
O grupo municipal de Esquerda Unida
elevará ao pleno de xuño unha proposta na que insta ao goberno municipal a
crear un censo de persoas que viven soas e a combater a soidade non desexada.
Segundo Esquerda Unida, o alto
índice de envellecemento da poboación galega (no Grove sitúase nos 130,82)
sumado ao crecemento continuo dos fogares unipersoais, provoca que cada vez
sexa maior o número de persoas maiores que viven soas, se a isto se lle suma
que moitas desas persoas teñen algún tipo de dependencia ou unha renda baixa,
os esquerdistas entenden que existe un problema no que é preciso unha
intervención por parte das administracións, neste caso da local.
Por ese motivo, o grupo municipal
de Esquerda Unida pedirán no pleno do vindeiro luns, que o Concello cree
un censo municipal, voluntario, de persoas que viven soas, co propósito de
coñecer a situación real deses fogares e poder intervir en melloras e/ou
solucións. Así mesmo, instarán ao goberno municipal a crear un Plan de
Envellecemento Activo para ofrecer un servizo de axuda, información e acompañamento
ás persoas maiores. Por último, solicitarán a adhesión á rede de Cidades
Amigables coas Persoas Maiores e ao proxecto Cidades que Coidan, para converter
O Grove nunha cidade coidadora.
Moción Completa:
MOCIÓN PARA A ELABORACIÓN DUN CENSO DE PERSOAS QUE VIVEN
SOAS E A POSTA EN MARCHA DUN PLAN DE ENVELLECEMENTO ACTIVO PARA COMBATER A
SOIDADE NON DESEXADA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O envellecemento
da poboación é un dos datos máis preocupantes para as galegas e galegos, que
ven como o grupo de maiores de 65 anos foi crecendo progresivamente ao longo
dos últimos 40 anos. Segundos os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE)
no ano 2020 a idade media da poboación da nosa comunidade sitúase en 47,28 anos
e o índice de envellecemento da poboación é dun 160,40. Na provincia de
Pontevedra, a idade media redúcese ata os 45,88 anos, ao igual que o índice de
envellecemento (132,72). Nuns datos similares se atopa a Comarca do Salnés,
onde a idade media é de 45,40 namentres o índice de envellecemento está nos
127,20.
Os datos do
Concello do Grove non distan moito dos anteriores, se ben está por debaixo dos
autonómicos, non é así comparándoos cos provinciais e comarcais. No noso
concello a idade media sitúase moi preto dos 46 anos (45,90) e o índice de envellecemento
atópase nos 130,82. Segundo datos a 31 de decembro de 2020, un total de 2.375
veciñas e veciños superan os 65 anos de idade (1.329 mulleres e 1.046 homes), o
que supón o 22,58 % da poboación. En base á proxección que fai o IGE para a
comarca, no 2.035 o grupo de maiores de 65 anos suporá o 31,28% da poboación do
Salnés. Extrapolando esa porcentaxe ao Grove, dentro de 15 anos os maiores de
65 anos aumentará en case 1.000 persoas, chegando ás 3.290.
Se a estes datos
lle sumamos que cada vez é maior o número de fogares unipersoais –no 2019 a
cifra situábase no 22,30% dos fogares galegos–, que máis dun 50% dos mesmos
están ocupados por persoas que superan os 65 anos e que, nunha porcentaxe alta,
estas contan con algún tipo de dependencia ou cunha renda baixa, atopámonos con
un problema real e preocupante. A maiores, atopámonos coa problemática da
soidade non desexada.
A soidade non
desexada é unha circunstancia que afecta a, cada vez, máis persoas adultas, e
especialmente ás persoas maiores de 65 anos, tal e como indicamos cos datos
anteriores. Diferentes estudos constatan que, se ben a soidade non desexada e o
illamento social incide en todas as etapas da vida, agudízanse notablemente
durante a vellez, ocasionando un impacto directo e negativo sobre a saúde e o
benestar de quen o padecen. Supón unha fonte de sufrimento para as persoas e
afecta ao seu dereito de participación na sociedade, tendo consecuencias
negativas en varios ámbitos a nivel individual, como na saúde e, con iso,
xerando custos a nivel social.
Os factores que
inciden no sentimento de soidade son varios e de diferente natureza:
Intrapersoais (personalidade, expectativas...); acontecementos vitais (perdas
de seres queridos, xubilación...); estruturais (condicións da vivenda,
accesibilidade...); recursos e servizos; existencia de relacións; participación
social...
Por outro lado,
o aumento da esperanza de vida significa que as persoas que sofren unha falta
de relacións, a escaseza ou ausencia de vínculos emocionais e a perda de
autoconfianza , teñen que soportar esa situación durante unha larga etapa da
súa vida, o que favorece a consolidación dunha sensación de non saber a quen
acudir ou confiar en caso de necesidade.
Dende Esquerda
Unida non somos alleos a estes datos e a que O Grove tamén conta con numerosos
veciños e veciñas que se atopan nesta situación, agravada de forma considerable
neste último ano debido á Pandemia, e cremos que o Concello ten que desenrolar
algún tipo de ferramenta que favoreza a detección de casos, así como a posterior
intervención e atención, co fin de fomentar a protección, a seguridade e o
benestar emocional das persoas afectadas.
Consideramos que
unha desas ferramentas é a creación dun censo de persoas que viven soas, co
propósito de coñecer a súa situación real no noso concello e poder incidir
directamente en franxas de idade concretas ou nos colectivos máis
vulnerables.
A inclusión da
veciñanza no censo ten que ser voluntaria, se ben o Concello ten que incidir na
necesidade de participar no mesmo, e os seus datos serán tratados con estrito
cumprimento da normativa de protección de datos e serán empregados coa
finalidade de servicio público que inspira esta proposta.
Neste caso non
existe rango de idade, pois o propósito é coñecer o número e as características
das persoas que habitan en fogares unipersoais.
Con ese censo,
xurde a proposta dun Plan de Envellecemento Activo para que, dende o Concello e
coa colaboración da Concellería de Asuntos Sociais e outros departamentos
municipais, se poida ofrecer un servizo de axuda, información e acompañamento
ás persoas maiores da nosa localidade que o necesiten.
Os obxectivos
deste plan son:
- Coñecer
as necesidades das persoas maiores que viven soas na nosa vila.
- Ofrecer
información de actividades lúdicas que poidan ser do seu interese.
- Ofrecer
alternativas de ocio.
- Informar
e solicitar o servizo de teleasistencia de forma gratuíta.
- Fomentar
as relacións persoais.
- Crear
unha rede de axuda e acompañamento na que poidan colaborar as veciñas e veciños
que queiran participar.
A participación
no plan tamén ten que ser voluntaria. O Concello pode contactar vía
postal/presencial coas persoas maiores que viven soas e ás que poida
interesarlle participar neste plan. Neste caso, o plan vai dirixido a un tipo
de veciñanza concreto e o rango de idade pode comezar aos 65 anos. As persoas
interesadas en participar en este Plan farano, ao igual que no censo, de forma
voluntaria e o seus datos tamén serán tratados con estrito cumprimento da
normativa de protección de datos.
A maiores, entendemos
precisa a adhesión á rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores (www.ciudadesamigables.imserso.es), un proxecto promovido pola OMS no 2010 como resposta ao rápido
envellecemento da poboación e co obxectivo de conectar cidades, comunidades e
organizacións en todo o mundo coa visión común de facer do seu entorno un lugar
mellor onde envellecer dignamente e con calidade. Unha iniciativa centrada na
acción local, que aborda de maneira integral os aspectos que afectan ao día a
día das vilas e cidades promovendo a participación das persoas maiores, tendo
en conta as súas necesidades, opinións e propostas no proceso de análise e
mellora da localidade en diversos ámbitos, co fin último de promover un
envellecemento saudable e activo.
Participar no
proxecto “Ciudades que Cuidan” (www.ciudadesquecuidan.com), co propósito de que O Grove se converta nunha Cidade Coidadora
e acadar os seus 5 obxectivos:
1. Xerar relacións participativas.
2. Fomentar o desenrolo comunitario.
3. Establecer paternariados.
4. Educar sobre o final da vida.
5. Énfase ambiental.
Como sociedade
estamos en débeda cos nosos maiores e non podemos deixalos sós nos peores
momentos.
Por todo o anteriormente
exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración
do pleno a aprobación da seguinte
PROPOSTA
DE ACORDO
1. Elaborar un Censo municipal de
persoas que viven soas. De inscrición voluntaria e na que os datos sexan
tratados con estrito cumprimento da Lei de Protección de Datos.
2. Elaborar un Plan de
Envellecemento Activo cos seguintes obxectivos:
a) Coñecer as necesidades das
persoas maiores que viven soas na nosa vila.
b) Ofrecer información de
actividades lúdicas que poidan ser do seu interese.
c) Ofrecer alternativas de ocio.
d) Informar e solicitar o servizo de
teleasistencia de forma gratuíta.
e) Fomentar as relacións persoais.
f) Crear unha rede de axuda e acompañamento na que poidan colaborar
as veciñas e veciños que queiran participar.
3. A adherirse á rede de Cidades
Amigables coas Persoas Maiores (www.ciudadesamigables.imserso.es).
4. A adherirse ao proxecto “Ciudades
que Cuidan” (www.ciudadesquecuidan.com), co propósito
de que O Grove se converta nunha Cidade Coidadora.