Amosando publicacións coa etiqueta República. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta República. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de abril de 2022

HORIZONTE REPÚBLICA

Manifesto de Esquerda Unida polo 14 de abril 

Hoxe 14 de abril é un día importante para todos e todas as demócratas do noso país. Hoxe é a data na que conmemoramos o 91 aniversario da proclamación da Segunda República, un fito que supuxo un avance histórico da democracia, os dereitos sociais e a liberdade. Lembremos que hoxe contamos cunha democracia –ameazada por forzas similares ás de outrora– grazas á loita de quen sacrificou o seu tempo e ás veces a súa vida por un sistema democrático, e grazas a quen hoxe en día seguen loitando pola xustiza, a liberdade e unha democracia plena, fronte a un réxime monárquico incapaz de responder as necesidades da clase traballadora e os sectores populares. 


A nosa historia demóstranos que as conquistas sociais lógranse mediante a unidade popular e a loita, por iso seguimos esixindo un sistema que antepoña os dereitos dos sectores populares por encima dos intereses das oligarquías. 


Nesta dirección, a República ten que ir máis aló do debate sobre a xefatura do Estado ou a crítica a unha institución anacrónica e corrupta como é a monarquía, que se opón á modernización do país e é unha das causas da crise política actual. De igual maneira, entendemos que o proxecto republicano non pode basearse só –nin principalmente– na nostalxia ou no recordo, xa que necesariamente ten que ser un proxecto de futuro que dea resposta aos problemas e aos anhelos da cidadanía e no que caibamos todos e todas. 


A clase traballadores e os sectores populares do noso país necesitamos condicións de vida dignas que nos permitan vivir en condicións de igualdade e liberdade plenas. Un traballo digno, acceso á vivenda, sanidade ou educación públicas e de calidade son algúns dos exemplos recolleitos na actual constitución pero que quedaron en papel mollado. Por tanto, un día como hoxe volvemos reafirmar a nosa aposta por un proceso constituínte que –en última instancia– acabe adaptando a constitución vixente aos retos e as necesidades actuais do noso pobo. 


Por iso, a República é sinónimo de rexeneración democrática, xustiza social e defensa do público; un proxecto integral e renovador capaz de dar resposta ao conxunto de particularidades do Estado, isto é, á  plurinacionalidad e ao mundo rural e abandonado. Un proxecto capaz de recoller as necesidades, problemas e anhelos da cidadanía e unifíqueos nun proxecto que en última instancia servirá para que todos e todas vivamos mellor partindo da nosa  cotidianeidad. É dicir, o republicanismo é unha maneira alternativa e integral de entender a política, a economía e a sociedade. 


Continuamos loitando de acordo coa nosa tradición democrática e  emancipatoria, porque somos ese fío vermello da historia que se  entretexe co fío morado feminista e o verde ecoloxista para seguir construíndo un novo país plural, federal e solidario, cun novo modelo económico e social mediante a democratización da económica. 


Dende Esquerda Unida reafirmamos a nosa aposta por un proceso constituínte que desemboque nunha República democrática, federal e solidaria nesta data tan sinalada para a historia democrática do noso país. De maneira coherente, reafirmamos a nosa aposta pola construción cotiá dun horizonte republicano que dea esperanza á clase traballadora e os sectores populares nun momento de crise e incertezas. 

mércores, 14 de abril de 2021

14 DE ABRIL - Horizonte República. 90 aniversario

 
 

O día de hoxe, 14 de abril de 2021, é unha data importante para a cidadanía demócrata do noso país. Cúmprense 90 anos da proclamación da Segunda República, un proceso histórico que constituíu un avance incalculable en termos de democracia e xustiza social. O noso país segue tendo materias pendentes que non esquecemos, como o pleno recoñecemento de quen loitou pola liberdade e a democracia fronte ao fascismo, pero hoxe a República é sinónimo de futuro e esperanza. Futuro ante a decadencia dun réxime incapaz de satisfacer as súas propias expectativas e esperanza fronte ao odio de quen quere levarnos ao pasado e o medo aos avances de quen se conforma coa situación actual.

É o momento de traballar por un país republicano que poña a vida das familias traballadoras no centro. Para iso, é necesario construír un horizonte compartido entre todos e todas, debuxando un novo imaxinario transformador que se comprometa cos actuais retos sociais, culturais, políticos e institucionais. Falar de República é falar dun país ecoloxista, feminista e plural que fai da xustiza social a súa bandeira. Falar de República é falar de dereitos sociais e de condicións de vida dignas para a clase traballadora e os sectores populares. Falar de República é falar de xustiza, democracia e liberdade.

Loitamos por un país ecoloxista que aposte por un modelo económico responsable co medio ambiente e o planeta, un país feminista que acabe coa secuela do machismo e garanta igualdade na diversidade, e un país plural que vexa na súa complexidade cultural e nacional unha riqueza que debe ser coidada. Loitamos por un país con xustiza social no que os dereitos dos traballadores e as traballadoras estean por encima dos intereses das oligarquías afeitas a mandar sen presentarse ás eleccións.

O noso proxecto de país e modelo de Estado deben ser construídos de maneira participativa, pois a República é un proxecto popular de maiorías que conecta coas preocupacións cotiás da cidadanía. A monarquía carece de lexitimidade non só de orixe, senón pola súa corrupción e o seu papel estrutural como ligazón entre os poderes económicos e os poderes políticos e mediáticos. Monarquía é sinónimo de pasado e decadencia. Con todo, a República é un proxecto integral e renovador de país que abarca o conxunto de problemas, inxustizas e anhelos da cidadanía, máis aló do ámbito institucional. Desde estas coordenadas facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía demócrata e progresista para que se sume á construción colectiva do republicanismo.

Desde Esquerda Unida reafirmamos, nunha data tan importante para a tradición democrática e  emancipatoria no noso país como a de hoxe, a nosa firme aposta por seguir construíndo, xuntos e xuntas, un país máis xusto, máis democrático e máis fraterno.

Por seguir construíndo, xuntos e xuntas, Horizonte República.

 

sábado, 14 de abril de 2018

A NECESARIA CONSTRUCIÓN DA TERCEIRA REPÚBLICA DÍA A DÍA [MANIFESTO]

Berrámolo ben alto: o marco político actual do estado español só pode rexenerarse coa construción da III República.

E cremos firmemente que para propicialo precisamos previamente dun proceso amplo de consensos no que ten que actuar toda a esquerda política organizada sobre os parámetros de federalismo, socialismo, solidariedade e recoñecemento do lexítimo dereito a decidir dos pobos, sen ambaxes.

Porque o marco actual que queremos tronzar é consecuencia dunha deriva actitudinal e discursiva que favorece a esta monarquía caduca e corrupta, dun modelo territorial pechado en falso, da herdanza dun capitalismo monopolista de estado e oligárquico que obviamente dificulta eses necesarios traballos que require a construción da Terceira República.

Sen eses traballos, sen eses alicerces, nada será posible. A República ten que construírse todos os días a través de accións políticas concretas. E debe facerse desde a esquerda. A loita pola chegada da Terceira República debe ser un dos alicerces ideolóxicos fundamentais do traballo político cotián. Se renunciamos a este campo ideolóxico de batalla, todo será máis difícil. E será un proceso longo e complexo, no que debe figurar de forma clara e concreta un programa político, explicitando as formas e os tempos do novo proceso constituínte. Porque a República é algo máis que a elección do xefe do Estado.

Cómpre actuar para desfacer as mentiras e renuncias que impuxeron os pactos de silencio, de esquecemento da idealizada transición. Cómpre actuar para convencer de que debemos derrgar a Lei de Amnistía, unha lei que sitúa en rango de igualdade aos verdugos e ás vítimas. Algo impensable nunha verdadeira democracia. Unha lei que permite a impunidade e ampara o  negacionismo do xenocidio franquista. Cómpre actuar para devolver a dignidade aos milleiros de persoas que aínda hoxe reclaman e reivindican que rachemos e denunciemos esa política de silencio e esquecemento. Non se debería ter aceptado que a suposta e falaz reconciliación se realizase sen xustiza e reparación para as vítimas de 40 anos de Ditadura. Sen que os vitimarios asumisen as súas responsabilidades.

Cómpre actuar para persuadir coa forza dos argumentos e da pedagoxía a toda esa masa da sociedade resignada que defende o pasado franquista, sen cuestionarse o tipo de Democracia que herdamos, de que así non se pode crear futuro. Temos que facerlles ver que os perpetradores, os verdugos e os executores que se apoderaron, de forma egoísta, clientelar e antidemocrática, das institucións básicas para o exercicio dunha Boa Democracia. Non só o fixeron obrigándonos a vivir baixo unha Monarquía, senón que adoraron ao becerro do diñeiro e do mercado capitalista e foron eles os que nos mergullaron na crise-estafa.

Por iso, vivimos nunha democracia feble, degradada, atada polo conservadurismo e o clericalismo. Por iso, aínda hoxe, asistimos a expresivas demostracións de posta en valor do pasado franquista, un pasado ilexítimo e que debera ser ilegalizado, con todas as consecuencias. Cómpre actuar recoñecendo os erros do noso pasado republicano para superalos cos acertos que tivemos e proxectarnos no horizonte mediante un presente republicano.

Cómpre recuperarmos os discursos e palabras emancipadoras. A República é unha Utopía. Temos unha tradición antifascista e unha cultura democrática no noso bagaxe e que foron quen de resistir e animar a loita pola liberdade e a defensa dos dereitos da clase traballadora.

A nosa Utopía chámase Terceira República. Esquerda Unida aposta incuestionablemente por construír unha base social ampla, hexemónica, que sosteña unha mudanza radical nas institucións públicas para termos unha democracia plena, onde a toma de decisións e a participación sexan reais. Unha República que remate coa alienación e a explotación que impón o capitalismo.

Unha República limpa e democrática, asentada na igualdade entre todas as persoas e pobos e que abranga nun mesmo obxectivo común de convivencia as demandas feministas, as reclamacións da clase traballadora, a defensa do medioambiente e a terra, a defensa do dereito a decidilo todo, a xeneración de novos consensos políticos e de configuración do estado e as reivindicacións de liberdade civil.

14 de abril de 2018

xoves, 14 de abril de 2016

LEMBRANZA REIVINDICATIVA DA NOSA MELLOR HISTORIA

 

Manifesto republicano de Esquerda Unida.

Lembramos para reivindicar, no 85 aniversario da proclamación da República, a tantas persoas que entregaron o seu traballo para erguer a esperanza compartida de construír un novo país. Non queremos esquecer o exemplo de dignidade democrática que as urnas da primavera republicana de 1931 expresaron ao derrotar a un réxime apodrecido entre a miseria e explotación á que sometía ás clases traballadoras e a corrupción estrutural na que vivían as elites daquela I Restauración Borbónica.

A República constituíu, entón, a resposta das clases traballadoras e populares para disputar ás clases dominantes, a dirección política do Estado, a construción material de condicións de vida dignas para a maioría social traballadora, e en resumo a ferramenta para acadar a hexemonía de valores, a panca básica para a transformación social. 
 
A proclamación da República fora posible polos azos unitarios construídos e que callaron na acción política e electoral conxunta republicana e socialista. A mellora das condicións laborais, os avances na loita pola igualdade que simbolizou o sufraxio universal, os milleiros de novas escolas unificadas, o proceso social polo que o noso pobo gañou dignidade ao derrotar ao caciquismo e plebiscitar o autogoberno… son algúns dos fitos dunha República que na Fronte Popular sinalou o camiño do porvir. Dese alento transformador somos coherdeiros e corresponsables todas e todos os que acreditamos na apertura dun proceso constituínte cando o réxime da II Restauración Borbónica provoca condicións de vida insoportables para tantas e tantos de nós.