira representativa do colectivo no balcón do Concello á media mañá do día da celebración do Orgullo LGTBIQ. Nesa moción, ademais de pedir que se colgase a devandita bandeira en apoio ao colectivo, instábase a que o Concello fomentara o asociacionismo LGTBIQ reivindicativo para lograr o seu fortalecemento e crecemento, promover o coñecemento e compromiso coa loita contra a LGTBIfobia entre o persoal laboral da administración local e sobre todo das forzas e corpos de seguridade a través de cursos de formación, apoiar e difundir as convocatorias dos colectivos LGTBIQ, promover charlas nos institutos da campaña da FedLGTB “escolas sen armarios”,... Dende Esquerda Unida temos o convencemento de que hai que seguir traballando para eliminar todo tipo de discriminación cara este colectivo e queremos recordarlle ao goberno que os compromisos adquiridos son para cumprilos porque é unha obriga que temos coa veciñanza.

A LGTBIfobia debe ser combatida por todos nós e polas administracións públicas. Cunha lexislación que fomente a igualdade e liberdade, que defenda unha da sociedade plural e respectuosa con todas as persoas, e que garanta unha vida digna ao colectivo LGTBIQ.

Así mesmo, dende Esquerda Unida mostramos o noso malestar polo que consideramos unha falta de respecto á nosa organización e aos membros da oposición en si, ao non ser convidados ao izado da bandeira representativa do movemento LGTBIQ no día de onte. Unha circunstancia que xa se ven dando nos últimos dous anos. O alcalde no acto de investidura resaltou a importancia do acto de gobernar fronte ao de mandar, destacando o traballo das 17 persoas que forman a corporación. Que os grupos da oposición tivesen presenza no acto de colocación da bandeira arco iris no balcón do concello puido ser una boa forma de demostra que non eran solo verbas. Sobre todo porque a moción que dou lugar ao acto de hoxe presentouna o noso grupo municipal de Esquerda Unida.

Puntos de acordo aprobados por unanimidade no pleno de maio de 2016

1- Contribuír, nas competencias que lle son propias a este Concello, ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político.

2- Fomentar as condicións de posibilidade para o fortalecemento e o crecemento do asociacionismo LGTBI reivindicativo, entendendo a este como un protagonista clave na loita contra a homofobia, transfobia, bifobia e lesbofobia.

3-  Promover o coñecemento e o compromiso coa loita contra a LGTBfobia entre o persoal laboral da administración local, especialmente entre os corpos policiais, a través de campañas de sensibilización e cursos de formación desenvolvidos polos propios colectivos.

4- Apoiar e difundir as convocatorias contra as agresións que realizan os colectivos LGTBI en todos os espazos que competen á administración local, especialmente nos lugares de lecer, educativos, asistenciais, administrativos e de transporte.

5- Garantir atención integral a todas as persoas que sufriron discriminación ou que foron obxecto dun delito de odio, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.

6- Recoñecer a determinante contribución de todas aquelas persoas e colectivos que veñen defendendo durante décadas os dereitos de lesbianas, homosexuais, transexuais e bisexuais.

7-  Estender, durante o día 28 de xuño, día internacional do orgullo gai, unha ensina coas cores da bandeira arco iris, representativa do colectivo LGTB, na fachada principal do edificio do concello, xunto ao resto de bandeiras institucionais.

8- Instar á Xunta ao cumprimento das 5 recomendacións urxentes da Valedora do Pobo. Así, urxe a existencia dun documento transitorio de identidade para os maiores de idade no que se recolla o seu nome elixido sen ter que esperar ata “dous anos” para ese cambio; así como cambiar no nome nos cartóns sanitarios de menores transexuais. Maior pedagoxía en escolas; aumentar a formación de profesionais da educación, sanidade e administración; e desenvolvemento dun protocolo de Atención Primaria no Sergas para asistir de “forma certa e segura”. Paso previo dunha lei galega de igualdade e diversidade.

9- Convidar a FELGTB, ou no seu caso galega, a realizar charlas nos institutos da súa campaña “Escuela sin armarios” (www.escuelasinarmarios.com)