Amosando publicacións coa etiqueta Pasos de Peóns. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pasos de Peóns. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de xuño de 2025

EU esixe o pintando de todas as sinalizacións horizontais do Grove e a inclusión do lema “O Mar Comeza Aquí” nas arquetas dos sumidoiros

A formación alerta do perigo que supón a ausencia de pasos de peóns e outras sinalizacións horizontais en moitas das rúas do concello e pide que o pintado non se limite ás recentemente asfaltadas.

Aproveitan para reclamar a aplicación efectiva da campaña “O Mar Comeza Aquí”, aprobada por unanimidade en 2024 a proposta de Esquerda Unida, que pretende concienciar sobre a conexión entre o lixo nas rúas e a contaminación mariña.

O Grove, 17 de xuño de 2025.-Esquerda Unida solicita ao goberno municipal que os traballos de pintado de sinalización horizontal non se limite ás rúas que veñen de ser asfaltadas e se estendan ao resto do concello. A formación alerta de que en moitos puntos do municipio a sinalización é “inapreciable ou inexistente”, especialmente os pasos de peóns, e isto “supón un perigo real tanto para os vehículos como para os viandantes”, explica o seu voceiro José Antonio Otero.

Desde Esquerda Unida lembran que en varios plenos anteriores xa advertiran desta situación, e que dende o goberno municipal se xustificou o atraso no pintado pola execución do plan de asfaltados. Con todo, “tememos que só se vai pintar o novo, e que volverán esquecer o resto das rúas, xusto cando se achega o verán e aumenta a afluencia de visitantes, o que fai aínda máis necesario garantir a seguridade peonil”, insiste Otero.

Ao mesmo tempo, Esquerda Unida propón que se aproveiten estes traballos para incorporar unha acción de sensibilización ambiental de baixo custo e alto valor educativo: o pintado do lema “O mar comeza aquí” nas arquetas dos sumidoiros, especialmente nas zonas máis transitadas.

Esta acción forma parte dunha campaña ambiental presentada por Esquerda Unida e aprobada por unanimidade no pleno de setembro de 2024, co obxectivo de lembrar á cidadanía que os residuos depositados nas rúas, como as cabichas, rematan moitas veces no mar. “Moita xente non é consciente de que o lixo que tiramos ao chan ou aos sumidoiros acaba na nosa ría. Este pintado é unha maneira visual, directa e económica de concienciar”, sinala o concelleiro Anxo Meis, defensor da iniciativa.

A medida xa foi implantada en numerosas cidades europeas e está recoñecida como boa práctica ambiental. Desde Esquerda Unida consideran que esta intervención debería ser o primeiro paso dunha campaña máis ampla, que inclúa tamén sistemas físicos de recollida de residuos nos sumidoiros.

“Se se están a pintar pasos de peóns e marcas viarias, non hai razón para non aplicar tamén esta medida que xa foi aprobada por este mesmo pleno”, engade Meis. A formación lembra que O Grove ten no mar o seu principal recurso económico e ambiental, polo que toda acción que contribúa a preservar o ecosistema mariño debe ser prioritaria.

Por todo isto, Esquerda Unida reclama que o Concello actúe de inmediato para estender o pintado de sinalizacións a todo o termo municipal e que execute xa os compromisos adquiridos coa campaña “O mar comeza aquí”.

xoves, 18 de marzo de 2021

Foto denuncia EU - Estado dos pasos de peóns dos colexios en San Vicente

⚠ O estado actual dos pasos de peóns do Instituto e do Colexio As Bizocas, supón un risco para o alumnado. As nais e pais 📣 levan reclamando ao Concello o pintado desde o comezo do curso.
🆘 Dende Esquerda Unida pedimos que se atenda con urxencia esta reclamación.


 

venres, 22 de maio de 2020

EU denuncia que o goberno non reduciu os pasos elevados da Avenida Portugal tal e como prometera


Os esquerdistas indican que o Alcalde se comprometeu no pleno do 2 de marzo a revisar e reducir o desnivel dos pasos elevados da Avenida Portugal tras unha denuncia do seu grupo municipal.

Esquerda Unida denuncia agora que Cacabelos aprobou a certificación e o pago da obra dos pasos elevados o pasado 29 de abril sen que se realizaran os cambios prometidos.

O Grove, 21 de maio de 2020.- O pasado 2 de marzo, no pleno ordinario, o grupo municipal de Esquerda Unida alertou da perigosidade que supoñían os novos pasos elevados instalados na Avenida Portugal pois, polo menos en tres deles, resultaba complicado sortealo sen complicacións, incluso por debaixo da velocidade permitida pola vía.

Nese mesmo pleno, o propio Alcalde recoñecía esta circunstancia e comprometíase a instar á empresa encargada da súa instalación para que os revisase e prolongase o desnivel dos mesmos co propósito de poder sortealos con maior comodidade.

Dous meses e medio despois, os esquerdistas denuncian que non só non se resolveu o problema, senón que constataron que o Alcalde asinou o pasado 29 de abril por decreto, a aprobación da certificación da obra e o pago do mesmo á empresa encargada da instalación dos pasos elevados. Cuestión que, segundo Esquerda Unida, ven a confirmar que os mesmos “parece que non van ser modificados e quedarán así, incumprindo novamente un compromiso con nós e o que é peor, coas veciñas e veciños, pois simplemente puxemos en coñecemento do goberno unha queixa veciñal por un problema que el mesmo recoñeceu”.

Deste modo, Esquerda Unida reafirmase na súa reclamación, “xa que tres dos pasos elevados instalados na Avenida Portugal incumpren o desnivel e provocan que os vehículos teñan serios problemas para superalos”, por iso alertan que Cacabelos non ten desculpa algunha para incumprir con este cometido, amais de non querer realizar esta modificación. “Que non veña agora a dicir que non se realizou por mor da Alerta Sanitaria, pois as empresas de construción non pararon durante as restricións pola pandemia” denuncia Esquerda Unida, que piden que “realice a modificación dos pasos elevados ou lle diga á veciñanza que estes van quedar así definitivamente”.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

luns, 9 de setembro de 2019

Foto denuncia EU - Pintado paso peóns en rúa Irmáns Otero Goday


🚦Os veciños preocupados pola seguridade viaria da rúa Irmáns Otero Goday, solicitan que se volva a pintar o paso de peóns.

🚗 Engaden como suxerencia a posibilidade de facer un paso elevado que axude a reducir a velocidade coa que circulan os vehículos nesta rúa.


#fotodenuncia #euogrove #pasopeons #TodosOsBarriosContan #seguridadeviaria