29 setembro 2025

PLENO SETEMBRO 2025

ROGOS E PREGUNTAS

📅 29 de setembro de 2025

▶ Intervención: minuto 1:19:50


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Estación de carga de vehículos eléctricos da rúa Castelao

Preguntamos cando comezaría a funcionar esta estación de carga e cal sería o sistema de xestión do servizo.

🔻 Estación de carga nas inmediacións da Confraría

Preguntamos cando se iniciaría a instalación desta infraestrutura prevista.

🔻 Estación de carga da rúa Alexandre Bóveda

Preguntamos cando finalizaría a gratuidade do uso desta estación de carga.

🔻 Oficina municipal de Consumo

Preguntamos polo motivo do peche da oficina “ata novo aviso”.

🔻 Mercado Municipal

Preguntamos cando se licitarían os locais e postos vacantes do mercado.

🔻 Paso de peóns en Terra de Porto

Preguntamos cando se procedería ao pintado deste paso de peóns reclamado pola veciñanza.

🔻 Cambio de sentido da rúa Conchases

Preguntamos cando se faría efectivo o cambio de sentido neste tramo da rúa para facilitar a saída da veciñanza cara Terra de Porto.

🔻 Auditorio municipal

Preguntamos polo estado da reclamación da garantía de obra do ascensor e polas diferentes deficiencias do edificio.

🔻 Gretas na rúa Alexandre Bóveda

Preguntamos polo estado da reclamación da garantía da obra para reparar estas gretas.

🔻 Local do Club Remo Mecos

Preguntamos polo estado da reclamación pola obra de adaptación do local.

🔻 Compra do terreo de Entrehortas

Preguntamos polo estado do proceso de compra para ampliar o aparcadoiro.

🔻 Sentenza do TSX en Terra de Porto

Preguntamos polos motivos polos que o goberno municipal non executara a sentenza que obrigaba a repoñer a legalidade dunha obra.

🔻 Padrón municipal

Preguntamos polo motivo polo que se retirara do padrón municipal a unha familia do Grove mediante Decreto de Alcaldía.

Rogos e solicitudes

🔻 Camiño do alto de Pardiños

Solicitamos unha solución ante o mal estado deste camiño e o risco que supón para vehículos e viandantes.

🔻 Paso de peóns na rúa Escalinatas

Solicitamos unha solución á situación dos viandantes que deben circular pola estrada tras eliminarse o paso de peóns diante da parada de bus.

🔻 Foro La Toja

Solicitamos que o Alcalde non asistise a este evento en consideración co apoio ao pobo palestino.

03 setembro 2025

Esquerda Unida acusa ao goberno local de “condenar O Grove ao caos” durante o verán

O grupo municipal denuncia que o verán no Grove estivo marcado polo caos circulatorio, a falta de prazas de estacionamento, os servizos públicos saturados e a inacción dun goberno que, malia ter recibido múltiples avisos, non puxo en marcha ningunha medida de prevención. 

A formación critica tamén a mala imaxe xerada pola falla de limpeza e recollida de lixo selectivo, o desleixo na atención ás praias e a ausencia de medidas de control e planificación, o que cualifican como “un novo fracaso do PSOE” á hora de xestionar a tempada estival.

O Grove, 3 de setembro de 2025.- Esquerda Unida do Grove fixo este mércores un balance moi crítico da tempada estival, asegurando que “cando pensabamos que o caos do verán pasado era insuperable, este goberno demostrou a súa capacidade de superación, conseguindo empeoralo”. A formación acusa ao executivo de José Cacabelos de “condenar a vila ao caos por culpa da súa deixadez e incompetencia”, e denuncia que “a imaxe que se ofreceu este verán foi nefasta, tanto para a veciñanza como para os milleiros de visitantes que nos escollen. A sensación que se levaron os turistas foi dunha vila abandonada”. 

O voceiro municipal, José Antonio Otero, foi rotundo, “Este goberno só funciona a base de improvisación e propaganda. Non existe nin unha soa planificación seria. Levamos meses pedindo o pintado dos pasos de peóns e o desbroce de rúas e estradas, e chegamos a xullo cunha vila sen sinalización horizontal, con rúas recen asfaltadas sen delimitar e con beirarrúas e camiños invadidos pola maleza, provocando unha imaxe dantesca e un serio perigo para os viandantes. É un auténtico milagre que non se producira un accidente fatal”. “Non é de recibo que se pinten parte das sinalizacións horizontais e se desbroce en pleno agosto” sentenciou. 

Otero incidiu tamén na falta de efectivos da Policía Local, na inexistencia dun servizo de guindastre e na falta de estacionamentos disuasorios. “Este verán O Grove converteuse practicamente nunha vila sen lei. Calquera podía aparcar diante dun garaxe, circular en dirección contraria ou ocupar beirarrúas sen que pasara nada. E mentres tanto, seguimos sen un servizo de guindastre, algo que levamos anos reclamando e que sería fundamental para garantir o cumprimento das normas e dar solución inmediata ás persoas afectadas”. “Este goberno non tivo capacidade para crear zonas de estacionamento disuasorio, tanto nas inmediacións dos areais como no propio casco urbano, a pesar de comprometerse a iso e contar con propostas enriba da mesa dende hai tempo. O abandono foi tal que incluso se reduciron prazas de estacionamento no aparcadoiro de Entrehortas debido á obra de humanización da zona, que acumula un serio retraso”. 

Tamén a concelleira Susana Millán cargou con dureza contra a xestión turística e a ausencia de planificación. “Neste último mes, o alcalde chegou a recoñecer que non estamos preparados para recibir a afluencia de visitantes, pero a realidade é que o que non está preparado é el nin o seu goberno. Despois de dez anos no poder, seguimos sen técnico especializado, sen un plan turístico, sen estratexia e sen mesas de traballo co sector. O que hai son declaracións vagas na prensa para xustificar o fracaso da súa xestión”. 

Millán fixo especial fincapé na problemática do autocaravanismo. “Pasamos do abandono absoluto á tentación de prohibir, e facelo de forma ilegal. O turismo de autocaravanas leva anos medrando e é tan respectable como calquera outro, pero necesita infraestruturas e servizos mínimos. Nós propuxemos a creación de áreas de autocaravanas con servizo de descarga e recollida de augas, gratuítas ou de pago, pero o goberno fixo oídos xordos. Se non se actúa, seguirán os problemas de convivencia e os discursos contra este tipo de visitantes”. “A acampada fóra dos espazos habilitados e as actitudes incívicas dunha parte dos autocaravanistas, como a do resto de visitantes e veciñanza, é sancionable sen necesidade de máis regularización, o problema é que non hai quen sancione”. 

 Para a concelleira de Esquerda Unida “a tempada pode considerarse exitosa en canto a afluencia, pero dubidamos que quen se achegou por primeira vez a O Grove contemple regresar o vindeiro ano”. Segundo Millán, “a solución pasa por contratar persoal especializado e sentar ao sector e traballar nunha planificación e unha estratexia turística conxunta que marque o camiño a seguir e as necesidades reais”. 

Pola súa parte, Anxo Meis, puxo o foco na situación dos paseos e accesos ás praias, que cualificou como “un perigo público”. “Levamos anos advertindo do deterioro das pasarelas de madeira e dos accesos aos areais, e a realidade é que cada ano están peor. Táboas levantadas, pasamáns rotos ou directamente inexistentes,… O resultado é que houbo numerosos incidentes, o máis grave o dunha persoa evacuada en helicóptero na zona de Pedras Negras. E o alcalde responde con cifras inventadas de máis de 4 millóns de euros para a súa reparación, sen auditoría nin informe técnico que o avale. Iso non é seriedade, é improvisación e abandono”. 

Meis insistiu en que esta situación podería terse evitado con algo tan simple como un plan de mantemento anual. “Non estamos falando de obras faraónicas, senón de revisar cada ano o estado dos paseos e accesos, reparar o que estea danado e asegurar a súa seguridade. Cando non se fai nada, o resultado é o que temos hoxe: infraestruturas en estado lamentable e risco para as persoas”. 

Outro dos puntos destacado por Meis foi a recollida selectiva de residuos, que, segundo denunciaron, “non funcionou como debería”. “Foron moitas as ocasións nas que os colectores de cartón, plástico e/ou vidro estiveron cheos durante días sen que a empresa encargada procedese á súa retirada. Xa o advertimos en pleno e pedimos aumentar a frecuencia de recollida, sobre todo no casco urbano polo incremento poboacional, pero o concello fixo caso omiso”. 

A situación levou a que moitos usuarios deixaran bolsas e caixas acumuladas a carón dos colectores, “ofrecendo unha imaxe lamentable da vila”. Meis lembrou que a primeira vez que EU denunciou o problema “díxosenos que fora un erro puntual, pero a realidade é que se repetiu en numerosas ocasións, demostrando que o problema é estrutural e de falta de previsión”. 

Os tres concelleiros coincidiron en que a vila non pode seguir neste camiño. “Cada verán a situación empeora, e todo porque non hai planificación, non hai mantemento e non se aposta polos servizos públicos. O Grove non pode seguir á deriva, funcionando a golpe de improvisación. Se non se toman medidas serias, cada tempada estival converterase nun problema maior ca o anterior”, concluíron. 

Entre as medidas que Esquerda Unida propón destacan: dotar de máis persoal e medios aos servizos municipais, crear unha brigada estable de limpeza e desbroce, poñer en marcha o servizo de guindastre e depósito de vehículos, habilitar zonas de estacionamento disuasorio, crear áreas para autocaravanas, mellorar a recollida selectiva de residuos e, sobre todo, abrir un debate serio sobre o futuro turístico da vila a través do Consello Local de Turismo e coa contratación dun técnico especializado. 

“Se non temos unha vila limpa, ordenada e mantida para nós mesmos, é imposible tela en boas condicións para os que nos visitan”, conclúen.