Amosando publicacións coa etiqueta Remanente. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Remanente. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de maio de 2025

EU presenta propostas para executar con un remanente que evidencia un goberno esgotado e incapaz

A formación reclama actuacións realistas, executables neste mesmo exercicio, que melloren a mobilidade, os servizos públicos, a xestión ambiental e o benestar da veciñanza.

As propostas inclúen a adquisición de terreos, reformas en equipamentos públicos, melloras na rede de auga, instalación de zonas de sombra, espazos para animais e novo equipamento municipal.

O Grove, 27 de maio de 2025.- Esquerda Unida vén de trasladar ao goberno unha batería de propostas concretas para seren financiadas con cargo ao remanente de tesourería do exercicio 2024, que ascende a máis de 6 millóns de euros. A formación volve criticar con contundencia que, malia dispor deses 6 millóns de euros de remanente e tamén dun superávit de 2,5 millóns, se siga traballando cuns orzamentos prorrogados dende o 2022.

Dende Esquerda Unida sinalan que “isto evidencia que contar con un orzamento non era nin é cuestión de falta de cartos, senón dunha nefasta xestión. É a mostra dun goberno esgotado e incapaz de executar nin sequera os seus propios orzamentos”. A formación cualifica a situación de preocupante, “chegamos ao punto de que son incapaces ata de mandar pintar un paso de peóns”.

A pesar deste panorama, Esquerda Unida mantén a súa vontade construtiva e achegou ao executivo local, tal e como anunciaran, un conxunto de actuacións pensadas para seren realistas e executables dentro do presente ano, tal e como esixe a normativa. As propostas céntranse na mellora de infraestruturas, servizos públicos e espazos comúns, con impacto directo na calidade de vida da veciñanza.

Entre as actuacións propostas, destaca a compra do terreo de Entrehortas, unha operación comprometida nas negociacións do ano pasado que finalmente non se chegou a pechar. A formación considera esencial esta adquisición para ampliar o aparcadoiro da zona e habilitar un acceso dende Conricado. Así mesmo, Esquerda Unida propón valorar a posibilidade de crear un aparcadoiro a dúas alturas nese espazo e, "no caso de resultar viable, encargar xa a redacción dun proxecto técnico que permita acometer a obra nun futuro próximo".

Outra proposta é a compra dun terreo situado na parte traseira do pavillón do CEIP Conmeniño, co obxectivo de habilitalo como zona de estacionamento. "Tendo en conta que se está abrindo unha porta cara o exterior, esta actuación melloraría o estacionamento e facilitaría o acceso ás actividades deportivas non lectivas sen ter que entrar no recinto escolar", indican.

No ámbito da protección animal, Esquerda Unida pide que se habilite unha aula no edificio do Monte das Flores para a asociación O Jato Meco. O obxectivo é crear un espazo axeitado para a atención dos gatos das colonias, especialmente aqueles aos que se lles aplica o protocolo CES ou que precisan coidados veterinarios. Lembran que "este é un servizo de competencia municipal que actualmente realiza a asociación e son as propias voluntarias as que acollen aos animais nas súas casas, cos conseguintes problemas que lles supón".

A formación tamén propón unha obra de reforma no Punto de Atención á Infancia, para conectar a sala de usos múltiples, onde se traballa cos nenos de maior idade, co cuarto de baño. Actualmente, a separación entre ambas zonas obriga a atravesar un corredor, dificultando o control dos menores por parte do persoal.

En materia de xestión da auga, Esquerda Unida solicita que se avance na execución das recomendacións incluídas na auditoría hidráulica realizada o pasado ano. En concreto, propoñen instalar os caudalímetros que non requiran permisos doutras administracións, iniciando así un proceso que no seu conxunto está valorado en 63.000 euros.

A reposición dos valados e da sinalización no Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho, así como a instalación de bancos e mesas na parcela municipal ao carón do Redondo para crear unha área de descanso, son tamén propostas incluídas no documento.

En base a dúas mocións de Esquerda Unida aprobadas por unanimidade no 2024, a formación reclama a creación de zonas de espallamento canino en Confín, Porto Meloxo e San Vicente, e a instalación de zonas de sombra nos parques infantís. Neste último caso, propoñen comezar pola creación de sombra nas áreas de bancos mediante estruturas de madeira con enredadeiras.

Tamén se solicita ampliar o valado entre o campo de fútbol 5 e o parque infantil da zona recreativa de Terra de Porto, para evitar que os balóns impacten nos menores que xogan no parque.

Finalmente, Esquerda Unida propón a compra dun novo guindastre municipal, despois de que hai uns anos se dese de baixa o único vehículo dispoñible, co obxectivo de recuperar un servizo público esencial.

Desde a formación expresan o seu desexo de que todas estas propostas sexan recollidas no documento definitivo que se leve a pleno. “Son actuacións realistas, necesarias e viables. Esperamos que o goberno as teña en conta e comece a traballar nelas”, afirman.

Así mesmo, consideran positivas moitas das propostas formuladas polo propio goberno, “xa que responden a demandas que Esquerda Unida leva anos formulando tanto no pleno como na prensa”.

xoves, 8 de maio de 2025

Esquerda Unida carga contra a falta de xestión do goberno municipal trala liquidación do orzamento 2024

Denuncian que o Concello pecha o 2024 cun superávit de 2,5 millóns de euros e, por segundo ano consecutivo, cun remanente de tesourería que supera os 6 millóns, cando ten os orzamentos prorrogados dende 2022.

Esquerda Unida presentará unha proposta para investir a maior parte do remanente en medidas que beneficien á veciñanza. Pídenlle ao Alcalde que faga presión no seu partido para que a Ministra de Facenda permita o uso do remanente ou, pola contra, prepare un Plan Económico Financeiro.

O Grove, 8 de maio de 2025.-Esquerda Unida denuncia que, por segundo ano consecutivo, o Concello do Grove pecha o exercicio cun remanente de tesourería millonario que, nesta ocasión, a liquidación do 2024 sitúa en 6.312.143,80 €. Ademais, as contas arroxan un superávit de 2.485.900,20 €, mentres mantén os orzamentos prorrogados dende 2022.

O seu voceiro, José Antonio Otero, acusa ao Alcalde de escudarse ano tras ano na imposibilidade de sacar adiante uns orzamentos ao non ser quen de cadrar os números debido ao incremento do gasto anual, facendo fincapé especialmente no incremento de servizos como a Axuda no Fogar ou o Punto de Atención á Infancia. "Unha escusa inxustificable á vista das cifras", afirma Otero, que considera que “a liquidación evidencia que non se trata dun problema de cartos, senón de falta de capacidade, de planificación e de xestión por parte do goberno municipal”.

Para Otero o exemplo está en que “o ano pasado aprobouse un paquete de 2 millóns de euros en investimentos con cargo ao remanente e só se executou a metade, deixando sen facer moitas das actuacións pactadas, incluídas varias das propostas presentadas polo noso grupo”.

Aínda así, o voceiro esquerdista anuncia que, ante un remanente tan elevado, volverán presentar unha proposta ampla de accións e investimentos concretos para executar, que serán trasladadas ao goberno nos vindeiros días. “Sabemos que este ano o Ministerio de Facenda impón máis limitacións ao uso do remanente, pero hai ferramentas para tentar sortear esa situación, polo que queremos que o goberno municipal se poña a traballar canto antes”, indica Otero.

Desde Esquerda Unida sinalan que o seu partido a nivel estatal leva tempo presionando para que o Goberno central emita un decreto que permita, como en 2024, o uso do remanente en beneficio da veciñanza. Por iso piden ao Alcalde que faga o propio e “inste ao seu partido a presionar á súa ministra de Facenda para desbloquear a situación e poña os intereses do Grove por diante dos intereses partidistas”.

Mentres tanto, dende Esquerda Unida agardan que o goberno municipal comece a traballar e estude todas a vías para poder utilizar o remanente. “Queremos que se valoren todas as nosas propostas e se non se emite o decreto, haberá que explorar outras vías, como un posible plan económico-financeiro, se é que se rompe a regra de gasto ou a estabilidade orzamentaria", afirma Otero.

Finalmente, José Antonio Otero insta ao Alcalde a “cumprir coa lei e presentar un novo orzamento”, lembrándolle que “hai marxe para cadrar os números, e xa o demostramos”. “O que non se pode permitir é que un Concello que pecha liquidacións con superávit millonario continúe funcionando con orzamentos caducados e sen executar as accións acordadas”, remata Otero.

luns, 30 de decembro de 2024

EU denuncia que a incapacidade do goberno municipal provoca a perda de 1 millón de euros en investimentos

O grupo municipal acusa ao executivo local de irresponsabilidade ao non lograr executar actuacións importantes que estaban financiadas co remanente de tesourería e que supoñen a perda dun millón de euros.

Os concelleiros de EU critican duramente a xestión do goberno, que supón non só a perda de máis do 41% do remanente, senón tamén o incumprimento na execución das propostas acordadas co seu grupo.

O Grove, 30 de decembro de 2024. Esquerda Unida lamenta que o ano 2024 remate cun millón de euros en investimentos non executados procedentes do remanente de tesourería, debido, segundo denuncian, "á nula capacidade de xestión do goberno municipal do PSOE”.

Segundo explicou o seu voceiro, José Antonio Otero, “en xullo aprobáronse 2,4 millóns de euros do remanente de tesourería, para máis de 50 actuacións, entre as que se incluían propostas realizadas polo noso grupo municipal e pactadas co goberno local. Chegados a finais de ano, non só non se executaron moitas destas actuacións, senón que tras unha xuntanza co alcalde, confirmamos que ata un millón de euros se perderán definitivamente por non terse completado os proxectos a tempo”.

Entre as propostas impulsadas por Esquerda Unida e que non se levaron a cabo neste 2024 destacan actuacións como a mellora da rúa Rioxa no Sineiro, cun investimento previsto de 100.000 euros; a compra dun terreo en Entrehortas por valor de 220.000 euros, destinada a ampliar o aparcadoiro; ou o proxecto para o aparcadoiro da praia das Pipas, cun orzamento de 6.000 euros. Tamén salientan que, no caso da rúa Hortos, perderanse 30.000 euros dun total de 100.000, xa que aínda que se realizaron os acopios de materiais, as obras non comezarán ata o 2025.

“A irresponsabilidade deste goberno é flagrante”, destacou a concelleira Susana Millán. “Estas actuacións estaban financiadas con remanente de tesourería, polo que os cartos que non se executen este ano non quedarán prorrogados nin se sumarán ao remanente de 2025. Estamos ante unha perda real e directa para O Grove, e a veciñanza será a principal prexudicada”.

Segundo Esquerda Unida, ademais das súas propostas, hai actuacións que quedarán sen executar e perderán o seu financiamento, como  a obra de Bizocas (200.000 €), a instalación de novas comportas no pozo de tratamento de augas do Corgo (100.700 €), a compra dun terreo ao lado das monxas (70.000 €) e outro nas Touzas (15.000 €), a instalación dun telón no Auditorio (20.000 €) e dun marcador no pavillón vello (15.200 €) ou as obras de mellora na Casa da 3ª Idade (18.000 €). Tamén outras actuacións quedarán incompletas e perderán parte do financiamento, como o plan de asfaltados (160.000 €) ou a humanización de Entrehortas (58.000 €).

Otero engadiu que esta situación tamén representa un "incumprimento flagrante" do acordo alcanzado co goberno municipal. “Votamos a favor da proposta xeral de investimentos porque incluía actuacións promovidas por Esquerda Unida. Agora vemos que ese compromiso foi papel mollado. É un engano a nós como grupo municipal e á propia veciñanza”.

Por este motivo, Esquerda Unida anunciou que convocará unha asemblea local en xaneiro para analizar a situación e definir as decisións políticas a tomar. Segundo indicou Anxo Meis, “esta grave falta de xestión reforza a nosa proposta de reducir drasticamente as asignacións económicas dos concelleiros liberados no goberno municipal, algo que xa levamos ás negociacións dos orzamentos neste 2024 e que supuxo a rotura das mesmas”

"Quen non é capaz de xestionar, tampouco debería cobrar retribucións tan elevadas. Non podemos permitir que esta falta de compromiso e de responsabilidade siga custándolle cartos á veciñanza” concluíu Otero.