Amosando publicacións coa etiqueta O Corgo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Corgo. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de agosto de 2019

Foto denuncia EU - Lamentable estado da inaugurada pista de Skate


🛴O pasado 13 de xullo o Concello do Grove inauguraba a pista de skate da Praza do Corgo. 

🤔Un mes despois a veciñanza prengúntase; se está inaugurada por que semella estar en obras

xoves, 8 de agosto de 2019

Foto denuncia EU - Elementos de xogo do parque infantil do Corgo rotos (solucionado)


 #fotodenuncia do 5 de xullo SOLUCIONADA‼️

🙌Nada nos alegra máis que ver aos usuarios do parque da Praza do Corgo xogar seguros despois dun mes de espera☺️.

venres, 5 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Elementos de xogo do parque infantil do Corgo rotos


📷 Unha usuaria do parque infantil do Corgo achéganos estas imaxes onde se pode ollar que un dos seus elementos de xogo está roto. Entre unha imaxe e outra hai 15 días de diferenza, o que demostra que dende o concello non están a solucionar o problema, nin se toman as precaucións precisas para evitar incidentes.

👨‍🔧 Dende Esquerda Unida temos insistido na necesidade dun plan de mantemento continuo nos parques infantís, que procuren repoñer e/ou arranxar os elementos de xogo que se atopen deteriorados ou rotos. Por ese motivo, instamos á concellería delegada para que solucione o problema do parque Infantil do Corgo e, ante o aumento do uso dos parques nestas épocas, se faga unha revisión continua de todos os do Concello.

venres, 22 de marzo de 2019

EU denuncia a continua improvisación do PSOE e reclama un plan de mobilidade consensuado, realista e con visión de conxunto

A formación reclama un PMUS exhaustivo, que teña en conta as achegas de expertos e axentes sociopolíticos e que permita trazar unha folla de ruta clara para o conxunto do casco urbano

Critica as decisións unilaterias e sen fundamento do goberno local, así como os problemas de tráfico xerados por peonalizacións e cambios de sentido impulsados sen ter en conta as característias do conxunto da rede viaria

O Grove, 21 de marzo de 2019.- Esquerda Unida denuncia a continua improvisación do PSOE no que a mobilidade e tráfico se refire, e insta ao goberno local a actuar con responsabilidade e a impulsar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible que O Grove precisa. A formación denuncia os problemas circulatorios causados polas ideas inconexas do grupo de Jose Cacabelos, que continúa amosando a súa incapacidade de impulsar un PMUS rigoroso e con visión de conxunto e apostando por parches e solucións a salto de mata para solventar problemas que el mesmo creou.

EU insta ao goberno local a deixar de lado a improvisación e a dar forma a un Plan de Mobilidade Urbana realista e ben fundamentado, que teña en conta as características do conxunto da rede viaria grovense e que realmente permita rematar cos problemas de tráfico que esta padece. Moi lonxe de avanzar nesa dirección, e a pesar das continuas reclamacións do grupo de Esquerda Unida ao respecto, o alcalde continúa anunciando cambios illados e decididos de xeito unilateral. “O goberno local estase escudando nun Plan de Mobilidade Urbana Sostible para realizar peonalización e cambios de sentido e solicitar subvencións, cando en realidade non se ten avanzado nada dende a aprobación hai dous anos do documento base. Un documento que indicaba como primeiro paso para o avance do PMUS a participación tanto cidadá como política, coa creación de grupos de traballo onde estean representados os partidos e representantes sociais, económicos, laborais e medio ambientais. Así como unha comisión composta por técnicos en materia de transporte e urbanismo, medio ambiente, integración social e representantes do transporte público. Todo isto contando coa implicación do público, representado por diferentes colectivos relacionados coa mobilidade, pois a cidadanía é a clave en todo o proceso de elaboración, implantación  e seguimento do PMUS”, explica o responsable local de EU.

Moi lonxe de avanzar nesa senda, o alcalde anuncia agora a súa intención de invertir o sentido de circulación no Paseo de Lordelo para solucionar un problema que el mesmo provocou. “Estamos ante unha nova decisión de Cacabelos ao tun tun, que atende á un intento de solventar un problema ocasionado pola súas decisións sen planificación”, indica José Antonio Otero, que lembra as advertencias que Esquerda Unida xa realizou no pasado en relación ao incremento do tráfico e os problemas que o peche dun sentido de circulación no primeiro treito de Alexandre Bóveda ía ocasionar en ruelas da contorna como Sol, Raposeira, Dornas, Horta do Río ou Avenida de Hortos. Rúas estreitas que non estaban preparadas para acoller a densidade de tráfico provocada polas ocorrencias do PSOE. “Daquela non se nos fixo caso, e mesmo se nos tentaba atacar por esas advertencias. Agora é o propio alcalde o que tenta xustificar o cambio de sentido do paseo de Lordelo para reducir o tráfico nesas mesmas rúas que, como xa dixemos, el mesmo provocou”.

Chegamos a este punto, Esquerda Unida advirte das consecuencias desta nova decisión apresurada, “pois derivar a circulación cara ao Corgo vai provocar continuos caos na zona portuaria, máxime en días de mercado e peches da praza por festas como o Carme e o Marisco. E todo isto por non traballar o Plan de Mobilidade de forma consensuada e tomar as decisions en base a unha planificación organizada”.

Esquerda Unida  insta ao goberno local a actuar con rigor e a impulsar a posta en marcha do PMUS. “Levamos dous anos solicitando as devanditas xuntanzas e atopándonos con continuas escusas dende o executivo local. E o que é peor: con modificacións e anexos ao PMUS e, como se está vendo neste último ano, propostas de modificacións de rúas e estradas impulsadas sen tan sequera ter reunido a políticos e veciños previamente”.

A formación considera imprescindible elaborar canto antes un plan de mobilidade no que participen técnicos de mobilidade, Policía Local, Garda Civil e servizos de emerxencias, así como actores sociais e partidos politicos. “Que sexa eleborado en conxunto, en consenso  (un factor moi importante, pois dará lugar a que todos estaremos implicados e calquera goberno futuro continuará traballando sobre esa mesma base). E, sobre todo, que estea orzamentado. Unha elaboración global que “vai a marcar o camiño a tomar e sobre todo por onde comezar para non crear un caos circulatorio. Non sucede isto agora, cando foi aprobado un plan que marcaba esas pautas, pero que se usou para que o goberno movera e queira seguir movendo direccións. Para penalizar rúas a golpe de ocorrencias, ocasionando caos circulatorio e prexuizos para a veciñanza”, denuncia EU, que anima a traballar en colaboración coa veciñanza e cunha programación clara.


sábado, 14 de xullo de 2018

O grupo municipal de EU insta a En Marea a apoiar sen fisuras no Parlamento a solicitude de desafección do Corgo


A solicitude de recuperación da praza e dos terreos nos que se asentan a Casa do Concello ou o mercado municipal foi aprobada por unanimidade do pleno en reiteradas ocasións

IMAXE DE ARQUIVO DA PRAZA DO CORGO - TODOGROVE.ES

O Grove, 13 de xullo de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida ten solicitado o apoio unánime e sen fisuras do grupo parlamentario de En Marea para conseguir que a tan demandada desafección do Corgo poida ser unha realidade. O asunto será tratado este venres na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, por iniciativa do PSOE. Un foro ao que a postura da formación esquerdista no Grove chegará da man do partido que lidera Luís Villares.

A desafección dos terreos do Corgo que, a pesar de non ter uso portuario, se atopan baixo a titularidade da Xunta de Galicia e polos que ano tras ano O Grove debe aboar a Portos miles de euros debátese hoxe no Parlamento de Galicia. Un asunto de importancia para o Grove, en relación ao cal Esquerda Unida entende debe adoptarse unha postura rotunda, unánime e sen fisuras.

Así as cousas, o grupo municipal de EU tense posto en contacto co grupo parlamentario de En Marea para solicitarlle o seu apoio a unha reclamación que, de saír adiante, suporía un importante aforro para as arcas municipais. E abriría tamén a porta a un aproveitamento máis racional e eficiente dun espazo que a día de hoxe presenta un estado lamentable debido á total falta de mantemento por parte de Portos.

Cabe lembrar que se trata do único espazo aberto, amplo e céntrico co que conta o municipio para a realización de eventos. Nel desenvólvense, como é sabido, o mercado semanal, a Festa do Carme e a do Marisco, e numerosos espectáculos e actuacións. Así as cousas, Esquerda Unida aposta por aunar forzas para que do Parlamento poida saír un posicionamento favorable a esta reclamación; que suporía un importante espaldarazo ás pretensións do Grove ante a Xunta de Galicia.

Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

domingo, 8 de abril de 2018

EU propón o acondicionamento da deteriorada Praza do Corgo



Os edís Juan Lamelas e José Antonio Otero apoiarán a solicitude de subvención para a obra da desdobramento da estrada da Confraría

Reclaman que os fondos que o Plan Concellos destinaba a esa actuación se invistan agora na mellora integral da gran explanada de Beiramar

O Grove, 6 de abril de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida  ve necesario que o Concello actúe para mellorar o deteriorado estado da explanada do Corgo. E o luns farallo saber aos demais membros da corporación; no pleno extraordinario que o goberno local convocou para aprobar a solicitude de subvención para o desdobramento do treito da Avenida de Beiramar que transcorre dende a Confraría ata a rotonda das garzas. A formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero propón que os fondos que o Plan Concellos destinaba a esa obra se invistan, no caso de conseguirse a nomeada subvención, na rehabilitación integral da Praza do Corgo. Unha actuación urxente; tanto pola mala imaxe deste céntrico entorno; como polo perigo que supón o mal estado do seu firme.

Os edís esquerdistas apoiarán co seu voto favorable o procedemento de solicitude de subvención que o goberno local xa ten iniciado ante o IDAE. E é que, tal e como destaca o grupo municipal de EU, favorecer a posibilidade de que O Grove aumente as súas vías de financiamento é unha cuestión “de responsabilidade”. Porén, a formación non ve con bos ollos que o asunto teña motivado a convocatoria dun pleno extraordinario; que ocasionará un custo económico que non tiña por que terse producido. “Consideramos que existiu un erro na tramitación da solicitude, e que este asunto chega tarde e mal, pois tiña que ter sido traído a pleno antes”, indica o grupo. E é que, tal e como lembran Lamelas e Otero, “o órgano competente para a aprobación deste tipo de trámites adoita ser o pleno, e non a alcaldía”.

Á marxe diso, Esquerda Unida propón que os 101.000 euros da obra de Beiramar que, previsiblemente, subvencionará o IDAE, se destinen á humanización da explanada do Corgo. O desdobramento da estrada da Confraría inclúese entre as actuacións municipais financiadas polo Plan Concellos da Deputación, que reserva para ela 126.855,25 euros. “Se o IDAE subvenciona o 80%, quedarán dispoñibles algo máis de 100.000 euros, aos que haberá que cambiarlle o destino”. Indícano os edís de EU, que xa apuntan cara á próxima explanada do Corgo. Para esa área, o grupo municipal esquerdista resalta a necesidade dunha actuación que; ademais da reposición integral do pavimento; contemple a instalación de bancos e outros elementos que volvan facer da praza o concorrido punto de encontro e xogos que fora.

Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

 Así o traslada a prensa:

Esquerda Unida pide que los 101.000 euros sobrantes de Beiramar se inviertan en la plaza de O Corgo [ver noticia web]

Esquerda Unida propone destinar el Plan Concellos a acondicionar la deteriorada plaza de O Corgo [ver noticia web] 
EU propone el arreglo de la Praza do Corgo porque da "mala imaxe" y "supón un perigo" 

 

venres, 17 de xuño de 2016

Esquerda Unida pide actuacións en Meloxo, Estonllo e outra zonas do concello



Aberta unha nova vía de negociacións de cara á aprobación dos orzamentos 2016, incluíndose o remanente de tesourería, a agrupación local de Esquerda Unida fixo chegar ao goberno municipal unha serie de actuacións para as cales agarda un compromiso de execución.

Estado das rúas do barrio de Meloxo
A medida máis importante céntrase no barrio de Meloxo. Un barrio no que, segundo os esquerdistas, as rúas que o percorren atópanse nun estado de deterioro, con fochas, gretas e zonas sen asfalto. Por ese motivo, Juan Lamelas e Jose A. Otero consideran necesaria e xustificada unha actuación integral na zona. 


Lavadoiro de Meloxo pechado
Unha zona para a que tamén piden a reparación inmediata do seu lavadoiro que, segundo indican, leva pechado aos veciños dende hai varios meses por problemas co tellado –cuestión esta que xa expuxeron no pleno do mes de abril–. Ademais, instan ao goberno a que se reparen todos os lavadoiros do concello e se poñan en valor patrimonial, cultural e turístico.
Estado da fonte de Estonllo
Neste mesmo senso –o do valor patrimonial, cultural e turístico– céntranse os esquerdistas para solicitar tamén o arranxo da fonte natural de Estonllo, así como as de todo o concello. En canto ao de Estonllo, os edís indican que foron varios os veciños que lles fixeron chegar as queixas do mal estado no que se atopa esa fonte, pois non bota auga, o acceso é dificultoso e o seu entorno atópase en total abandono. Por iso solicitan que se arranxe de maneira inmediata, dotándoo de melloras na accesibilidade, dun cartel indicador e amañando o entorno.

 
Sobrante de estrada en Reboredo
Outra das petición realizadas, segundo os esquerdistas en concordancia cunha moción aprobada en relación cunha senda peonil entre Campos e Reboredo, é a creación de áreas de descanso nos sobrantes de estrada, dotándoas de árbores, bancos e papeleiras.



Estado do mirador Conda Hedra
O arranxo do parque infantil da Siradella, esnaquizado e abandonado; do miradoiro de Con da Hedra, nas mesmas circunstancias que o anterior; da explanada do Corgo, que conta con numerosas baldosas levantadas e esnaquizadas e faltan bancos; e da rúa que transita entre Balea e Balea marítima, foron outras das solicitudes realizadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida, conscientes de que estas últimas non son actuacións propias do Concello senón conxuntamente coas dúas Comunidades de Montes, Portos de Galicia e Deputación de Pontevedra.
 

Miradoiro Con da Hedra


Miradoiro Con da Hedra
Parque infantil Siradella
Parque infantil Siradella
Explanada do Corgo
Explanada do Corgo
Barrio de Meloxo
Barrio de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo

Acceso fonte de Estonllo
Fonte de Estonllo
Sobrante de estrada en Campos
Estrada Balea a Balea marítima

[ver/descargar o documento que se lle achegou ao Goberno municipal]