Amosando publicacións coa etiqueta Voluntarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Voluntarios. Amosar todas as publicacións

venres, 31 de marzo de 2017

Esquerda Unida pide o pintado dos pasos de peóns de Luis Seoane, limpeza nas rúas e outras melloras para os veciños

No  Pleno do pasado luns, o edil do Grupo Municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero, fixo unha serie de solicitudes e preguntas ao Goberno no derradeiro punto da orde do día.

O esquerdista volveu esixir, xa o fixera hai dous meses, que se pintasen os pasos de peóns de toda a rúa Luís Seoane (dende Abanca ata a Fonte dos Cabalos de Confín). Otero recordoulle á concelleira delegada que as condicións climatolóxicas que utilizou como escusa no pleno de xaneiro, non foi impedimento para marcar o paso de peóns do cruce do garda nin a sinalización da nova circulación e aparcadoiros do Monte da Vila.

Así mesmo, o edil de EU solicitou que se fixese unha revisión de todos os pasos de peóns do municipio e se pintasen os que estivesen en mal estado, poñendo como exemplo o da entrada da rúa Rosalía de Castro que, segundo indicou, é inexistente.

Continuando coa seguridade vial, o esquerdista pediu que se sinalizasen de mellor modo os lombos das estradas municipais, pois considera que hai ocasións en que é difícil apreciar a súa existencia ata o momento de ter que superalos. Cuestión que pode ocasionar graves problemas para os usuarios e veciños, aínda sen ter superado a velocidade permitida.

Otero tamén solicitou que se fixese un mantemento máis regular das diferentes rúas en canto a limpeza pois hai varias, e puxo como exemplo Rosalía de Castro, que mostran unha imaxe lamentable.

O edil esquerdista interesouse polo número de sancións que o concello tramitou nos dous últimos anos relacionadas coas deposicións caninas. Otero expresou a súa preocupación pola existencia de rúas nas que o seu tránsito se fai imposible sen ter que sortear os numerosos excrementos existentes. Así mesmo pediu contundencia ante este tipo de comportamentos do donos dos cans.

A situación do Centro de Saúde grovense foi outro dos temas que o edil de Esquerda Unida puxo sobre a mesa neste pleno. José A. Otero preguntoulle ao Concelleiro de Sanidade se estaba actuando para defender a sanidade pública no Grove pois, segundo indica, ten constancia do caos que está a provocar a baixa de varios médicos que non son substituídos, debendo facer fronte outros facultativos a un maior número de pacientes, o que ocasiona un problema a hora de resolver as problemática dos enfermos.

Tamén o Portal Cidadá da páxina web municipal foi eco de denuncia por parte do Grupo Municipal de Esquerda Unida, pois non funciona e nin tan sequera se poden descargar documentos.

Por último, Otero recordoulle ao goberno que segue á espera do Informe sobre os Voluntarios da Festa do Marisco. Un documento que, segundo o edil esquerdista, levan agardando máis de 5 meses e que debe elaborar o servizo municipal correspondente, polo que non aceptan as desculpas de falta de tempo da concelleira delegada, xa que iso lles crearía dubidas sobre a súa legalidade.


Cabe destacar que o goberno anunciou que tomaba nota das solicitudes para procurar realizalas, sen responder a ningunha delas no propio pleno. Tampouco dou resposta á pregunta relacionada coas multas por deposicións dos cans, nin se ían actuar con contundencia no tema. A concelleira de Turismo indicou que en breve se lle trasladaría ao Grupo Municipal de Esquerda Unida o documento sobre os voluntarios da Festa do Marisco. En canto ao problema do Centro de Saúde, o concelleiro de Sanidade anunciou que é coñecedor da problemática, pero non dou resposta sobre a actuación municipal neste aspecto, emprazando aos prexudicados a presentar reclamacións no propio centro.

sábado, 4 de febreiro de 2017

Esquerda Unida ante a situación do voluntariado da Festa do Marisco

O Grove, 3 de febreiro de 2017.- A raíz das informacións publicadas na prensa no día de hoxe (venres), así como da reunión que o goberno mantivo con traballadores da última edición da Festa do Marisco, Esquerda Unida quere comunicar á opinión pública, ao igual que fixo no seno do Consello Local de Turismo, o seu parecer sobre a situación creada trala apertura dun expediente por parte da Inspección de Traballo ao Concello do Grove, así como que se coñezan as iniciativas e advertencias que dende a agrupación de esquerdas viñeron realizando ao longo dos anos cos distintos gobernos municipais.

Segundo explican desde a agrupación que representan no Concello os edís Juan Lamelas e José Antonio Otero, “desde o noso Grupo Municipal levamos anos avisando de que o voluntariado da Festa do Marisco supón unha fraude á Seguridade Social ao ser postos de traballo encubertos, ademais de supoñer un menoscabo aos dereitos dos traballadores” polo que desde Esquerda Unida “propuxemos en numerosas ocasións, aos gobernos dos distintos mandatos, a eliminación da figura do voluntario na Festa do Marisco e a súa substitución por persoal contratado coa súa correspondente alta na Seguridade Social”. Unha petición que sempre caeu en saco roto ata o pasado ano, cando lograron que se reflectise nos Orzamentos Municipais 2016 tralas negociacións mantidas co goberno, e que finalmente o equipo liderado por José A. Cacabelos incumpriu ao alegar dificultades no proceso.

Os esquerdistas explican que “levamos esperando polo informe da selección dos voluntarios desde o 21 de outubro, data na que o solicitamos por primeira vez, e coincide que esta mesma semana volvemos a solicitalo en Pleno e a pesares de que xa tiñan planificada unha reunión cos traballadores non se nos dixo nada ao respecto”. Por este motivo dende Esquerda Unida consideran que “o proceder do goberno municipal neste asunto está deixando moito que desexar”. Así, desde a agrupación están tratando a posibilidade de pedir responsabilidades políticas ao concelleiro de persoal así como á concelleira de turismo e ao Alcalde. “Non só procederon de xeito incorrecto, se non que se encargaron de publicar nos medios de comunicación que ían cometer fraude á Seguridade Social, ao anunciar primeiro que farían contratos por acordo político con EU, e logo anunciar que recuaban e onde ía haber unha relación laboral habería un voluntario”.
A situación xerada causou preocupación en parte do persoal que traballou na Festa, polo que os concelleiros de EU mantiveron estes días xuntanzas con distintos traballadores, os cales lles trasladaron os seus casos particulares. “O Concello, ao ser responsable dunha mala praxe laboral, debe axudar a resolver os prexuízos que se lle puideron causar a algunhas das persoas que accederon a participar na Festa nunhas condicións e que agora atópanse con outras ben distintas”, sentencian dende EU.

Orzamentos 2017

Esta situación non lle virá nada ben ás intencións do Alcalde de negociar os orzamentos municipais para este ano. As contratacións da Festa do Marisco foi un dos puntos que o goberno aceptou incorporar aos orzamentos do ano pasado a proposta de Esquerda Unida, e non só non o cumpriron, se non que parece que podería chegar a converterse nun problema de gran envergadura para o Concello do Grove de non concretarse o acordo entre Concello e Inspección de Traballo. A isto hai que sumarlle a defensa que fai Cacabelos da figura do voluntariado na Festa. Segundo os esquerdistas “que o Alcalde defenda máis que nunca a figura do voluntariado na Festa do Marisco en contra do acordado con Esquerda Unida –e do criterio da Inspección de Traballo– non é unha boa maneira de ir a unha negociación con nós”.

Consello Político Local

Esquerda Unida O Grove

mércores, 1 de febreiro de 2017

Rogos e preguntas do Grupo Municipal de EU no Pleno de xaneiro

Os edís do Grupo Municipal de Esquerda Unida pediron explicación sobre diferentes asuntos municipais e realizaron unha serie de peticións de actuacións no transcurso do pleno deste mes de xaneiro.

Así, os esquerdistas quixeron coñecer de boca do goberno cal foi o motivo polo que foron rexeitadas as subvencións para a instalación dun ascensor na Casa do Concello e dun montacargas na Casa da Cultura e si se ía insistir para lograr a subvención ou se realizaría a obra por outras vías.
A subvención foi rexeitada por problemas técnicos, esa foi o único argumento utilizado pola concelleira de Obras, que non quixo dar explicacións máis pormenorizadas. Así mesmo asegurou que seguirán traballando para acadar estas obras.

Unha cuestión que preocupa aos veciños do barrio de Meloxo, e que Juan Lamelas e José Antonio Otero trasladaron a pleno,  foi a obra de reforma do lavadoiro existente na zona e que leva máis dun ano pechado por deterioro. Unha pregunta que xa fora realizada polos edís de EU en marzo do ano pasado e que tivo repetición en outros plenos por parte doutros compañeiros de corporación así como en diferentes xuntanzas que o Grupo Municipal mantivo co Goberno. A día de hoxe seguen sen comezar as obras de reforma e polo visto, segundo indicacións tamén da Concelleira de Obras, están agardando polo permiso de Patrimonio.

Os esquerdistas tamén se preocuparon pola seguridade dos viandantes da rúa Luis Seoane, pois dende que se realizaron obras de asfaltado hai varios meses, seguen sen estar pintados os pasos de peóns a un lado e o outro da intersección coa Luís Casais. As disculpas ofrecidas pola concelleira delegada foi que a climatoloxía impideu o pintado dos mesmos, resposta que non convenceu a ningún dos presentes, pois este foi un dos invernos máis secos dos últimos anos.

Outra das zonas nas que os edís de Esquerda Unida se centraron foi a rúa da Bouzas onde solicitaron que, aproveitando os cambios de ciruculación realizados no Monte da Vila e arredores, se delimitara un carril de peóns para garantir a seguridade dos veciños e sobre todo dos numerosos estudantes que a diario se desprazan ao Instituto por esa rúa. Unha petición que foi realizada en reiteradas ocasións polo Grupo Municipal de EU.
A concelleira de obras indicou que están agardando por uns bolardos para realizar a delimitación correspondente.

O parque Canino da Toxa foi outro dos asuntos que os edís esquerdistas trasladaron á sesión plenaria pois tras solicitar, hai preto dun ano, que se instalaran indicadores e penais coas normas de uso, o goberno fixo caso omiso. 
Dende a concellería recoñeceron o erro e aseguraron que os colocarían na maior brevidade posible.

Lamelas e Otero preguntaron tamén pola situación dun camiño que bordea o campo de golf dende a urbanización próxima á ponte da Toxa. Un camiño que era utilizado habitualmente por numerosos atletas e que que hai unhas semanas foi pechado ao transito. Os edís preguntaron si era de titularidade pública e que de ser así se esixira a apertura e se depuraran responsabilidades. 
O Alcalde asegurou non saber quen pechara o mesmo e que trasladaría a petición a Costas, pois son eles os titulares do camiño.

Outra das solicitudes fixo referencia ás casetas de socorristas da praia da Lanzada, concretamente á máis próxima á zona do Sanatorio, pois se atopa nun lamentable estado de abandono. Os esquerdistas aseguran que o pasado verán este posto ocasionou algún que outro susto por desprendementos da súa estrutura e que os socorristas non se atreven a subir á zona alta de vixilancia por medo a sufrir danos. Por ese motivo solicitaron que se arranxase e se fixese unha revisión do resto para solucionar os problemas que poidan ter co propósito de ofrecer seguridade aos traballadores e usuarios.
Dende o goberno indicaron que traballarán na mellora destes postos.

Continuando coa batería de peticións, os esquerdistas trasladaron a queixa de varios usuarios da Casa da Cultura, pois aseguran lles é imposible realizar as tarefas con normalidade ante a deficiente conexión a internet
A concelleira de Cultura recoñeceu ter constancia das queixas e que están traballando na mellora da conexión.

Dirixida á concelleira de Cultura foi tamén a petición de seguridade na planta baixa da Casa do Concello, pois foron varios os artistas que expoñen nas salas deste edificio os que trasladaron a súa preocupación pola falta de vixianza cando exhiben as súas obras.
Dende a concellería aseguraron que son coñecedores da preocupación e que procurarán unha solución o máis axiña posible.

Por último, os concelleiros volveron solicitar que se lles trasladase a documentación relativa ao proceso de selección dos voluntarios da Festa do Marisco, pois hai máis de tres meses que rexistraron a petición e a día de hoxe non contan coa mesma.

[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]

Prensa:

Un año de espera por el lavadero de Meloxo y los letreros para perros [ver noticia web]

sábado, 8 de agosto de 2015

Esquerda Unida solicitou criterios socioeconómicos á hora de seleccionar voluntarios para a Festa do Marisco

Os concelleiros de EU no Pleno. Foto: todogrove.es
No pleno do pasado 3 de agosto, os concelleiros de Esquerda Unida, Juan Lamelas e Jose A. Otero, solicitaron a través do punto de rogos e preguntas que para a selección do persoal que traballará como voluntario na Festa do marisco o goberno local teña en conta unha serie de criterios: que para a inscrición como voluntario se solicite copia da tarxeta do paro e o tempo que leva o solicitante como demandante de emprego, que non se seleccione como voluntario/a a ningunha persoa que se atope activa laboralmente, e que a hora de realizar a selección de persoal se valore a situación laboral, económica e social dos solicitantes, primando aos que leven máis tempo no paro e se atopen nunha situación económica de risco. Ademais, os concelleiros de EU pediron que se camiñe cara un sistema de contratación en vez de voluntarios de cara a vindeiras edicións da Festa do Marisco. 

Unha petición que tivo boa acollida por parte do goberno, que aplicará os criterios socioeconómicos na edición de este ano e valorará de cara ao futuro mudar o sistema de voluntariado por contratacións.

Esta non foi a única petición realizada polos esquerdistas, pois ademais solicitaron que se dese solución e se depurasen responsabilidades co vertido de escombro na rúa Irmáns Otero Goday, que se arranxase o valado do parque infantil de Rons, que se retirase ou aproveitase o panel do Cicri para a promoción turística do Grove, que se limpasen con frecuencia os areais do concello, que se arranxase o acceso á praia da Lavaxeira, que se revisase os problemas de cheiros e ruídos procedentes da canalización da EDAR na zona da Gandariña, que se solucionase o problema de seguridade no Portal Cidadá da web municipal e que se instalase un espello na zona do camiño do lavadoiro de Balea. 

Así mesmo, os concelleiros de EU preguntaron pola situación da recollida selectiva, logo de comprobar como en varias ocasións os colectores se atoparon cheos durante máis dun día, solicitando tamén que se ampliase a recollida durante os meses de verán. Tamén preguntaron si a empresa encargada das obras do gas tiñan previsto asfaltar as rúas e arranxar as beirarrúas por onde realizaron a canalización. Por último, solicitaron información pola falta de policías locais durante as noites do mes de xullo e instaron ao Alcalde a poñer en marcha o servizo durante o mes de agosto.

Todas os rogos e preguntas, que foron introducidos por rexistro antes do pleno, foron respondidos polos concelleiros delegados na sesión ordinaria.