Amosando publicacións coa etiqueta Urbanismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Urbanismo. Amosar todas as publicacións

14 xaneiro 2020

EU advirte que o PXOM non contempla a sentenza gañada a Costas no 2017



Os esquerdistas indican que a pesar de que a sentenza foi firme, as vivendas dos núcleos costeiros dentro dos cen metros seguen fóra de ordenación ou afectadas por ordes de demolición.

Solicitan ao concello que protexa á veciñanza incluíndo as vivendas, en base á sentenza, dentro das normas urbanísticas antes de que o PXOM se someta a aprobación.

O Grove, 13 de xaneiro de 2020. Dende a agrupación local de Esquerda Unida aseguran que o plan urbanístico, que Cacabelos anunciou que sometería a aprobación provisional o vindeiro mes de febreiro, deixa na mesma situación de irregularidade ás vivendas situadas nos núcleos costeiros do Grove.

Os esquerdistas recordan que O Grove conta cunha sentenza favorable dende principios do ano 2017 na que se recoñecen os núcleos costeiros e salvagardan as vivendas que na liña dos 20 e os 100 metros se atopaban fóra de ordenación ou con ordes de demolición. Así mesmo, indican que uns meses despois o propio Cacabelos anunciou na prensa que a sentenza era firme polo TSXG logo de que Costas non presentase recurso en tempo e forma e que só quedaba plasmar esa situación no documento urbanístico. Pero, dende Esquerda Unida aseguran que no documento presentado a finais do 2018 e que se atopa actualmente na web municipal non hai nada referente a esta sentenza e polo que puideron pescudar, tampouco na documentación que o Alcalde pretende expoñer nestas semanas se contempla esta situación, polo que consideran que as vivendas seguirán fóra de ordenación ou con ordes de demolición. 

É por iso que Esquerda Unida solicitou unha xuntanza con Cacabelos para tratar estes asuntos e piden que a sentenza do TSXG contra Costas se reflicta no PXOM antes de que este se someta a aprobación provisional do pleno co fin de protexer os núcleos costeiros consolidados de Rons, Agriños-Gandariña, Virxe das Mareas, Moreiras, Reboredo, A Igrexa-Praia de A Barcala, Carreiro, Espiño-Bizocas-Carreiro, Sobre do Pozo, As Laxes e Insuíña.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove


02 decembro 2018

EU esixe garantías sobre o PXOM e amosa a súa preocupación pola taxa anunciada para as edificacións fóra de ordenación

Pide que o goberno explique de onde xurde e como se calculará ese suposto cobro que o Concello quere aplicar aos que queden en situación de disconformidade co planeamento

Denuncia o deseño á carta das ordenanzas, que o goberno está adaptando ás peticións de arquitectos, aparelladores e, o máis preocupante, construtores 

Insta á veciñanza a introducir por Rexistro queixas e suxestións, pois trátase da única canle na que poden deixar constancia formal das mesmas

O Grove, 1 de decembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve denunciar a tramitación chapuceira, dubidosa e sometida a constantes cambios que o goberno local está a realizar en relación co PXOM. A formación considera preocupante que, cando apenas pasou un mes desde que o Concello fixo pública a súa proposta planimétrica, xa hai constancia de numerosos erros relacionados coa aliñación de viais, camiños e rúas. Especial preocupación suscita a taxa anunciada polo alcalde para as edificacións que queden en situación de disconformidade co planeamento. Toda unha sopresa da que nada se tiña dito ata este momento, e sobre a que EU esixe información clara e detallada.

A pesar de que no último pleno foron numerosas as dúbidas e preguntas relacionadas co PXOM que Esquerda Unida puxo sobre a mesa, a sesión rematou sen que o alcalde aportase respostas claras ás mesmas. Unha actitude esquiva que EU contempla con preocupación e que, entende, dá mostra da inaceptable falta de concreción da que aínda adoece o Plan Xeral de Ordenación Municipal proposto polo goberno local. 

Esquerda Unida denuncia os constantes cambios de datas, retrasos e rectificacións, e lembra que a oposición leva meses agardando unha suposta xuntanza para falar das ordenanzas de acompañamento que unha e outra vez o alcalde adía e volve adiar. A formación amosa a súa precupación ante o feito de que esas ordenanzas estean a ser adaptadas ás recomendacións e suxestións de arquitectos, aparelladores e construtores, de xeito totalmente opaco e de costas á cidadanía e aos grupos da corporación.

“Non hai datas, non hai información clara de como se tramitan as dúbidas, as queixas, ou as alegacións da veciñanza”, lamenta o responsable local de EU, que considera que o e-mail ou as xuntanzas individuais no despacho do alcalde en absoluto son a canle adecuada para iso. José Antonio Otero lembra ademais a precaria situación da oficina municipal de urbanismo, e insta á veciñanza a introducir por Rexistro calquera aportación en relación co PXOM; pois trátase da única canle a través da que poden deixar constancia oficial, dada a chapuceira e improvisada tramitación que está a levar adiante o goberno local.


Esquerda Unida lembra que, a pesar da súa obriga legal de facelo e do compromiso explícito do alcalde ao respecto, a día de hoxe as alegacións continúan sen contestar. Algo que incide aínda máis na sensación de desinformación, improvisación e na absoluta falta de garantías en relación a este planeamento urbanístico.

A formación ten constancia de que xa se teñen evidenciado diversos erros en relación á nova proposta planimétrica, sobre a que ao parecer están a realizarse novas modificacións, por exemplo relacionadas co novo vial que está previsto abrir entre As Bouzas e Castelao. Cambios en relación aos cales EU reclama información; ao igual que no que se refire ás propostas de aparelladores, arquitectos e construtores a unhas ordenanzas que o goberno local está a deseñar de xeito opaco e de costas á oposición. 

Así as cousas, Esquerda Unida volve criticar a constante improvisación que ven da man desta pseudoexposición pública, e insta a goberno local a actuar con responsabilidade. Nese senso, reclama que a exposición pública do PXOM modificado se realice de xeito formal, e insta ao Concello a habilitar unha oficina técnica a disposición da veciñanza.

25 abril 2018

EU reclama deixar os intereses electoralistas á marxe do PXOM e esixe a segunda exposición pública do documento


A pesar de tela solicitado por rexistro, a formación aínda non puido acceder á documentación do plan urbanístico redeseñado polo goberno de Cacabelos

Cre que non é de recibo que o alcalde pretenda eludir a segunda exposición aprobada por unanimidade en pleno para un proxecto que recibiu 4.000 alegacións

O Grove, 24 de abril de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida reclama valentía, seriedade e traballo conxunto para conseguir que O Grove conte, dunha vez por todas, cun Plan Xeral de Ordenación Municipal. Despois da xuntanza mantida hai uns días co alcalde, a formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero critica o proceder do rexedor; que nos case tres anos que o Concello leva traballando na modificación do planeamento mantivo á marxe aos grupos da oposición; que a estas alturas continúan sen coñecer o contido do PXOM.

“Os grupos da oposición atopámonos nunha situación de total desinformación no que respecta ao PXOM”. E é que as xuntanzas mantidas co goberno local en todo este tempo foron “escasas, carentes de contido e, no mellor dos casos, con información obsoleta”. Así o explica o grupo esquerdista, convencido de que o xeito de actuar do goberno de Cacabelos nun asunto de tal relevancia para o conxunto dos e das grovenses non é de recibo.

“Nunca un alcalde e un goberno municipal tiveron tanta manga ancha para traballar no PXOM”; asegura Esquerda Unida. Que lamenta que, a pesar da “total liberdade” que a oposición lle concedeu ao goberno local, “cando solicitamos por rexistro a información sobre o plan foinos negada”.

“Neste momento poderiamos estar todos remando no mesmo sentido” e colaborando para dotar ao municipio do tan necesario plan urbanístico. Pola contra, o alcalde pretende levar a pleno un documento que a oposición descoñece por completo, pois non tivo acceso á planimetría nin se lle deu a oportunidade de colaborar activamente ou de facer achegas. “Vémonos nunha situación de total desinformación, sen poder ofrecer nada aos veciños”, indican os edís de EU; convencidos de que a aprobación definitiva do documento non pode chegar sen a pertinente segunda exposición pública (que o pleno xa aprobou por unanimidade e que, agora, o alcalde pretende eludir).

Un PXOM novo
“Aínda que este PXOM é a continuación do aprobado inicialmente polo goberno de Miguel Ángel Pérez, polo pouco que coñecemos parece tratarse dun plan totalmente distinto. Polo que, de manterse as pretensións de Cacabelos, atopariámonos ante un PXOM sen exposición pública nin período de alegacións veciñais. Esa é a participación do PSOE”, indica EU. Que, ademais, destaca que en todo este tempo non se puxo a funcionar a Comisión de Urbanismo; “motivo polo cal descoñecemos se o traballo realizado foi, efectivamente, no sentido das alegacións presentadas polos veciños”.

Todo elo, unido “á alta contestación popular que tivo este planeamento e ao elevado número de alegacións presentadas”, fai que a segunda exposición pública formal sexa, ao entender dos esquerdistas, elemento indispensable.

“Desde EU observamos unha nova fuxida cara adiante do goberno de Cacabelos. Vemos dúas vías posibles: ou que o PSOE busque un parvo útil que lle asine un cheque en branco co que poder levar adiante o seu plan sen a aprobación popular; ou ben que pretenda culpar á oposición do fracaso, no caso de non ser capaces de sacar adiante o documento”. “Todos os partidos políticos queremos un PXOM para o noso Concello. Pero a única forma de facelo posible pasa pola aprobación popular; que unicamente pode darse con totais garantías cunha nova exposición pública que nos permita coñecer a opinión do pobo a través das correspondentes alegacións. O resto son estratexias electoralistas que nada teñen que ver con defender os intereses xerais do pobo”, remachan os edís de EU.

 

Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove