Amosando publicacións coa etiqueta SOS Sanidade Publica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta SOS Sanidade Publica. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de outubro de 2021

EU presenta unha moción de apoio á manifestación do 14 de novembro en defensa da Atención Primaria

O grupo municipal de Esquerda Unida elevará ao pleno do vindeiro día 2 de novembro unha moción na que pedirá o apoio da corporación á manifestación que a Plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada para o vindeiro 14 de novembro en Santiago de Compostela baixo o lema "Salvemos a Atención Primaria”. Así mesmo, pídese ao goberno municipal que poña autobuses a disposición das veciñas e veciños que queira acudir á manifestación.

Esquerda Unida considera de suma importancia a implicación do conxunto da sociedade meca nesta convocatoria pois, dende hai mais de dous anos, o Grove está a sufrir de primeira man a falta de facultativos no Centro de Saúde, chegando a situacións estremas como as vividas a pasada fin de semana, onde non houbo médico de urxencias, e as veciñas e veciños que precisaron do servizo tiveron que desprazarse a Pontevedra ou ao concello de Sanxenxo.

MOCIÓN COMPLETA

EN DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA E DE APOIO Á MANIFESTACIÓN DA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA O 14 DE NOVEMBRO EN SANTIAGO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Antes da pandemia da Covid-19 a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural, con déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal ás necesidades da poboación, a non renovación de xubilacións, baixas e vacacións e as demoras e masificación na asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular. Na actualidade, os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12% do orzamento sanitario total, que é evidentemente insuficiente e é urxente incrementalo.

Durante a pandemia, en Atención Primaria priorizouse a atención telefónica sobre a presencial o que impediu o acceso dos doentes aos centros sanitarios e reduciuse o aforo das salas de agarda obrigándoos a facer cola fóra dos centros de saúde. Suspendeuse a realización de probas e controles de saúde periódicos, sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas. Estas medidas para evitar a transmisión, están tendo consecuencias negativas na calidade da atención que reciben as e os cidadáns, entre elas o atraso no diagnóstico de patoloxías como as tumorais.

Hoxe temos agardas de máis de 10-12 días para recibir atención médica de forma telefónica no Centro de saúde, que poden chegar a un mes para unha consulta presencial, o que non é comprendido pola cidadanía e orixina nela un sentimento de abandono e desprotección por parte do Sistema Sanitario Público.

O contacto e a relación médico-paciente constitúe o alicerce fundamental da Atención Primaria, polo que manter esta modalidade de consulta telefónica ou telemática como base da atención sanitaria supón unha enorme limitación da accesibilidade, racionalidade e calidade do modelo sanitario. Isto xera malestar social e profesional que vai en aumento, cun deterioro da imaxe do Sistema Sanitario Público.

Durante os meses de confinamento, as traballadoras e os traballadores da Sanidade Publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía ao labor desenvolvido en durísimas condicións. Este recoñecemento abría a esperanza de que, tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsaría medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como recomendan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais. Lamentablemente a realidade é ben distinta e a cidadanía atopamos a mesma precariedade anterior acrecentada por unha atención baseada en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.

Hai que recuperar a atención presencial e o acceso aos centros o antes posible, para evitar un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación.

As barreiras de acceso á Atención Primaria favorece a privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da falta de equidade.

Para reverter esta situación, é necesario:

  • A apertura dos Centros de Saúde, con consultas 100% presenciais como única maneira de garantir a igualdade de oportunidades á poboación, nun entorno seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitarias: máscaras e distancia de seguridade.
  • Reapertura de todos os Consultorios existentes e que foron pechados pola pandemia da Covid-19.
  • Mellorar a accesibilidade acabando coas listas de espera, co desdobramento das consultas e o incremento de persoal para a súa atención. Limitando as consultas telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias, que non limiten ou interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores e traballadoras da Atención Primaria e a poboación, e que non sigan discriminando aínda máis ás persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas tecnoloxías.
  • Incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado á Atención Primaria. O obxectivo sería acadar o 25% en 5 anos.
  • Contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal, poñendo en marcha un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que volva a avaliar os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia consideran que: É urxente un cambio de política sanitaria da Xunta que poña en marcha medidas extraordinarias e urxentes, polo que esixen ao SERGAS e ao Goberno Galego:

  • A recuperación da accesibilidade aos centros asistenciais. Atención 100% Presencial XA!! 
  • Incremento do cadro de persoal, nos Centros de Saúde de Galicia.
  • Repoñer a Xerencia de Atención Primaria que eliminaron, como forma de organización específica da área e orzamento propio e non dependente do hospital de referencia.
A Xunta de Galicia do Sr. Núñez Feijóo é a única responsable do deterioro da Atención Primaria en beneficio da sanidade privada. Se non facemos unha forte presión social e profesional para conseguir cambios de calado, a nova realidade pos-pandemia pode deteriorar aínda máis a situación que vimos padecendo dende hai moito tempo.

A plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, tralo traballo que están a realizar as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública nos ámbitos locais, convocan unha Manifestación o domingo 14 de novembro, ás 12 h., en Santiago de Compostela, baixo o lema : “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA”, para reverter esta situación.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

  1. Pleno do Concello do Grove mostra o seu apoio á manifestación que a plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia convoca para o vindeiro domingo 14 de novembro, ás 12 horas en Santiago de Compostela baixo o lema: “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMAIRA”.
  2. Instar ao goberno municipal a poñer a disposición das veciñas e veciños do Grove uns autobuses gratuítos para asistir á citada manifestación, xestionando o propio concello as reservas das prazas.