Amosando publicacións coa etiqueta Siradella. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Siradella. Amosar todas as publicacións

mércores, 26 de setembro de 2018

EU reclama solucións ao caos circulatorio derivado do peche dun carril en Alexandre Bóveda

Denuncia o colapso que a medida ten xerado en rúas próximas como a Avenida de Portugal, e insta ao goberno local a avanzar na elaboración do Plan de Mobilidade

Reclamouno no pleno, onde tamén solicitou un maior celo do control aos propietarios que non recollen as deposicións dos seus animais en rúas e camiños



O Grove, 25 de setembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno local a convocar coa máxima urxencia unha xuntanza de traballo que permita avanzar na elaboración do Plan de Mobilidade local e aporte solucións aos problemas xerados polos últimos cambios relacionados coa ordenación do tráfico no casco urbano. A formación lamenta o caos circulatorio que o peche dun carril en Alexandre Bóveda ten xerado en rúas próximas como a Avenida de Portugal, e denuncia a falta de planificación nesta materia. Unha deficiente xestión que evidencia tamén o inaceptable atraso que acumula a posta en funcionamento dos novos sistemas de control do tráfico en rúas peonís como a Catorse, onde case un ano despois da obra de humanización os pivotes móbiles continúan sen funcionar. Foi un dos temas que os concelleiros de EU levaron ao pleno deste mes de setembro. Unha sesión na que os edís esquerdistas debullaron ademais a longa lista de deberes pendentes que, a pesar dos reiterados rogos realizados pola formación ao longo de sucesivos meses, o Concello continúa sen atender. 

Esquerda Unida urxe solucións, análise e traballo que permitan mellorar o mapa do tráfico da localidade, e lamenta que as palabras e compromisos do goberno local as leve o vento. E é que resulta inaceptable que, cando está a piques de cumprirse un ano da peonalización da Catorse, as tarxetas para residentes e usuarios anunciadas continúen sen estar en uso, e o pivote móbil permanentemente apagado.

Esquerda Unida lamenta a resistencia do goberno local do PSOE a ter en conta as aportacións e ideas que lle chegan dende as filas da oposición. Unha reticencia ao diálogo que perxudica, en última instancia, á cidadanía. E que se traduce nun inxente número de pequenos problemas do día a día pendentes de resolver que se prolongan no tempo. 

Sen solucionar está o problema de iluminación no entorno de Rosalía de Castro que a veciñanza ten feito chegar aos concelleiros de EU, e que éstes trasladaron ao conxunto do pleno xa en xaneiro. Do mesmo xeito que continúa pendente a instalación de bolardos que impidan o estacionamento e favorezan a visibilidade no cruce da Fontegrande coa rúa da Igrexa, solicitados en febreiro. 

A formación tamén aproveitou o pleno deste luns para volver lembrarlle ao grupo de goberno a necesidade dun paso de peón na saída de Entrehortas, entre a farmacia e a parada de taxis, que xa fora solicitado en maio. Así como o déficit de papeleiras en diferentes rúas grovenses, como Lepanto, Con do Gato ou Raposeira (neste caso, solicitado en marzo).

A formación incide ademais na mala imaxe e na falta de seguridade que provoca o estado da área de xogos infantís da Siradella. Un deterioro que Esquerda Unida xa ten denunciado en pleno en máis dunha ocasión, e en relación ao cal os concelleiros do grupo municipal de EU volveron solicitar ao Concello que se dirixa á Comunidade de Montes de San Martiño para pedir a retirada dos restos das randeeiras existentes antes de que éstas ocasionen algún accidente.

Esquerda Unida tamén aproveitou o pleno deste luns para volver reclamar ao Concello que solicite á Xunta a reposición da deteriorada sinalización viaria da estrada do istmo. E a Emgrobes a retirada da caseta informativa da Lanzada, pois son moitos os visitantes que paran alí pensando que está en funcionamento.

A formación lamenta ademais a resistencia do goberno local a facilitar información á oposición sobre distintos proxectos en marcha aínda a pesar de tela solicitado por rexistro. 

venres, 17 de xuño de 2016

Esquerda Unida pide actuacións en Meloxo, Estonllo e outra zonas do concello



Aberta unha nova vía de negociacións de cara á aprobación dos orzamentos 2016, incluíndose o remanente de tesourería, a agrupación local de Esquerda Unida fixo chegar ao goberno municipal unha serie de actuacións para as cales agarda un compromiso de execución.

Estado das rúas do barrio de Meloxo
A medida máis importante céntrase no barrio de Meloxo. Un barrio no que, segundo os esquerdistas, as rúas que o percorren atópanse nun estado de deterioro, con fochas, gretas e zonas sen asfalto. Por ese motivo, Juan Lamelas e Jose A. Otero consideran necesaria e xustificada unha actuación integral na zona. 


Lavadoiro de Meloxo pechado
Unha zona para a que tamén piden a reparación inmediata do seu lavadoiro que, segundo indican, leva pechado aos veciños dende hai varios meses por problemas co tellado –cuestión esta que xa expuxeron no pleno do mes de abril–. Ademais, instan ao goberno a que se reparen todos os lavadoiros do concello e se poñan en valor patrimonial, cultural e turístico.
Estado da fonte de Estonllo
Neste mesmo senso –o do valor patrimonial, cultural e turístico– céntranse os esquerdistas para solicitar tamén o arranxo da fonte natural de Estonllo, así como as de todo o concello. En canto ao de Estonllo, os edís indican que foron varios os veciños que lles fixeron chegar as queixas do mal estado no que se atopa esa fonte, pois non bota auga, o acceso é dificultoso e o seu entorno atópase en total abandono. Por iso solicitan que se arranxe de maneira inmediata, dotándoo de melloras na accesibilidade, dun cartel indicador e amañando o entorno.

 
Sobrante de estrada en Reboredo
Outra das petición realizadas, segundo os esquerdistas en concordancia cunha moción aprobada en relación cunha senda peonil entre Campos e Reboredo, é a creación de áreas de descanso nos sobrantes de estrada, dotándoas de árbores, bancos e papeleiras.



Estado do mirador Conda Hedra
O arranxo do parque infantil da Siradella, esnaquizado e abandonado; do miradoiro de Con da Hedra, nas mesmas circunstancias que o anterior; da explanada do Corgo, que conta con numerosas baldosas levantadas e esnaquizadas e faltan bancos; e da rúa que transita entre Balea e Balea marítima, foron outras das solicitudes realizadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida, conscientes de que estas últimas non son actuacións propias do Concello senón conxuntamente coas dúas Comunidades de Montes, Portos de Galicia e Deputación de Pontevedra.
 

Miradoiro Con da Hedra


Miradoiro Con da Hedra
Parque infantil Siradella
Parque infantil Siradella
Explanada do Corgo
Explanada do Corgo
Barrio de Meloxo
Barrio de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo

Acceso fonte de Estonllo
Fonte de Estonllo
Sobrante de estrada en Campos
Estrada Balea a Balea marítima

[ver/descargar o documento que se lle achegou ao Goberno municipal]