xoves, 29 de abril de 2021

EU denuncia unha nova privatización de servizos por parte do goberno local

 

O servizo de mantemento dos parques infantís e elementos biosaudables pasará a mans privadas tal e como anunciou o concelleiro de limpeza no pleno do luns.

Os esquerdistas denuncian que esta nova externalización, sumada á da limpeza dos edificios públicos e á semi-privatización das Pistas de Padel, supón un detrimento dos servizos públicos municipais e preguntan cal será o seguinte.

 O Grove, 28 de abril de 2021.- No pleno do pasado luns, o concelleiro de limpeza e mantemento de espazos públicos anunciou, durante a quenda de rogos e preguntas, que o mantemento dos parques infantís e elementos biosaudables pasará a ser realizado por unha empresa privada. Este servizo, que se atopa dende o pasado mércores 21 aberto á presentación de ofertas, conta cun orzamento de licitación de 29.040 € e terá unha duración de 2 anos prorrogables a outros dous. A apertura de ofertas terá lugar o primeiro xoves de maio. 

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “esta é unha nova mostra do que este goberno leva facendo en detrimento dos servizos públicos do noso concello dende que tomaron as rendas do noso municipio, externalizando o maior número de servizos”.

Segundo indica Otero, “as privatizacións comezaron no pasado mandato cando o servizo de limpeza de edificios públicos pasou a mans dunha empresa externa, unificándose ao da limpeza dos centros educativos (que xa estaba externalizado)”. “Este ano atopámonos cun formato de privatización encuberto nas Pistas de Padel, cando en lugar contratar persoal, ou formalizar as prazas, pasaron a prestar o servizo a través de autónomos”, continua o esquerdista. “Agora tócalle ao servizo de mantemento de parques infantís e elementos biosaudables, pero auguramos que non será o último”, asevera Otero.

José Antonio Otero incide en que “no tanto de recuperar servizos como o da limpeza dos edificios educativos, ou o de axuda no fogar, tal e como lle instou Esquerda Unida en innumerables ocasións, este goberno segue externalizando servizos”.

“Dende Esquerda Unida denunciamos esta situación e preguntamos ao executivo local cal será o seguinte servizo en privatizar; o de augas?, limpeza das rúas ou o da recollida do lixo?” sentenza Otero a vez que recorda que no mandato do cuatripartito (2007-2011) “o servizo de recollida de lixo estivo a piques de ser privatizado, pois o PSOE concordaba co PGD na súa externalización e foi a oposición tallante do concelleiro de EU (Juan Lamelas) á que logo se sumou o BNG, a que evitou esa privatización”.

Así mesmo, a agrupación de esquerdas recorda que o goberno local do PSOE ten paralizada a Oferta de Emprego Público que eles mesmos aprobaron, e que a RPT do concello segue sen aprobar desde que fora impulsada por EU cando participou no goberno cuadripartito. Segundo Otero “estas son dúas ferramentas fundamentais para a dotación de persoal e poder ter uns servizos públicos de calidade, cuestión totalmente abandonada por Cacabelos e o seu goberno”.

Esquerda Unida “lamenta a asunción do programa neo-liberal por parte da agrupación local do PSOE do Grove e os seus representantes no concello” e indican que desde a chegada de Cacabelos á secretaría local do seu partido, este “ocupou o espazo político do PP e converteuse no referente da dereita política no Grove”.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove


Ningún comentario:

Publicar un comentario