Amosando publicacións coa etiqueta Plan de Mobilidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Plan de Mobilidade. Amosar todas as publicacións

venres, 27 de setembro de 2019

Esquerda Unida achega as súas propostas para o Plan de Mobilidade


Os esquerdistas presentaron un extenso documento no que propoñen a apertura dunha estrada entre a Xoán XXIII e o Monte da Vila, a humanización da rúa Corgo, o traslado da parada de taxis á Avenida Beiramar, a instalación de puntos de carga para vehículos eléctricos, a posta en marcha dun mapa metrominuto ou a creación dun parque infantil de tráfico.

A dotación de aparcamentos a través de convenios cos veciños con solares sen urbanizar ou a dotación de accesibilidade de numerosos pasos de peóns do casco urbano foron outras das demandas incluídas no documento trasladado ao concello.

O Grove, 26 de setembro de 2019.  Hai dúas semanas, os grupos municipais reuníronse para valorar o documento que o goberno ten elaborado sobre o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Un documento formado por 42 propostas de actuación, divididas en 20 obxectivos e 9 liñas estratéxicas –varias xa executadas– que dende Esquerda Unida valoran como escasas ademais de consideralas “unha simple declaración de intencións, xa que non se contemplan prioridades, tempos de execución, nin contan con previsión orzamentaria”. 

Segundo o seu voceiro, José Antonio Otero, “resulta incomprensible que o documento volva falar da creación dunha mesa de mobilidade na que se atopen os grupos municipais, técnicos de mobilidade e actores sociais relacionados coa mobilidade, pois xa se contemplaba no documento inicial e reclamamos a súa posta en marcha en repetidas ocasións durante anterior mandato. “A día de hoxe non se puxo en funcionamento nin vemos intención de facelo”, sentencia Otero. A pesar diso, o esquerdistas considera que, “agora cando menos contamos cunha base na que traballar e por iso achegamos ao goberno un documento cunha serie de propostas para complementar o PMUS”.

Entre as propostas realizadas, os esquerdistas consideran prioritaria a apertura dunha estrada que una o Monte da Vila coa rúa Xoán XXIII, “xa que suporía unha fluidez e mellor acceso á sobresaturada zona do Monte da Vila” onde, tal e como indican, se atopan tres infraestruturas deportivas, dúas culturais (logo da futura construción do Auditorio), unha social, unha sanitaria e unha educativa. “Esta estrada si é prioritaria e non a que pretende executar o goberno nas Bouzas, ademais, atópase contemplada nas Normas Subsidiarias e no PXOM polo que se pode iniciar a súa apertura” conclúe José Antonio Otero.

Outra das cuestións que abordan é a necesidade de humanizar a rúa que transcorre por detrás da Casa do Concello e que desemboca ao carón do Xulgado de Paz, “unha rúa que no seu tramo medio conta con pouca accesibilidade e no tramo final está nun estado lamentable e perigoso para os peóns” indica José Antonio Otero. O traslado da parada de taxis á zona do Corgo, “tal e como leva reclamando o colectivo dende hai anos” é outra das medidas que os esquerdistas entenden hai que acometer, amais de sinalar que esa medida “permitiría usar a actual parada como zona carga e descarga co propósito de reducir o tránsito de vehículos de transporte pola Catorse”. Así mesmo dende Esquerda Unida tamén solicitan se faga efectiva a posta en funcionamento dun punto de carga para vehículos eléctricos na Avenida Beiramar, “tal e como se contemplaba no proxecto de desdobre desa estrada”. Tamén fan referencia á necesidade de crear un mapa a semellanza do Metrominuto que impulsou a cidade de Pontevedra e que xa foi copiada por numerosos concellos e cidades de todo o estado, co propósito de fomentar os desprazamentos sen vehículos; ou á creación dun parque infantil de tráfico, que permitiría contar cun espazo seguro onde se poidan impartir clases de seguridade viaria e os rapaces gocen dunha zona libre de tráfico onde moverse con vehículos non motorizados con seguridade á par que aprenden as normas de circulación.

No documento trasladado ao concello, Esquerda Unida aproveitou para expoñer a necesidade de aumentar os aparcamento dentro do casco urbano e para iso ofrece, de forma gráfica, “as numerosas posibilidades que existen con bolsas de terreos sen urbanizar que, previa negociación cos propietarios, se poden destinar para cear zonas de aparcamento que contrarresten as prazas eliminadas tralas peonalizacións”. Por último, os esquerdistas demandan unha actuación de melloras de accesibilidade na zona urbana e para iso presentan un arquivo fotográfico de “un gran número de pasos de peóns que non contan coas ramplas correspondentes para que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder sen impedimentos”.

O voceiro de Esquerda Unida remata indicando que a “maioría destas cuestións xa foron expostas na xuntanza que tivemos os voceiros, e o que facemos agora é plasmalo nun documento para que non existan escusas, se valoren as propostas de forma conxunta e se actúe”.  

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

[descargar documento coas propostas de EU

venres, 22 de marzo de 2019

EU denuncia a continua improvisación do PSOE e reclama un plan de mobilidade consensuado, realista e con visión de conxunto

A formación reclama un PMUS exhaustivo, que teña en conta as achegas de expertos e axentes sociopolíticos e que permita trazar unha folla de ruta clara para o conxunto do casco urbano

Critica as decisións unilaterias e sen fundamento do goberno local, así como os problemas de tráfico xerados por peonalizacións e cambios de sentido impulsados sen ter en conta as característias do conxunto da rede viaria

O Grove, 21 de marzo de 2019.- Esquerda Unida denuncia a continua improvisación do PSOE no que a mobilidade e tráfico se refire, e insta ao goberno local a actuar con responsabilidade e a impulsar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible que O Grove precisa. A formación denuncia os problemas circulatorios causados polas ideas inconexas do grupo de Jose Cacabelos, que continúa amosando a súa incapacidade de impulsar un PMUS rigoroso e con visión de conxunto e apostando por parches e solucións a salto de mata para solventar problemas que el mesmo creou.

EU insta ao goberno local a deixar de lado a improvisación e a dar forma a un Plan de Mobilidade Urbana realista e ben fundamentado, que teña en conta as características do conxunto da rede viaria grovense e que realmente permita rematar cos problemas de tráfico que esta padece. Moi lonxe de avanzar nesa dirección, e a pesar das continuas reclamacións do grupo de Esquerda Unida ao respecto, o alcalde continúa anunciando cambios illados e decididos de xeito unilateral. “O goberno local estase escudando nun Plan de Mobilidade Urbana Sostible para realizar peonalización e cambios de sentido e solicitar subvencións, cando en realidade non se ten avanzado nada dende a aprobación hai dous anos do documento base. Un documento que indicaba como primeiro paso para o avance do PMUS a participación tanto cidadá como política, coa creación de grupos de traballo onde estean representados os partidos e representantes sociais, económicos, laborais e medio ambientais. Así como unha comisión composta por técnicos en materia de transporte e urbanismo, medio ambiente, integración social e representantes do transporte público. Todo isto contando coa implicación do público, representado por diferentes colectivos relacionados coa mobilidade, pois a cidadanía é a clave en todo o proceso de elaboración, implantación  e seguimento do PMUS”, explica o responsable local de EU.

Moi lonxe de avanzar nesa senda, o alcalde anuncia agora a súa intención de invertir o sentido de circulación no Paseo de Lordelo para solucionar un problema que el mesmo provocou. “Estamos ante unha nova decisión de Cacabelos ao tun tun, que atende á un intento de solventar un problema ocasionado pola súas decisións sen planificación”, indica José Antonio Otero, que lembra as advertencias que Esquerda Unida xa realizou no pasado en relación ao incremento do tráfico e os problemas que o peche dun sentido de circulación no primeiro treito de Alexandre Bóveda ía ocasionar en ruelas da contorna como Sol, Raposeira, Dornas, Horta do Río ou Avenida de Hortos. Rúas estreitas que non estaban preparadas para acoller a densidade de tráfico provocada polas ocorrencias do PSOE. “Daquela non se nos fixo caso, e mesmo se nos tentaba atacar por esas advertencias. Agora é o propio alcalde o que tenta xustificar o cambio de sentido do paseo de Lordelo para reducir o tráfico nesas mesmas rúas que, como xa dixemos, el mesmo provocou”.

Chegamos a este punto, Esquerda Unida advirte das consecuencias desta nova decisión apresurada, “pois derivar a circulación cara ao Corgo vai provocar continuos caos na zona portuaria, máxime en días de mercado e peches da praza por festas como o Carme e o Marisco. E todo isto por non traballar o Plan de Mobilidade de forma consensuada e tomar as decisions en base a unha planificación organizada”.

Esquerda Unida  insta ao goberno local a actuar con rigor e a impulsar a posta en marcha do PMUS. “Levamos dous anos solicitando as devanditas xuntanzas e atopándonos con continuas escusas dende o executivo local. E o que é peor: con modificacións e anexos ao PMUS e, como se está vendo neste último ano, propostas de modificacións de rúas e estradas impulsadas sen tan sequera ter reunido a políticos e veciños previamente”.

A formación considera imprescindible elaborar canto antes un plan de mobilidade no que participen técnicos de mobilidade, Policía Local, Garda Civil e servizos de emerxencias, así como actores sociais e partidos politicos. “Que sexa eleborado en conxunto, en consenso  (un factor moi importante, pois dará lugar a que todos estaremos implicados e calquera goberno futuro continuará traballando sobre esa mesma base). E, sobre todo, que estea orzamentado. Unha elaboración global que “vai a marcar o camiño a tomar e sobre todo por onde comezar para non crear un caos circulatorio. Non sucede isto agora, cando foi aprobado un plan que marcaba esas pautas, pero que se usou para que o goberno movera e queira seguir movendo direccións. Para penalizar rúas a golpe de ocorrencias, ocasionando caos circulatorio e prexuizos para a veciñanza”, denuncia EU, que anima a traballar en colaboración coa veciñanza e cunha programación clara.